O premio Ramón Piñeiro Facer País, organizado pola Asociación Cultural Val de Láncara, recoñecerá por noveno ano consecutivo o labor de persoas ou entidades que destacasen pola promoción, defensa e vertebración de Galicia en calquera manifestación cultural, económica ou de creación ao longo de “toda unha vida” ou con “meritoria” constancia no tempo. Este premio, que carece de dotación económica, consiste na entrega ao gañador dunha obra de arte dalgún creador galego nun acto solemne que se celebrará no municipio de Láncara, podendo propor candidaturas todas as asociacións culturais de Galicia e aquelas creadas na emigración ata o próximo día 15 de agosto. Unha vez recibidas as candidaturas, a asociación convocante realizará unha listaxe con todas as propostas recibidas e convocará un xurado composto por membros de asociacións da comarca de Sarria, Val do Neira e Corgo mais un representante do CEIP Ramón Piñeiro do concello de Láncara. Eles decidirán o gañador deste premio, que se entregará ao redor do 27 de agosto coincidindo co aniversario do pasamento do intelectual Ramón Piñeiro. As propostas deberán enviarse á Asociación Cultural Val de Láncara (Láncara número 59. C.P. 27367 Láncara-Lugo) ou por correo electrónico a: arroxo@edu.xunta.es (á atención de Carlos López Sierra). As edicións anteriores deste certame recoñeceron o labor e a traxectoria do intelectual Isaac Díaz Pardo, o actor Luís Tosar, o grupo Milladoiro, o político Xosé Manuel Beiras, o escritor Xosé Neira Vilas, A Nosa Terra, o intelectual Avelino Pousa Antelo e a escritora Luz Pozo Garza. Con este premio, que recoñece de maneira real e desde abaixo o traballo daquelas personalidades destacadas nos traballos de defensa e promoción de Galicia e a súa cultura, o municipio de Láncara convértese no escenario da cultura galega durante os actos de entrega. A nova aparece recollida en A Nosa Terra, Xornal e El Progreso.
Arquivos da etiqueta: Ramón Piñeiro
Santiago: exposición sobre Ramón Piñeiro
Mañá venres 6 de novembro comeza en Santiago de Compostela a exposición Ramón Piñeiro, olladas de futuro. O acto de inauguración terá lugar ás 13 horas no Museo do Pobo Galego.
A Coruña: conferencia de Miguel Barros
Hoxe martes 3 de Novembro Miguel Barros Puente intervirá dentro do ciclo Economia, História, e Realidade Social organizado por O Facho cunha palestra que versará sobre a figura de Ramón Piñeiro: Unha lectura revisionista do Nacionalismo. Será a partir das oito do serán na Fundación Caixa Galicia da Coruña (no Cantón Grande).
A Coruña: exposicións sobre Ramón Piñeiro e Blanco Amor
Até o 26 de xullo a Casa da Cultura Salvador de Madariaga acolle dúas exposicións da editorial Galaxia: RAMÓN PIÑEIRO OLLADAS NO FUTURO, un percorrido pola vida e obra da figura a quen este ano se lle adicou o día das Letras e a A OLLADA DO DESEXO, unha mostra de fotografías de Blanco Amor, testemuñas da súa faceta de viaxeiro incansable.
Ademais, a Biblioteca de Estudos Locais organiza coincidindo co 50 aniversario da primeira edición d’A Esmorga unha mostra bibliográfica a modo de homenaxe á novela de Blanco Amor que inaugura o realismo social e marca un fito na narrativa galega contemporánea.
A Coruña: Mercedes Queixas presenta o seu libro sobre Ramón Piñeiro
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que este xoves 18 de xuño terá lugar a presentación do libro Ramón Piñeiro, a expresión cultural dunha estratexia política de Mercedes Queixas Zas, editado por Laiovento. A autora estrá acompañada por Francisco Pillado e Pilar García Negro. Será ás 20:30h. no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º) con entrada libre.
Ourense: conferencia de Basilio Losada
Maná martes 2 de xuño as oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da Sociedade do Liceo de Ourense o profesor Basilio Losada Castro pronunciará unha Conferencia co título Diálogos con Ramón Piñeiro. Basilio Losada (Láncara, Lugo, 1930), é un tradutor galego, crítico literario, catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Barcelona desde 1986 e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa. Traduce ao castelán e ao galego e é autor de numerosos estudos críticos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira.
Oroso: presentación do Dicionario Ramón Piñeiro
O “Dicionario” Ramón Piñeiro de Xoán Pastor Rodríguez Santamaría preséntase mañá xoves 28 de maio no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa, en Sigüeiro, Oroso. No acto intervirán o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, o director editorial de 3C3, Antonio Puentes Chao, e o propio autor.
Xerais publica en soporte dixital Unha conversa con Ramón Piñeiro
Unha conversa con Ramón Piñeiro de Suso de Toro é o primeiro libro que con motivo da efeméride do 17 de maio de 2009 publica a editorial Xerais en soporte exclusivamente dixital. Pode baixarse gratuitamente en PDF dende aquí (30 páxinas, 113 KB).
Ourense: conferencia de Carlos Fernández
Hoxe luns 18 de maio ás oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da Sociedade a Sección de Literatura do Liceo de Ourense continúa cunha nova edición do Ciclo de Conferencias “Visións de Galicia” adicadas este ano a Ramón Piñeiro e o Grupo Galaxia, cunha Conferencia de Carlos Fernández que leva por título O ensaismo na Xeración Galaxia. A entrada é libre.
Ferrol: charla-coloquio sobre Ramón Piñeiro
A Galería Sargadelos Ferrol organiza un acto conmemorativo do día das Letras Galegas hoxe mércores 13 de maio ás 20.00h, que contará coa participación de dous profesores e escritores de Ferrol, Henrique Dacosta e Bernardo Maiz, que levarán a cabo unha serie de reflexións sobre a figura de Ramón Piñeiro. A charla-coloquio será de entrada libre.