Xosé Manuel Sánchez Rei: “Seivane podía limitarse a reproducir instrumentos, pero optou por innovar”

Entrevista de Raquel C. Pérez a Xosé Manuel Sánchez Rei en Nós Diario:
“Un encargo foi o punto de saída de Xosé Seivane. A gaita con maiúscula, o libro de Xosé Manuel Sánchez Rei que viu a luz en maio da man de Editorial Canela. Un percorrido pola vida do músico e artesán que reuniu nun único espazo tradición e innovación. E puxo nome a un legado que continúa vivo. (…)
– Nós Diario (ND): Tivo que acumular un bo feixe de anécdotas nos primeiros anos do obradoiro.
– Xosé Manuel Sánchez Rei (XMSR): Unha das máis comentadas é como se chegaba até alí. Unha estrada vella, con moitas curvas, que impón moito respecto. E unha vez que alguén chegaba canda Seivane tiña que tocar unha melodía, unha peza para deleitalo. Era habitual chegar pola mañá e que houbese un gaiteiro de Vigo que pedira un fol, outro doutra zona que quería arranxar un punteiro e outro a palleta. Era como un centro de encontro para moitos gaiteiros da época. Naquel momento funcionaba o teléfono, como se conseguiu que chegase ao obradoiro é outra historia en si mesma, pero moitas encargas chegaban directamente por carta.
– ND: Xosé Seivane bebe da tradición, mais fica claro que non tivo medo a innovar. Que papel xogaron os músicos-clientes nas súas investigacións?
– XSMR: Seivane sempre tivo un ouvido atento ao que lle pedían os gaiteiros. Ía un gaiteiro ou gaiteira e dicía “esta gaita afina moi ben, pero quero que afine coa técnica aberta e mais coa fechada”. El investigaba durante meses como ter un punteiro que afinase coa técnica moderna e coa antiga. A evolución da gaita foise marcando polas relacións entre gaiteiros e gaiteiras e artesáns. Ese foi outro dos méritos que ten como artesán, Seivane sempre estivo investigando para conseguir máis posibilidades do instrumento. (…)
– ND: Cal era a súa concepción do instrumento e mais da música tradicional?
– XSMR: Seivane podía limitarse a reproducir instrumentos, pero optou por innovar constantemente. Para el a gaita era o instrumento nacional da Galiza. Sen nunca perder de vista o pasado, el foi capaz de facer que evolucionase a mellor. Polo que teño escoitado del, sempre dixo que había que dignificar a música tradicional galega, poñéndoa á altura correspondente aos seus músicos e músicas. Hoxe escoitamos unha gaita nunha romaría, nunha feira, nunha alborada, pero tamén nun escenario cunha orquestra sinfónica de fondo. E iso é tamén grazas a Seivane. (…)”