Os gañadores dos Minicontos de Outono son premiados en Lugo

Desde Galiciaé:
“A sede de El Progreso, en Lugo, acolleu o venres 31 de maio a entrega de premios do terceiro certame Minicontos de Outono, que organizan o Centro PEN Galicia e o semanario LV. De Luns a Venres co patrocinio da Xunta de Galicia. O acto estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro.
O primeiro premio, dotado con 600 euros, foi recollido por Marcos Viturro polo seu relato Axuste de cornos. Alberto Ramos fíxose cos 300 euros do segundo posto por Liquidación total, en tanto que Pedro Naveira é o terceiro clasificado (100 euros) con De seu.
Os traballos gañadores serán publicados tanto na web de Galiciaé como no semanario LV. De Luns a Venres, que se distribúe todos os venres nas principais cidades galegas.
O xurado desta terceira edición estivo composto polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís G. Tosar; o director de LV, Alfonso Riveiro; o xornalista e escritor Diego de Cora; o director do Centro PEN, Xabier Castro, e o xornalista Juan Méndez, que actuou como secretario.
Tras a súa deliberación, os membros do xurado salientaron a abraiante acollida do certame, no que competiron 244 orixinais chegados de toda Galicia e España e incluso de países como Arxentina, Colombia, Venezuela, Uruguai ou o Reino Unido.”

A Coruña: mesa redonda sobre A situación da prensa en galego

O xoves 15 de marzo, ás 20:30 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha mesa redonda baixo o título A situación da prensa en galego, coa participación de Xosé Ramón Freixeiro (Sermos Galiza), Henrique Sanfiz (secretario de Radiofusión), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial), Filipe Díez (Praza pública) e Alfonso Riveiro (L-V).

Lionel Rexes gaña o certame Minicontos de Outono

Luzada, un relato do mestre alfocense Lionel Rexes, é o texto gañador da segunda edición do certame literario Minicontos de Outono, promovido polo Centro PEN Galicia e LV. De Luns a Venres co patrocinio da Xunta de Galicia. Deste xeito, Rexes faise cun premio de 600 euros grazas a unha historia sobre o furtivismo na que a emigración e o humor teñen un papel moi importante. O segundo premio, dotado con 300 euros, recaeu en Fulgores feridos, un texto erótico protagonizado por dúas mulleres que se deixan levar pola paixón no seu lugar de traballo. Asina o relato a coruñesa Concha Parga, que tamén se dedica á docencia. Finalmente, o poeta e xornalista lugués José Sixto foi merecedor do terceiro premio, que conta cunha dotación de 100 euros, grazas ao seu miniconto A estrela que veu, onde aborda o drama do paro desde o punto de vista da inxenuidade infantil. Ademais, as tres pezas premiadas serán publicadas nas edicións, tanto impresa como dixital, do xornal gratuíto LV. De Luns a Venres. Nesta segunda edición, o xurado cualificador, que se reuniu o pasado 25 de xaneiro en Santiago, estivo composto polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o director de LV, Alfonso Riveiro (con voz pero sen voto); o xornalista e escritor Diego de Cora; o director do Centro PEN, Xabier Castro, e o xornalista Juan Méndez. Tras a súa deliberación, os membros do xurado quixeron salientar a abraiante acollida do certame, no que competiron máis de 200 orixinais chegados de toda Galicia e España e mais de países como Arxentina, Colombia, Venezuela, Alemaña ou Reino Unido. (…)” Vía Galiciaé.