Desde a Deputación da Coruña:
“O Pazo de Mariñán acolleu o 27 de outubro a xuntanza do xurado do Premio Otero Pedrayo 2026, convocado nesta edición pola Deputación da Coruña de acordo co carácter rotatorio anual estabelecido no regulamento do certame. Tras a deliberación dos seus membros, acordouse concederlles por maioría este recoñecemento aos tres humoristas gráficos Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo”. Trátase dunha proposta da propia Deputación da Coruña que se suma á histórica nómina dun premio que ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria dunha das figuras máis senlleiras da cultura galega, recoñecer un labor que constitúa unha contribución eminente ao país e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven á mellora da súa cidadanía e institucións.
A Deputación da Coruña propuxo a candidatura dos tres humoristas gráficos Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo” por “levar 50 anos publicando unha viñeta diaria, sendo, por tanto, cronistas da historia de Galicia destes últimos 50 anos” tal e como destacou Manel Cráneo na reunión. Con este premio, o xurado recoñece “o valor indiscutible do humor gráfico como contribución á cultura de Galicia”.
A xuntanza do xurado estivo presidida por Anxo Manuel Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, mentres que a vicepresidencia recaeu na deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González. Na xuntanza participaron tamén, en calidade de vogais e en representación das distintas institucións, o deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Manuel Fernández; a funcionaria do servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ruth González Reyes; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; e o secretario xeral de Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García.
A representación do ámbito académico e científico estivo integrada por Ana Cabana, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela; Alfonso Caride, técnico superior de actividades culturais da Universidade de Vigo; Manuel Ferreiro, catedrático emérito de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña; María López-Sández, académica de número da Real Academia Galega; Pablo Santiago Otero Piñeyro Maseda, director do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, e Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo.
Así mesmo, formaron parte do órgano reitor como personalidades de recoñecida autoridade científica e literaria o poeta Luís González Tosar (designado pola Xunta de Galicia): o ilustrador Manel Cráneo (pola Deputación da Coruña); o historiador e catedrático emérito da Universidade de Vigo Jesús de Juana López (pola Deputación de Ourense) e a técnica de xestión cultural da Deputación de Pontevedra Begoña Fernández (pola Deputación de Pontevedra), xunto con Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Cultura, Igualdade e Dereitos Civís da institución coruñesa, na secretaría do xurado.
O galardón conta cunha dotación económica de 16.000 euros, unha contía que achegan conxuntamente as catro deputacións provinciais e a Xunta de Galicia. Coa resolución adoptada hoxe, a organización prepara xa o acto formal de entrega do galardón, que se desenvolverá antes de finais de ano. Con este fallo, Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo” incorpóranse a un dos recoñecementos máis relevantes do panorama cultural galego, sucedendo a premiados de edicións recentes como a Coral Polifónica de Pontevedra en 2025, a Coral de Ruada en 2024, Darío Villanueva en 2023, Ángel Carracedo en 2022, e Rosario Álvarez e Menchu Lamas en 2021.”
Arquivos da etiqueta: Sol Agra
A Coruña: Día da Galiza Mártir 2026
Entrega do I Certame do Batallón Literario da Costa da Morte, en Cee
Cee: entrega do I Certame do Batallón Literario da Costa da Morte
Compostela: Xornada VII Pensar con Orgullo, o 18 de xuño
Xornada VII Pensar con Orgullo, en Compostela
A Deputación recoñece a Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G nos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua
Desde a Deputación da Coruña:
“A Deputación da Coruña recoñece nos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua a Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G. O certame, dotado con 5.000 euros para cada unha das categorías, está convocado pola Área de Lingua da Deputación e ten como obxectivo recoñecer persoas, entidades e iniciativas comprometidas coa promoción social do galego e co seu futuro, especialmente entre a infancia e a mocidade. Na edición deste ano presentáronse 31 candidaturas, das cales se avaliaron finalmente 27.
Na categoría de persoa que máis destaca na promoción da lingua galega, o premio recaeu en Carlos Callón. O xurado valorou especialmente o seu labor como «activista referencial en defensa dos dereitos lingüísticos», así como a dimensión do seu traballo no ámbito do libro galego e da divulgación arredor da lingua.
Tamén salientou que varias das súas publicacións se converteron «en importantes ferramentas para promover o debate a favor da normalización do idioma galego, así como para mellorar a escrita e a fala da nosa lingua».
Na categoría de entidade que máis destaca na promoción do galego, a premiada foi a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O xurado recoñeceu a súa «traxectoria consolidada de trinta anos» e o seu papel como entidade referente «no desenvolvemento, coordinación e racionalización das políticas e accións de normalización lingüística en Galicia».
Pola súa banda, o premio ao mellor proxecto de dinamización lingüística dirixido á infancia e á mocidade foi concedido ex aequo a A Gramola Gominola e Vitamina G.
No caso da Gramola Gominola, o xurado destacou o «compromiso firme co uso e defensa públicos da lingua galega» e unha traxectoria de máis de dez anos dirixida ao público infantil e familiar a través da música, dos contidos audiovisuais e dos libro-discos acompañados de materiais didácticos.
Sobre Vitamina G, promovido pola profesora Mariña Lema, salientouse a orixe da iniciativa, nun centro educativo dun barrio coruñés cun contexto altamente desgaleguizado e con alumnado procedente de diferentes realidades lingüísticas. A este respecto, subliñouse o seu valor como exemplo de cohesión social e a súa capacidade para ser exportado a outros contextos semellantes.
O xurado estivo presidido pola deputada de Lingua, Sol Agra Tuñas, e contou como vogais con Xosé Ramón Freixeiro Mato, Álvaro López García e Irma Silva Hervella. Actuou como secretaria Dores Sánchez Alegre, xefa da Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.”
Compostela: Xornada de formación para docentes arredor da memoria histórica Fai Memoria!, o 25 de abril


Este é o programa da segunda edición de FAI MEMORIA, unhas xornadas de formación para docentes arredor da memoria histórica, que terá lugar o vindeiro sábado 25 de abril en Santiago de Compostela, no centro social Maruxa e Coralia. As persoas interesadas poden anotarse á xornada escribindo ao email: faimemoriaxornada@gmail.com
A finalidade deste encontro é tecer redes de colaboración arredor da memoria democrática e a docencia, e dotar o profesorado de formación e recursos para traballar a memoria na aula, tamén a partir da literatura. Non hai problema por asistir só a parte da xornada, faise inscrición para controlar o aforo da sala e, sobre todo, do roteiro de Lorca en Compostela.







