Entrevista a María Xosé Queizán en Radiofusión:
“Impactada trala viaxe que realizou a Ushuaia, María Xosé Queizán decidiu unir na súa nova novela esta cidade do sur de Arxentina e Galicia. En Meu pai vaite matar a autora viguesa intentou trazar unha historia “suxestiva” e “entretida” que, asemade, abordase cuestións como os abusos infantís. Queizán elixiu como personaxe central da súa obra a unha policía, xa que entende que os profesionais deste gremio, ao contrario que a maioría da xente, están en contacto coa realidade social. A escritora detecta “hipocrisía” e “desinterese” na cidadanía. “Sabemos que existen determinados problemas, pero ninguén quere complicarse a vida”.” A entrevista pódese escoitar aquí: 261211QUEIZAN.mp3.
Arquivos da etiqueta: Radiofusión
Radiofusión: ‘Homenaxe ao cine e denuncia social conviven na nova novela de Agustín Fernández Paz’
Entrevista a Agustín Fernández Paz en Radiofusión:
““Nunca poderán acabar con nós nin esmagarnos. Sempre sairemos adiante porque nós somos o pobo”. Do espírito co que John Ford impregnou a adaptación cinematográfica de As uvas da ira tira Agustín Fernández Paz na súa nova novela. A este e outros clásicos da sétima arte homenaxea o escritor vilalbés en Fantasmas de luz, unha obra que, ao igual que a devandita película, denuncia as consecuencias do capitalismo na vida dos traballadores. “Nun abrir e pechar de ollos, vanse polo sumidoiro as conquistas sociais e laborais que levaban décadas consolidadas”, reflexionou esta tarde o autor nos micrófonos de Radiofusión.
Agustín Fernández Paz atópase, ás veces, a si mesmo recitando frases de filmes que lle deixaron fonda pegada. Porén, non chega ao nivel do protagonista da súa nova novela, Damián, quen toma as súas decisións vitais en función do que aprendeu na gran pantalla. A través deste personaxe que tras quedar no paro comeza a volverse transparente, o autor pretende denunciar a invisibilidade que sofre unha parte da sociedade. Tomando exemplo das edicións en DVD, Fantasmas de luz inclúe “tomas extra”. Fernández Paz engadiu á novela principal seis relatos que, a modo de escenas adicionais, axudan a entender mellor determinados aspectos da historia. O lector conta asemade coa axuda das ilustracións de Miguelanxo Prado, ante cuxo traballo o escritor asegura “quitarse o sombreiro”. Das clasificacións do cinema tira tamén o autor chairego á hora de referirse aos destinatarios da súa nova obra. “Para todos os públicos” está pensada Fantasmas de luz xa que pode resultar de interese, asegura, tanto “para un adolescente como para unha señora de 80 anos”. A entrevista pódese escoitar aquí: 201211FERNANDEZ.mp3.
Dez medios únense para concienciar da importancia da comunicación en galego
“No marco da feira Terractiva, en Arzúa, presentábase este sábado, 17 de decembro, a campaña Vitaminas para o galego. Dez medios na nosa lingua, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Praza pública, Radiofusión, Tempos Novos, Certo.gl, Quepasanacosta, O Sil, Valminor.info e Crónica3 participan neste proxecto que quere concienciar a sociedade da importancia de contar con medios na nosa lingua. O proxecto desenvolverá ao longo dos vindeiros meses concertos, presentacións e relatorios por todo o país, e editou xa diferentes elementos promocionais como paraugas ou calendarios. Segundo apuntan os promotores, un dos obxectivos da iniciativa é “axudar á supervivencia dos medios na lingua do país, así como impulsar o nacemento de novas cabeceiras”. Vía Cultura Galega.
Aurora Marco: “As mulleres foron a columna vertebral da guerrilla galega”
Entrevista a Aurora Marco en Radiofusión:
“Invisible e fundamental foi a achega feminina á resistencia antifranquista, segundo constatou a profesora da Universidade de Santiago Aurora Marco tras unha investigación de cinco anos. “As mulleres constituíron a columna vertebral da guerrilla galega”, asegura, aínda que foron moitas máis as que exerceron de enlace que as que subiron ao monte. As guerrilleiras trataban de meter armas no cárcere, proporcionaban comida e alimentos, abrían casas de apoio, avisaban dos movementos da Garda Civil, enviaban notas… Todas estas tarefas, argumenta Marco, foron as que permitiron a supervivencia da loita contra a ditadura durante unha década. (…)”. Aquí pode escoitarse a entrevista completa: 151211GUERRILLEIRAS.mp3.
Entrevista a Fran Alonso en Radiofusión
‘Como, sentados diante do ordenador, contactamos con persoas doutra parte do planeta ou como, só a través dos ruídos que traspasan paredes, coñecemos aos nosos veciños. Fran Alonso retrata distintos xeitos de comunicación no eido urbano fuxindo do “adoutrinamento” “É imposible non ter unha mirada política sobre as cousas, pero intento non ser moralista nin didáctico”, explicou nos micrófonos de Radiofusión. En Ninguén, obra que Xerais vén de achegar aos andeis das librarías, comparten protagonismo unha muller que concerta unha cita a través de Internet, un mozo obsesionado polas voces dos seus veciños ou un escritor que recibe correos dunha lista na que nunca se deu de alta, entre outros.” Desde Xerais. A entrevista pódese escoitar enteira aquí.
Entrevista a Carlos Callón en Radiofusión
‘”En ningún ámbito podemos vivir en galego con normalidade”, láiase o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, quen se cadra por iso reparou na necesidade de crear unha sorte de manual para protexer o uso do idioma propio en sociedade. Así naceu Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, a última obra que Callón deu o prelo e cuxo título contaba cun engadido alternativo que dicía como facelo sen padecer unha úlcera de estómago. Mais finalmente o autor decidiu retiralo para presentar un carácter máis positivo nun libro que funciona, recoñece sen ambaxes, como manual de autoaxuda ou mesmo, de autodefensa. O volume sae publicado por Xerais e vai ser presentado en sociedade no Festigal que se celebra esta fin de semana en Compostela. Requirido pola mellor defensa coa que contan aqueles que desexan empregar o galego sen restricións, Callón sostén que “o máis revolucionario segue a ser falalo” e, a seguir, conxugar tres verbos: “usar, escoller e solicitar”.’ Vía Xerais:
Entrevista a Fran Alonso, autor de O meu gato é un poeta, en Radiofusión
(Xerais)