Desde Cultura Galega:
“A representación que a compañía Chévere fixo na 40ª Mostra de Teatro Galego de Cariño da súa obra Río Bravo 3.1 foi a favorita dos asistentes do evento, que coas súas votacións danlle o Premio do Público desta edición. A obra da compañía compostelá, probablemente a máis lonxeva da mostra, volveu a convencer con éxito, vinte e oito anos despois da súa estrea. A obra, que a compañía volveu a poñer en escena co gallo do seu trinta aniversario de actividade, tivo tan boa resposta nesta volta aos escenario que Chévere anunciou que de agora en adiante fará unha representación cada ano deste western en clave de comedia musical. O da Mostra de Cariño foi o correspondente a actual temporada así que haberá que agardar ata o vindeiro ano para volver a vela sobre as táboas dalgún escenario aínda sen confirmar.”
Arquivos da etiqueta: Río Bravo 3.1
Arrinca a XL Mostra de Teatro Galego de Cariño
Desde Erregueté:
“Este sábado 11 de agosto comeza a XL Mostra de Teatro Galego de Cariño cun programa que se desenvolverá até o venres 17. Dezasete compañías conforman o cartel que conta con seis espectáculos de rúa, diferentes actuacións de programación infantil en horario matinal e cinco funcións nocturnas no Auditorio Municipal. No seu corenta aniversario, a Mostra de Teatro Galego de Cariño contará tamén con diversas actividades paralelas entre as que se inclúen obradoiros, concertos ou unha xornada de traballo de Escena Galega.
O sábado 11 de agosto, a galega Natalia Outeiro abrirá a sesión matinal con A vida tola ás 12.30 horas na Porta Pulida. Pola tarde, a Praza Roxa acollerá a partir das 20.00 horas o espectáculo O Apartamento, de Cirk About It (Castela-León). Recoñecido co Premio Feira de Teatro de Castela-León ou Premio ao Mellor espectáculo de rúa Feten 2017, O Apartamento presenta unha situación cotiá como pode ser a convivencia nun apartamento para explicar como a rutina pode romperse con facilidade.
O domingo 12 de agosto Culturactiva presenta na Praza da Ribeira a partir das 12.00 horas o seu Saaabor!, un espectáculo para todos os públicos que mestura música, maxia e humor co mundo da gastronomía de fondo. Por outra parte, ás 13.15 horas o Parque do concello “Campín” será o escenario para o grupo de ukeleles Ukestra do Medio e o seu ecléctico repertorio. Finalmente, ás 20.30 horas o circo chega á Praza do Mercado da man de Shakti Olaizola con Baldín Bada: unha proposta para todos os públicos co que coñecer de preto os disparates e as loucuras dunha pintora e un músico.
O luns 13 de agosto no Auditorio Municipal a compañía portuguesa Partículas Elementares presenta O ninho: unha proposta de teatro de monicreques visual, simple e intimista. Pola noite, a partir das 22.15 horas o Auditorio Municipal acolle Commedia. Un xoguete para Goldoni, de Contraproducións. Escrita e dirixida por Cándido Pazó, Commedia volve á escena 25 anos despois da súa estrea repetindo no posible o mesmo equipo creativo dun espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego.
O martes 14 de agosto, Baobab Teatro abre a xornada ás 12.00 horas no Auditorio Municipal con Pum! Pum!, un espectáculo que combina os monicreques, co teatro de actor, a música, as máscaras e as sombras para descubrir as historias e os medos da nena Marieta. Pola noite, ás 22.15 horas A Panadaría desembarca no Auditorio Municipal coa comedia musical Elisa e Marcela, un dos espectáculos máis aplaudidos da temporada e que conta, entre outros recoñecementos, o Premio María Casares na categoría de Mellor Espectáculo.
O mércores 15 de agosto, Títeres Trompicallo desprega a partir ás 12.00 horas, no Auditorio Municipal, o seu Planeta Ardora, un espectáculo de monicreques para toda a familia. Pola tarde, chegado de Portugal, ás 20.30 horas a Praza Roxa servirá de escenario para o espectáculo de clown Lullaby, de Godot (Portugal). Finalmente, na sesión da noite, Mofa e Befa tomarán o Auditorio Municipal ás 22.15 horas con Cranios privilexiados… ou a crítica da razón perralleira.
O xoves 16 de agosto, Ghazafellos Teatro presenta Lúa no Auditorio Municipal ás 12.00 horas. Trátase dun espectáculo dirixido por Pepablo Patinho no que, da man dunha nena chamada Lúa, percorreremos o mundo dos maiores cos ollos da infancia. Por outra parte, ás 20.00 horas o Local Social de Cariño acolle a presentación da erregueté – Revista Galega de Teatro coa lectura-concertada de Lear, de Francesc Meseguer editada no seu número 92. Para rematar a xornada, a partir das 22.15 horas a compañía Redrum Teatro, baixo a dirección de Álex Sampayo, leva o thriller A canción do elefante ao Auditorio Municipal.
Finalmente, o venres 17 de agosto, o Auditorio Municipal acolle a presentación de Aire, do proxecto musical María Fumaça en sesión matinal. Pola tarde, a Praza do Mercado será o espazo no que o belga Okidok despregue a partir das 20.00 horas Slips Experience, unha proposta de humor, acrobacias e teatro xestual. A continuación, Chévere tomará o relevo a partir das 22.15 horas no Auditorio Municipal coa disparatada comedia musical Río Bravo 3.1. que a compañía retoma vinte e sete anos despois e coa que pecha o pano da Mostra de Cariño no seu corenta aniversario.”