O mércores
17 de novembro, a partir das 20:00 h., na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) da Coruña, desenvólvese unha conferencia de Mercedes Queixas sobre Ricardo Carvalho Calero: (Re)nacer cen anos depois.
Arquivos da etiqueta: Ricardo Carvalho Calero
Ditames do XVIII Certame de ensaio e narrativa Carvalho Calero
O
xurado do XVIII Certame Literario e Lingüístico Carvalho Calero, presidido por Mercedes Carbajales, e con Ángeles González como secretaria, e integrado por Xabier P. Docampo, Rosa Aneiros, Carlos Pazos, Carlos Garrido e Victoria Salgado, deu a coñecer o seu fallo, anunciando que o catedrático e filólogo coruñés Manuel Castelao Mexuto resultou gañador no apartado de ensaio pola súa obra Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas teatrais de Carvalho Calero. Na categoría de narrativa o premio quedou deserto por segundo ano consecutivo, xa que os traballos presentados non alcanzaron a calidade requerida nun certame que, recentemente, se decidía consolidar como bianual, co que a próxima convocatoria terá lugar no 2013. A entrega do premio celebrarase a finais de mes e destacaron a importancia da data, xa que neste ano se cumpre o centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero, ilustre filólogo e escritor, membro numerario da Real Academia Galega e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. O gañador, Manuel Castelao Mexuto, verá editada a súa obra e recibirá un premio en metálico de 3.700 euros, destacando o xurado o traballo interpretativo e reflexivo, así como o gran esforzo didáctico do autor, ampliando así o seu público potencial. (Concello de Ferrol. Tamén se recolle a nova en Galicia Hoxe, Diario de Ferrol, Cultura Galega).
A minha embala gaña o concurso Musicando Carvalho Calero
O
concurso Musicando Carvalho Calero, organizado pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e Komunikando, foi gañado por A minha embala, proxecto da angolana Aline Frazão e o segoviano César Herranz, coa súa versión do tema Maria Silêncio. O xurado estaba formado por Carlos Quiroga, Xavier Freire, Carlos Mourente Valcárcel e Leo Fernández Campos (Leo i Arremecághona). O premio consiste nunha semana nun estudio profesional de música para gravaren os temas que consideraren oportunos e tres dias máis para as misturas e masterización do disco. Este incluirá o tema enviado ao concurso e será editado con licenza Creative Commons. O orzamento do premio foi compartillado polas concellarias de cultura da Coruña, Santiago e Ourense. Máis información na web de Komunikando.
A Coruña: Carvalho Calero. De puño e letra, exposición-homenaxe da AS-PG
Do
sábado 30 de outubro ao martes 30 de novembro, na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panaderas, 12) da Coruña, estará aberta a exposición Carvalho Calero. De puño e letra, organizada pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega con motivo do centenario do seu nacemento, como homenaxe ao autor da primeira historia da literatura galega. A inauguración será o sábado 30 de outubro ás 12:00 h.
Santiago adícalle unha estatua a Carvalho Calero
Lugo: presentación de Cautivério de Fingoi. Os anos lugueses (1950-1965) de D. Ricardo Carvalho Calero, de Ramón Reimunde
O
mércores 27 de outubro, ás 20:00 h., no Salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), preséntase o libro Cautivério de Fingoi. Os anos lugueses (1950-1965) de D. Ricardo Carvalho Calero, de Ramón Reimunde, editado polo servizo de publicacións da Área de Cultura da Deputación.
A Coruña: conferencia sobre Ricardo Carvalho Calero, por Xosé Luís Rodríguez Fernández
O martes
5 de outubro, ás 20:00 h., celébrase na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, unha conferencia do profesor e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Luís Rodríguez Fernández, sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero, dentro do ciclo Lingua, Literatura e Nación organizado pola Agrupaçom Cultural O Facho.
“Pedem explicações à Junta pola nom divulgaçom de Carvalho Calero”
Web sobre Carvalho Calero
(Vieiros)
Ferrol: acto conxunto Artábria-AGAL dedicado a Carvalho Calero
«Na próxima quinta-feira, xoves dia 22 de Novembro, a Fundaçom Artabria, a Associaçom Galega da Língua (AGAL), e contando coa colaboración do Ateneo Ferrolán, organizan unha Mesa Redonda dedicada à figura dun ferrolán e galego ilustre: Ricardo Carvalho Calero.
Será a partir das 20,30 horas no Salón de Actos do Ateneo Ferrolán , sito na rúa Magdalena 202-204 de Ferrol, e falarán: José-Martinho Monteiro Santalha, Maurício Castro e Alexandre Banhos, nunha conferencia a tres voces que leva por título “Carvalho Calero: ferrolán, galego e universal”.
A Fundaçom Artábria quer reiniciar asi o que ten sido para nós unha vella reivindicación: a dedicatoria do Dia das Letras de 2009, aínda non atribuído, ao grande polígrafo ferrolán. Para tal, contamos con a presencia do maior especialista na súa figura, José-Martinho Monteiro Santalha, tamén ferrolán e profesor de Didáctica das Línguas na Universidade de Vigo; de Maurício Castro, Xefe do Departamento de Português na EOI de Ferrol; e de Alexandre Banhos, novo presidente da Associaçom Galega da Língua.» (Ateneo Ferrolán)