Radio Redondela: “Outro mundo é posible: Andreia Costas”

Entrevista a Andreia Costas en Radio Redondela:
“Con motivo da celebración o 28 de xuño do Día Internacional do Orgullo LGTBI, Compostela Diversa recolle unha serie de accións e actividades para facer en Santiago de Compostela. Alí a poeta redondelá Andreia Costas Otero foi galardoada co primeiro premio do IV Certame de Poesía LGBT+ de Avante LGBT+ Compostela. Falamos con ela da peza gañadora Eurídice Dixit, da súa poderosa mensaxe sobre a bisexualidade e de como é “saír do armario literario”. Un exemplo de diversidade no mundo da arte, con moito percorrido e historias que contar.
A argumentación do xurado para concederlle o galardón foi a seguinte: “Polo diálogo entre xéneros, misturando teatro e poesía. E pola revisión dun mito clásico, dende o humor e a forma. Introduce un léxico diverso e orixinal, propoñendo novas palabras híbridas. Demostra un traballo extenso de investigación e de edición do propio documento”.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Actividades promovidas por diversas entidades no Día de Rosalía, 24 de febreiro

A SEGA

Proposta da Plataforma de crítica literaria A Sega.

ARTEIXO2015-02-24 Día de Rosalía Tecín Arteixo

Na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 17:30 h. O 24 de febreiro Rosalía de Castro visitará o concello de Arteixo onde naceu o seu marido Manuel Murguía. Celebraremos o Día de Rosalía con Ana Hermida, que achega a súa obra “Tecín soia a miña tea”.
Serán dramatizacións de poemas de Rosalía de Castro. Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra… O desexo e ansias súas polo teatro ” eu quería ser actriz e non me deixaron”. Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, peza teatral de Miguel Anxo Fernán-Vello e algunha canción da autoría de Baldomero Iglesias “Mero”, para honrar a nai da nosa terra.

BOIRO2015-02-24 Boiro Convite_febreiro_2015_M_Rodríguez

BRAGA

A Semana Cultural – Convergência Galiza/Portugal fai oco na súa programación ao Día de Rosalía de Castro.

BURELA2015-02-24 Burela v maratona leitura

O Maratón de Lectura de Burela, organizado polo Colectivo Cultural Buril chega este ano á súa quinta edición. Dada a alta participación acadada nas pasadas edicións, así como o interese mostrado por parte de todas as persoas e entidades participantes, apostan por manter esta cita coa lingua e a literatura galega que se vai consolidando ano a ano. Desta volta celebrarán o Maratón de Lectura o 24 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía. A cita terá lugar en Burela, no salón de plenos do Concello, como vén sendo habitual.
O Buril quer sumarse deste xeito á celebración do Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro (aniversario do nacemento da autora), que desde 2010 promove a AELG.
Coma o pasado ano, o Maratón de Lectura estará estruturado en dúas quendas, unha de mañá, de 10:00 a 14:00 e horas, destinada aos centros educativos de primaria e secundaria e outra de tarde, de 16:00 a 20:00 horas, destinada a colectivos e entidades deportivas, así como a todas as persoas que queiran participar a título individual.

A ESTRADA

O martes 24 de febreiro, ás 20:00 horas, no MOME, celebrarase un acto para lembrar a Rosalía de Castro, que consistirá nun breve recital sobre poemas de Rosalía de Castro a cargo dun grupo de nenos/as dos centros de ensino da Estrada e despois un Concerto do grupo “2 na fronteira”.

FERROL

Oferrol1 Departamentoferrol2 de Normalización Lingüística e a Biblioteca Municipal do Concello de Ferrol súmanse á celebración do Día de Rosalía 2015.
Conmemorarán o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e, deste xeito, súmanse á proposta da AELG coa iniciativa “Eu son Rosalía”, desenvolvendo unha actividade encamiñada a difundir a obra rosaliana.
Do 16 ao 27 de febreiro as persoas que visiten a Biblioteca Central poderán atopar tarxetas (16 modelos diferentes) con versos soltos e poemas da autora nas mesas, ordenadores, ascensor, etc., tamén se exporán paneis con poemas ou versos de Rosalía de Castro en distintos puntos da biblioteca. Tamén tarxetas e marcapáxinas serán distribuídos por diferentes puntos da biblioteca.
O Día de Rosalía, o 24 de febreiro, todas as persoas usuarias da Biblioteca Municipal Central que leven en préstamo un libro, revista ou outro elemento, recibirán un marcapáxinas cuns versos de Rosalía e aquelas persoas que tomen en préstamo un libro en lingua galega, ademais do marcapáxinas, recibirán unha flor.

OURENSE

O Concello de Ourense apoia as actividades que o Grupo Rosalauria ten proxectadas ás 20:00 no Liceo de Ourense. Tamén levará a cabo as seguintes accións:
– O propio día 24 todas as liñas de autobuses da cidade levarán no seu interior poemas de Rosalía.
– O día 24 ás 11:15 h. terá lugar no Salón de Plenos do Concello unha lectura institucional coa colaboración de alumnado do Colexio Divino Mestre da cidade.
– Desde a semana pasada dous autobuses urbanos percorren a cidade coa seguinte faixa:

2015-02-24 Ourense faixa2015-02-24 Ourense Día de Rosalía

PADRÓN

A Fundación Rosalía de Castro celebra o Día de Rosalía (24 de febreiro, día do nacemento da poeta) cun programa especial do Diario Cultural no que se presentará a edición en libro-disco de De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro que reúne os poemas inéditos escritos por 36 poetas a partir dos que Rosalía de Castro publicou no seu libro Cantares Gallegos. O acto de presentación desenvolverase o martes 24 de febreiro ás 19 horas na Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón e intervirán Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, e Rosa Martínez, directora da Radio Galega. Lerán os seus poemas os seguintes poetas: Manuel Forcadela, Antía Otero, Arturo Casas, Carmen Blanco, Luis González Tosar, Olalla Cociña e Xose María Álvarez Cáccamo. A crítica literaria Ana Salgado fará unha lectura crítica do libro-CD De Cantares Hoxe e María Xesús Nogueira fará unha achegamento ás antoloxías sonoras na poesía galega.

POIO

200 veciños de Poio están a participar das actividades previstas para conmemorar o Día de Rosalía de Castro o próximo martes 24 no concello pontevedrés, cando se cumpren 178 anos do nacemento da escritora.
Con estes actos que o Concello de Poio leva organizando dende 2010 quérese destacar a importancia que Rosalía tivo para enfrontarse a circunstancias da época como que as mulleres non participasen da vida pública e que o pobo non puidese escribir na súa propia lingua galega.
Instalaron un punto de interese sobre a figura da escritora na que van participar, do 23 ao 27 de febreiro, os usuarios/as da Biblioteca e tamén os nenos/as que acoden ao centro de Xaime Illa realizaron traballos plásticos que se van expoñer no centro cultural de Raxó a partir do martes 24. E dende os obradoiros musicais traballouse a rítmica e musicalidade dos poemas de Rosalía de Castro para realizar un pequeno recital que se levará a cabo o 17 de maio, con motivo do Día das Letras Galegas.
Os nenos/as da ludotecta do Concello de Poio tamén están a realizar debuxos que teñen que ver coa historia e a figura da poetisa cos que se elaborará un libro. Tamén as persoas que acoden a obradoiros para a terceira idade elaborarán un mural formado por unha rosa e un poema.

REDONDELA

A Radio Municipal de Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística súmanse á celebración do DÍA DE ROSALÍA 2015. Para conmemorar novamente o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (24 de febreiro de 1837), súmanse á proposta da AELG cunha iniciativa que consistirá na gravación en Radio Redondela, entre os días 10 e 20 de febreiro, de lecturas da obra rosaliana ou de opinións e impresións sobre a súa obra, nas que cada persoa descubrirá con cal das múltiples “rosalías” e con que sensibilidades da autora se sente máis identificada. Neste caso, deberán comezar coa frase “Eu son Rosalía porque/cando/para…”, seguindo a iniciativa da AELG.
As gravacións emitiranse durante a programación habitual de Radio Redondela na semana do 23 ao 27 de febreiro.

SALVATERRA DO MIÑO

O Concello de Salvaterra de Miño promove para o día 24 de febreiro, ás 16:30 h., un recital do poema “Adios ríos, Adios Fontes”, acompañado de guitarra, mesturando o recital con estrofas adaptadas e cantadas, rematando cunha actividade de animación, na Praza do Concello.

SILLEDA

O Concello de Silleda súmase, un ano máis, aos actos de celebración do Día de Rosalía de Castro. Desde a concellaría de Cultura se repartiranse marcapáxinas conmemorativos entre o alumnado de Infantil, Primaria, ESO e os cativos e cativas da Galiña Azul. Ademais, os usuarios/as que retiren libros durante esta xornada na biblioteca pública Daniel Castelao recibirán este mesmo obsequio. Colocaranse láminas con poemas da autora en distintas dependencias municipais.
Nos centros educativos tamén levarán a cabo diversas actividades nesa mesma xornada. No CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira e no IES Pintor Colmeiro sumaranse á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) “Eu son Rosalía”. Ademais, noutros centros educativos do municipio tamén está previsto celebrar distintas actividades ao redor da figura da escritora e da súa obra.

TEO

O Concello de Teo convertirá o martes 24 de febreiro nun día de lembranza á figura de Rosalía de Castro, uníndose deste xeito á celebración do Día de Rosalía. Durante a xornada farase unha difusión da obra da autora sobre todo nas redes sociais a través da difusión de poemas elixidos por persoas vencelladas co Concello de Teo.
Dende a concellaría de Cultura, tamén se convidou aos centros escolares a traballar sobre a obra da escritora. Dende o Concello enviouse unha lámina cunha imaxe de Rosalía de Castro, obra da artista plástica afincada en Teo Ana Costas, e convídase a facer algunha lectura coincidindo co Día de Rosalía. Outros colectivos que falarán da obra da escritora galega máis representativa serán as escolas infantís e os grupos de memoria no que participan persoas maiores coordinados dende a Concellaría de Benestar.
Dende a Concellaría de Educación, dirixida por María A. Garea, en relación cos colexios lémbrase que existe un banco de recursos sobre a figura de Rosalía en internet. Pode consultarse no seguinte enderezo. Neste banco pódese atopar unha recopilación de actividades sobre a figuar e a obra rosaliana con actividades por idades e ciclos educativos. A realización deste banco contou coa colaboración do profesorado do CEIP A Ramallosa.
Dende o Concello durante a xornada do martes 24 lanzaranse nos perfís de facebook (www.facebook.com/ConcellodeTeo) e twitter (@concellodeteo) municipais poemas de Rosalía acompañados das ilustracións de Ana Costas. E tamén nas redes sociais se subirán vídeos con lecturas da obra de Rosalía de Castro. Para eso calquera persoa interesada pode achegarse á Mediateca do Grilo onde se gravará a lectura e se subirá ás redes sociais. Todas as accións deste día publicaranse baixo a etiqueta #DíadeRosalía.

Carlos Callón: “O obxectivo é facer que os galego-calantes pasen a ser galego-falantes”

Entrevista a Carlos Callón en Radio Redondela:
“O filólogo e presidente da Mesa pola Normalización Linguïstica salientou, durante a presentación do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez “a necesidade de animar a todos aqueles galegos que aman o galego a que dean o paso de falalo”.
O libro, editado por Xerais, ofrece de xeito desenfadado e mediante anécdotas diferentes consellos útiles para todos aqueles que queiran dar o paso de usar o galego e mellorar na súa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos, moitas veces, non son de orixe gramatical senón social. Este libro é útil para un público diverso, interesado na lingua galega, desde persoas que queren comezar a falala ata estudantes de calquera nivel ou persoas que desexan mellorala.
No transcurso da charla Callón aproveitou para lembrar que un idioma pode ir esmorecendo de xeito radical pola adopción de políticas lingüísticas e puxo como exemplo o cambio de sinalización nas estradas que nestes días fai que na AP-9 os sinais de “Peaxe” se cambien por outros de “Peaje” ou ben de xeito paulatino por comportamentos individuais froito da presión social que fan que a lingua deixe de estar presente na relación dos máis vellos coas novas xeracións.” (…)”.

Redondela: lectura pública de textos de Rosalía en Radio Redondela

Radio Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística promoven a homenaxe a Rosalía de Castro para conmemorar o aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro, e os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. Para iso organizan a lectura pública de textos da autora durante esta semana, de 12:30 a 13:30 h. na Radio Municipal.”