Eva Mejuto: “Por que coñecemos perfectamente a historia de Oscar Schindler e non temos idea do que pasou no noso propio país?”

Entrevista de Montse Dopico a Eva Mejuto en Praza:
“(…) – Praza (P): Memoria do silencio é a historia, non moi coñecida, de tres irmás galegas que axudaron a fuxir por Portugal a centos de xudeus durante a II Guerra Mundial. Nelas inspíranse algúns dos personaxes da película Lobos sucios de Paula Cons… Como deches coa historia e por que te dediciches a tratala nunha novela xuvenil?
– Eva Mejuto (EM): Nunha conversa con Luís Bará arredor dun programa sobre a recuperación da memoria das mulleres. Eu en realidade estaba traballando sobre Frieda Belinfante, unha chelista e directora de orquestra holandesa (a Frieda do libro) e cando Luis me falou delas, haberá cousa duns catro anos, xa me puxen a ler e a buscar toda a información posible, desde noticias en prensa, ata as ficcións creadas, máis ou menos libremente, sobre esta historia, coma os libros de Vicente Piñeiro ou o filme de Paula e a novela de Emilio Ruiz Barrachina, que saíron cando eu estaba xa detrás do tema.
A historia, por si mesma, sen adobíos, é absolutamente fascinante e pensei de inmediato que tiña que escribir algo sobre ela, sen ter aínda moi decidido que nin para quen. Despois de 22 segundos e de tratar directamente coa mocidade pensei que era unha historia necesaria para ese público, ter referentes positivos da nosa historia e máis de mulleres, deixar de ver a historia narrada desde fóra. Por que coñecemos perfectamente a historia de Oscar Shindler e non temos idea do que pasou no noso propio país? Nos relatos que consumen/consumimos (filmes, series, libros) faltan, ao meu modo de ver, aínda moitas historias que contar, especialmente do noso pasado e é fundamental que teñan esa perspectiva histórica que provoque unha reflexión necesaria sobre o pasado e o presente.
– P: As tres irmás teñen medo, pero é Lola a que ten un maior sentido da xustiza. Non podería aturar non facer nada. Como construíches as tres personaxes, coas súas diferenzas?
– EM: Tiven unha grande axuda co historiador de Ribadavia Ramón Estévez, fillo de Ramón Estévez, un home de 96 anos que colaborou puntualmente con Lola nunha ocasión para axudar a cruzar a un dos fuxidos. Falei cos dous en varias ocasións, déronme moita documentación da época (noticias da prensa, actas…), falei con parentes que aínda viven en Ribadavia, veciños que as lembraban e máis recentemente cun dos netos, que vive en Vigo.
Os propios actos de Lola e das irmás falan por si propios e son moi indicativos da súa forma de ser, como ir declarar en plena guerra a favor do alcalde, de Izquierda Republicana, que acabou sendo asasinado, levarlle comida aos presos que estaban a carón da súa casa, agochar na casa a un parente perseguido… todo isto xa nos dá a idea do tipo de mulleres valentes e xenerosas que eran.
Quen se atrevía a facer iso nunha época na que o medo o invadía todo? Das súas actuacións na trama de fuxida de xudeus na segunda Guerra Mundial non hai nada documentado, pero xa só co que sabemos do que fixeron antes e ao longo da súa vida, dá para construír unha parte importante dos personaxes. Logo os testemuños da xente que a coñeceu, que as tratou, deron para acabar de construír os aspectos máis emocionais, facer as personaxes máis redondas, os seus caracteres, a súa afectividade, a súa relación co resto da vila… Elas tiñan perfectamente delimitado cal era o papel de cada unha e sen dúbida Lola levaba a voz cantante. E como se trata dunha novela, está a parte de ficción, o meu punto de vista e a miña achega persoal, aínda que tentei ser o máis fiel posible á realidade. (…)”