Marín: presentación de Columnas de papel, de Xosé Vázquez Pintor

O venres 15 de marzo, ás 20:00 horas, na Biblioteca Museo Manuel Torres de Marín, preséntase o libro Columnas de papel, de Xosé Vázquez Pintor, publicado por Edicións Morgante. No acto, promovido por Queremos Galego, participan, xunto ao autor, Anxa Correa.

Santiago: manifestación convocada por Queremos Galego, o 17 de maio

O xoves 17 de maio, ás 12:00 horas, desde a Alameda de Santiago de Compostela, terá lugar unha manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego! baixo o lema Pola lingua que nos une. Paremos os ataques contra o galego. Haberá autobuses desde diferentes puntos do País.
Damos a coñecer o manifesto elaborado por Agustín Fernández Paz:

VOARES DE ESPERANZA

“Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza!  A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.
Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.
Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.
Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.
Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposiciónliberdadebilingüe,normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.
Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.
Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un “nicho ecolóxico” favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.
Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.
Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»
Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.”

Betanzos: acto de homenaxe a Rosalía polo seu 175 aniversario

A sexta feira, 23 de marzo, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura do Edificio do Arquivo (Liceo) de Betanzos, terá lugar un novo acto de homenaxe a Rosalía polo 175 aniversario do seu nacemento. O acto, coorganizado pola plataforma Queremos Galego das Mariñas e as asociacións culturais Eira Vella e Roxín Roxal, contará coa colaboración do CEIP Francisco Vales Villamarín da Cidade dos Cabaleiros, e consistirá na lectura de textos e proxección dunha curtametraxe, contando co acompañamento da música do cantor Fucoxabier.

A Coruña: Festa do Libro, actividades do martes 17 de maio

FinalizaFesta do libro a nova edición da FESTA DO LIBRO, nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, organizada pola Concellaría de Cultura e a Agrupación de Libreiros da Coruña, con horarios de 11:30 a 14:00 e de 17:30 a 21:30 horas. Este é o programa de actividades para o martes 17:

– 12:00 h.- Lectura colectiva e música. Organiza Queremos Galego. No Obelisco.
– De 17:30 a 19:30 h.- “Se queres un retrato faicho Xurxo Lobato”. Se compras libros na Festa agasallámosche cun retrato que che fará Xurxo Lobato e que poderás visualizar, engadir notas, comentarios e descargar en tamaño e resolución orixinal desde Flickr. No Palco da Música.
– 18:00 h.- Presentación da serie de novelas “Suso Espada”, de Francisco X. Fernández Naval (Ed. Everest). Lectura de fragmentos da última entrega “Suso Espada. Nota Roja“. Participan Irene Penas, directora de Everest Galicia e o propio autor. No Kiosco Alfonso.
18:00 h.- Visita guiada á exposición de Quintana Martelo. No Kiosco Alfonso.
19:00 h.- Actuación de Nova Galega de Danza: “Tradicción“. Diante do Kiosco Alfonso.
– 20:00 h.- “Declaración audiovisual: Lois Pereiro“, por Xurxo Souto e Fran Amil. No Kiosco Alfonso.
20:30 h.- “Moita poesía, pouca diversión”. Lucía Aldao e María Lado. Diante do Kiosco Alfonso.

Paremos os ataques contra o galego: mobilización expansiva convocada pola Plataforma Queremos Galego!

A Plataforma Queremos Galego! convoca para este martes 17 de maio, baixo o título PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO!, unha mobilización expansiva pola lingua que nos une. As concentracións xa confirmadas son estas:

A Coruña: 12 da mañá, Obelisco (Cantón Grande).
A Estrada: 13 horas, Praza do Concello.
A Guarda: 12 da mañá, Auditorio de San Bieito.
Allariz: 12 da mañá, Praza Maior.
Ares: 12 da mañá, Praza do Concello.
Arteixo: 12 da mañá, anfiteatro do Paseo Fluvial.
As Pontes: 12 da mañá, Praza de América.
Barcelona: 19 horas, Centro Galego de Barcelona (Rambla).
Barreiros: 18 horas, escolas de Celeiro de Mariñaos.
Belfast: 16 horas, Culturlann, Falls Road (oeste de Belfast).
Betanzos: 12 da mañá, palco da música do Cantón.
Boiro: desde as 11:30, romaría popular na finca do Pazo de Goiáns.
Bos Aires: 12 da mañá (hora arxentina), Praza Castelao (Bernardo de Irigoyen e Independencia).
Bruxelas: 19 horas, Place de Luxembourg, fronte ao Parlamento europeo.
Cambados: 12 da mañá, Alameda (xunto á estatua de Cabanillas).
Cambre: 12 da mañá, Vila Florentina (Cecebre).
Carballo: 12 da mañá, Paseo do Anllóns.
Carral: 12 da mañá, Monumento aos Mártires.
Cedeira: 12 da mañá, Praza da Reitoral da Vila Vella.
Celanova: 12 da mañá, Vilanova dos Infantes.
Culleredo: 12 da mañá, Praza de Europa (O Burgo).
Fene: 12 da mañá, local do Pote (Maniños).
Ferrol: 12 da mañá, Praza do Himno Galego (Esteiro).
Florencia: 18:30, Piazza Senioria.
Lalín: 12 da mañá, Praza da Igrexa.
Lugo: 12 da mañá, Rúa da Raíña (fronte ao Hotel Méndez Núñez).
Madrid: 12 da mañá, Parque Breogán (zona Avenida de Bonn), xunto á estatua de Castelao.
Marín: 12 da mañá, na Alameda.
Monforte de Lemos: 12 da mañá, Praza de Santa Clara.
Narón: 12 da mañá, Parque Botánico Carlos Rodríguez Dacal.
Nigrán: 11:30 da mañá, Parque da Ramallosa.
Nova York: 17 horas, Battery Park (fronte á estatua da Liberdade).
O Barco de Valdeorras: 12 da mañá, pasarela peonil do Salgueiral.
O Carballiño: 12 da mañá, Praza Maior.
Oleiros: 12 da mañá, Praza do Emigrante (Porto de Santa Cruz).
Oroso: 12 da mañá, Praza de Isaac Díaz Pardo (Sigüeiro).
Ourense: 12 da mañá, Xardíns do P. Feixóo.
Oxford: 17 horas (hora inglesa), xunto a Carfax Tower.
Padrón: 12 da mañá, Paseo do Espolón (xunto á estatua de Rosalía).
Palas de Rei: 12 da mañá, Praza do Concello.
Pontedeume: 11:30 da mañá, Praza do Concello.
Pontevedra: 12 da mañá, Praza da Peregrina.
Redondela: 12 da mañá, Praza do Concello.
Ribadavia: 12 da mañá, Praza Maior.
Ribeira: 12:30 da mañá, Rúa de Galiza.
Sada: 12 da mañá, Praza dos Irmáns Suárez Picallo.
Salceda de Caselas: 12 da mañá, Praza do Concello.
San Sadurniño: 12 da mañá, Praza do Concello.
Santiago de Compostela: 11:30, Porta Faxeira.
Soutomaior: 12 da mañá, Alameda de Talorrío (Arcade).
Valdoviño: 12 da mañá, Praza da Casa da Cultura.
Verín: 12 da mañá, Praza Maior.
Vigo: 11:30, Praza da Princesa.
Xenebra: 20 horas, Asociación S.C.D.R Galaica, 18, Chemin de la Caroline, Petit-Lancy.
Xinzo de Limia: 12:30 da mañá, Praza Maior (ou Praza de San Roque).

Santiago, 30 de abril: Acto nacional pola lingua convocado pola Plataforma Queremos Galego

“Todo está xa en marcha para o vindeiro sábado 30 de abril vivirmos, a partir das 19:30 h. na compostelá Sala Capitol, unha gran festa colectiva en favor da nosa lingua e da nosa cultura. Un ACTO NACIONAL POLA LINGUA co que desde a Plataforma Queremos Galego desexamos amosar que a nosa é unha lingua viva, con forza e con futuro, malia os ataques recibidos polo actual goberno da Xunta de Galiza, do cal se fan estes días precisamente o seu segundo aniversario.
Desde Queremos Galego convidámosvos desde xa a que, se outros compromisos non volo impediren, nos acompañedes o día 30, a partir das sete e media, na Sala Capitol, nun acto onde palabras e sons na nosa lingua propia unirán toda a súa potencia para reclamarmos unha vez máis os nosos dereitos lingüísticos. Presentado e conducido polo polifacético creador e humorista Xosé Lois González “O Carrabouxo”, combinarase a música de Ugia Pedreira, Roi Casal e a súa banda, Miro Casabella e Roberto Sobrado coa palabra de Ernesto Chao, actual presidente de Escena Galega; Manuel Rivas; Teresa Moure; Pilar García Negro; Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); e Carlos Callón.
As entradas ao acto teñen un prezo simbólico de 5 euros, que se destinará integramente a axudar economicamente á Plataforma Queremos Galego para que poida continuar coas súas actividades. Na páxina web da plataforma está xa operativo un sistema de reserva de entradas, que podedes retirar na propia billeteira da Sala Capitol o propio día 30 a partir das 19:00 h. No mesmo sitio, na sección de materiais, podedes descargar baners publicitarios da iniciativa en diferentes tamaños para pórdes en páxinas, blogues, etc.
Esta gran festa da nosa lingua será ademais o punto de partida para a gran mobilización expansiva que desde Queremos Galego estamos a impulsar para o vindeiro 17 de maio, para a cal desde xa vos emprazamos e da que axiña daremos máis detalles.
Agardándomos desde xa a vosa presenza, recibide unha moi forte aperta pola lingua.”