Desde La Voz de Galicia:
“Todo comezou como un reto, polo desafío da súa amiga a bibliotecaria Lorena Gómez Méndez, que lle dixo: «Ti o que tes que facer é unha campus novel». Andaba Inma López Silva (Compostela, 1978) daquela a enfiar versos para o poemario Clepsidras, co que deseguido gañou o premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Foi hai catro anos cando se puxo con Escola de mulleres, aínda que se lle meteu polo medio a novela-pescuda familiar do avó fascista. E unha cousa derivou noutra: «Ao final, rematei por darlle unha volta ao xénero, aquilo da campus novel foi só unha feliz escusa».
Moi cedo deu co personaxe: unha profesora de francés na Universidade de Santiago, unha deses docentes que están contratados como doutores, sen aliciente para crecer, atrapados entre liortas de departamentos, xentes que, pese a seu estatus económico e social privilexiado, se enlaman no desánimo —detalla a autora—. Casada cun xenio da Teoría da Literatura e enleada cun amante catedrático de Física Teórica que devece por ser reitor, transita Gloria ese marasmo.
O amor furtivo non enche a existencia da protagonista, que carga pesadamente a súa lousa laboral. Un aspecto, confesa Inma López Silva, que está inspirado na súa propia experiencia. «Eu pasei por iso, pero souben reaccionar a tempo. É ese un limbo no que quedaron moitos, xente moi brillante, igual que Gloria. Ela nunca vai ser funcionaria nin seguir ascendendo; non perderá o seu traballo, pero esa acomodación agravará o desánimo. Pregúntase se realmente ten sentido seguir aí». Ao tempo, está nunha situación na que che venden un estilo de vida que serve de narcotizante: «A universidade non che ofrece unha carreira laboral lóxica, pero ofréceche un estatus, comodidade, pero non ambicións». Non parece un camiño moi san, pero continúas aí, permaneces, insiste a narradora.
Este mansío enfermizo reborda nun momento tráxico, terrible, cando a filla de cinco anos de Gloria morre dun ictus diante dela. Entón todo choca de fociños coa súa perspectiva, virando cara a un efecto traumático. “O feito”, como ela se refire á morte, empúxaa a repensalo todo, deixar a súa vida. Agroma aí con forza, como algo ao que aferrarse, a ilusión que sempre tivo de montar unha libraría. Pero tal proxectos precisa uns cartos que a profesora de francés non ten. E, subida nesa onda, case como unha surfeira cega, nunha fuxida cara a adiante, decide conseguir diñeiro ao prezo que sexa.
Entrará Gloria nunha espiral de destrución que, explica López Silva, a leva á loucura, que é, xunto coa perda, o gran tema de Escola de mulleres. «Cando se produce un momento traumático nunha persoa que non está xa moi ben… a que estamos dispostos a chegar para cumprir un soño? Esta é tamén unha das cuestións motoras da novela», incide, para puntualizar que se trata da historia, por riba diso, dunha muller valente que, pese aos riscos, se enfronta a tumba aberta ás ameazas e ás barreiras, aos obstáculos que lle poñen, para construírse a vida que desexa vivir. (…)”