“Ideas moi falsas”, entrevista con Antonio Tizón

Entrevista a Antonio Tizón en Radio Fene:
““Lobos doentes é literatura. Non é un manual de autoaxuda nin de psiquiatría. É unha novela. Iso si, se a literatura ademais de ser literaria é útil e serve a nivel pedagóxico pois moito mellor. Por exemplo, lendo a primeira novela autobiográfica o que non entenda o que é un trastorno bipolar vaino entender perfectamente. Ás veces, a literatura, a arte… son máis eficaces que os manuais. Unha novela con personaxes que teñen algún problema mental pode ser máis eficaz á hora de explicar un problema psiquiátrico que un propio manual psiquiátrico”, afirma Antonio Tizón no clube de lectura de Radiofusión ao tempo que recoñece que “despois da pandemia parece algo máis normal falar deste tipo de temas aínda que se fala de enfermidades mentais como a ansiedade ou a depresión leve. Non se fala de enfermidades mentais graves como a esquizofrenia ou o trastorno bipolar. Cando escribín a miña primeira novela todo o mundo me preguntaba como me atrevía a falar con esa sinceridade dos meus problemas mentais e das barbaridades que se fan nos estados maníacos ou depresivos e como tivera o valor de saír do armario para explicalo con esa honestidade. Daquela o tema estaba moito máis estigmatizado. Agora máis xente está explicando as súas experiencias. Aínda asi, eu doume conta nas presentacións de que existen ideas moi falsas e equivocadas sobre os enfermos mentais. Pensan que son xente perigosa e violenta”. Un dos obxectivos de Lobos doentes é acabar con estes estereotipos e normalizar a enfermidade mental. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Entrevista a Antonio Tizón sobre Lobos Doentes

Entrevista a Antonio Tizón en Radio Fene:
“Antonio Tizón vén de presentar a súa novela titulada Lobos Doentes. O escritor nado en Aranga fala en Radio Fene desta obra “autobiográfica” na que teñen gran presenza as enfermidades mentais.
“O cadáver apareceu a primeira hora da mañá daquel segundo mércores de marzo ao pé da Torre de Hércules, entre ondas fortes contra as rochas, a uns catrocentos metros do faro operativo máis antigo do mundo, que acababa de amañecer con mar de vento. Coma sempre, dirixinme directamente a Márquez: Que sabedes, Márquez?”. Así comeza o novo libro de Antonio Tizón que vai ser analizado no clube de lectura de Radiofusión. A entrevista pode escoitarse aquí.”

“Unha historia que marca un camiño”

Desde Radio Fene:
““Vivo moito a poesía porque tiven a sorte de vivilo na rúa. A rúa no meu tempo era todo. Estábamos xogando seguido e tiñamos cantidade de xogos tradicionais metidos na cabeza e xogos literarios como cando chovía moito que nos metíamos nun portal e cantábamos romances” Ademais, recordou ter feito poemiñas de neno e a escaseza de publicacións poéticas. “Supoño que a xente na que non entra a poesía será tamén pola falta de insistencia. É moi difícil editar un libro de poesía”, explica Antón Cortizas, escritor de Os dez animais, unha historia “que marca un camiño” ilustrada por Lidia Nokonoko. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Non penses nun elefante rosa. Antía Yañez

Desde Radiofusión:
Antía Yañez pon a protagonista da novela, Aurora, contra o espello. Brais é un rapaz de dez anos, da moito xogo, porque non ten as imposicións sociais que temos as persoas adultas. Son veciños do mesmo edificio. O rapaz pensa que ela é unha persoa interesante. A ela non lle gustan os nenos. Faille preguntas moi indiscretas e impertinentes. Cun extraordinario sentido do humor e abordando a fondo o tema da saúde mental, Antía Yañez relátanos a historia dunha millennial autoesixente e perfeccionista que vive a súa vida coma unha voráxine que non é quen de controlar. A escritora participou nun episodio do podcast “Clube de leitura” de Radio Fene Radiofusión. Falaron con ela Rafael Catoira, Antonio Tizón e Henrique Sanfiz. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Todos fomos. Marcos Calveiro

Desde Radiofusión:
“Hai programas e medios de comunicación que dan unha imaxe falseada da sociedade. Galicia é moito máis segura que os países nórdicos, apunta o escritor. Os índices de criminalidade son baixísimos, moi inferiores aos de Noruega, Suecia ou Finlandia. Calveiro indica que “o avellentamento da poboación galega é terrorífico e as autoridades non fan absolutamente nada”. No medio rural funciona a comunidade para suplir a inacción da Xunta. Despois de Todos somos e Todos fomos a terceira parte será Todos seremos. En todas as súas novelas aparecen cabos soltos. Non lle gustan novelas ou películas onde se aclaran todos os aspectos da trama.
O escritor indica que o Estado español é un dos estados con menor índice de criminalidade da Unión Europea pero ten proporcionalmente un dos maiores porcentaxes de poboación reclusa. Está en contra da prisión permanente revisable. “Como sociedade galega nos estamos a extinguir, desaparece o comercio de barrio, as vellas tabernas e os meus fillos xa non escoitaron falar en galego aos seus avós” salienta o literato. “Vigo é unha cidade dantesca porque se cortan as árbores, ignoranse os restos arqueolóxicos e a cultura está proscrita e substituida polo espectáculo barato por un goberno populista”. Os anos de pandemia multiplicaron esa tendencia. “Menos mal que os viños e os gin tonic ainda non os serve Amazon” conclue Calveiro.
A entrevista pode escoitarse aquí.”