Vinte anos para relatar a historia máis próxima

Desde11817158_998871500152393_3307322767160524284_n Sermos Galiza:
“A vindeira segunda feira, 3 de agosto, botará a andar a XX edición das Xornadas de Historia Local, unha iniciativa creada pola Asociación Socio-Cultural “A Pomba do Arco” que leva dúas décadas afondando e difundido a historia máis próxima co fin tamén de que entre a formar parte da historia Xeral de Galiza. A Crónica Negra, a posguerra, os cultos e costumes precristiáns e a historia de Martínez Otero son algúns dos temas desta nova edición.
“As Xornadas de Historia Local confirman que tanto Foz, como a Mariña e Galiza teñen historia propia. A Asociación Cultural A Pomba do Arco quere con estas xornadas dar a coñecer a nosa historia, a divulgar o noso pasado e conservalo. Mais todo este labor non tería razón de ser se non se contase coa complicidade do pobo de Foz, xa que son os seus veciños os que coa súa asistencia fan posible estas xornadas ano tras ano”, explican desde a entidade organizadora que agarda unha edición especial neste seu vixésimo aniversario.
O relatorio “Crónica negra de Foz”, de Xoán Ramón Fernández Pacios abrirá o programa o vindeiro 3 de agosto ás 20:30 horas na Casa da Cultura “Poeta Manuel María”. Crimes, desgrazas e incidentes violentos que aconteceron no concello de Foz desde o século XVI serán o motivo da charla. O seguinte día, a profesora Ana Cabana achegará ao público asistente ao tempo posterior ao golpe militar en Foz e na Mariña con temas como a fame, o estraperlo, os fuxidos ou a oposición ao réxime.
Os 75 anos do Colexio Martínez Otero será o tema da terceira das conferencias, impartida por Ramón Eiras Fernández, Alexandra Eiras e Antón Niñe. Cadro docente, alumnado e historia do centro educativo de Foz será a materia da sesión dunhas xornadas que rematará o 6 de agosto coa palestra do antropólogo Xosé Manuel González Reboredo que leva por título “Crenzas e ritos na Mariña” que achegará ao público aos santos e cultos parroquiais aínda presentes na relixiosidade popular.”