“A arte de contar contos reclama o seu sitio cunha xornada festiva por toda a Galiza”

Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“Deixouno dito Peter Handke: “Se un país perde os seus narradores, perde a súa infancia”. Se cadra, hoxe son o contacontos ou a narradora oral; mais antes foron as avoas, as actrices e actores, os trobadores e as soldadeiras, os xamáns… Que alguén se levante, tome a palabra e comece a contar un relato ten un significado que vai moito máis aló do entretemento ao que adoitamos asociar a palabra “conto”: ese contar está creando comunidade, transmitindo valores e saberes, estimulando un imaxinario colectivo que forma parte da nosa identidade.
O sábado 20 de marzo, os narradores e as narradoras da Galiza xúntanse para conmemorar o Día Internacional da Narración Oral, para celebrar un xénero cada vez máis popular e tamén para reclamar o posto que o seu oficio merece dentro da sociedade. Os festivais Atlántica de Compostela, Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña, ademais dos integrantes do Colectivo Noga (Narración Oral Galega), desenvolven máis de vinte espectáculos por múltiplas vilas e cidades do país.
“A celebración do Día da Narración Oral conmemórase desde o ano 1991”, explica Xacobe Rodríguez -membro da compañía Pavís Pavós e un dos organizadores do festival Sete Falares-, “por iniciativa dos contadores suecos, a partir dun proxecto moi semellante ao que estamos a desenvolver nós agora: organizáronse para celebrar sesións de contos por todo o país. Aquilo foi medrando e agora está estendido por todo o mundo. Entre os festivais que organizamos isto e o Colectivo Noga, decatámonos de que somos un país de grandes contadores de historias, de que temos unha tradición moi fértil e de que, ademais, temos unha identidade moi marcada na forma de contar e, xa que logo, tiñamos que darlle algo de relevo a esta data”.
O acto, sen deixar de ser festivo, ten tamén a súa dose de reivindicación nun ano en que, como lembran desde a organización, os profesionais da narración oral perderon máis do 60% do seu volume de traballo. “A pandemia e as medidas de restrición derivadas da alerta sanitaria están provocando unha situación moi grave no mundo da cultura”, relata Rodríguez, “e dentro do sector da cultura, os contadores de historias somos un pouco o irmán pequeno, e xa se sabe que os pequenos son os que acaban sufrindo máis”.
“O ano foi malo para todo o mundo pero para o noso sector foi brutal, houbo xente á que lles suspenderon practicamente o 100% das funcións contratadas. Tratamos de subsistir, mais as axudas sempre acaban indo para os máis grandes. Sen negar o dereito que teñen estes a ter apoios, cremos que hai un desequilibrio moi evidente, como se pode ver no Plan para a Cultura que acaba de presentar a Consellaría. Por iso queremos facer visíbel esta situación que estamos a vivir”, engade.
Para a ocasión, a escritora Fina Casalderrey escribiu un manifesto no que tamén se lembra que a Galiza ten unha forma de contar propia, un código narrativo que responde ás peculiaridades da súa identidade. Xacobe Rodríguez explícao cunha imaxe moi ilustrativa: “Todo o mundo ten moi clara a imaxe dunha tribo africana, perdida no medio da sabana, arredor dunha fogueira e cunha persoa contándolle historias ao resto do grupo. E para nós, a imaxe dun grupo de xente arredor dunha lareira cunha vella ou un vello contando os seus contos de lobos é igual de precisa”.
As veces, é o universal o que se manifesta, prosegue: “É curioso que, en moitas ocasións, descobres que un conto –que levas contando durante anos e que cres que pertence exclusivamente á tradición galega- existe practicamente igual, coas variantes lóxicas, en Romanía, en Noruega ou na Patagonia. Historias que veñen contándose desde hai séculos, existen nas partes do mundo máis afastadas”. Mais outras veces, é o particular o que destaca: “A visión da morte que se intúe nos nosos contos, por exemplo, chama poderosamente a atención no resto do Estado; é impensábel para eles contar historias que se enfronten así ao reino dos defuntos. Hai unha cosmovisión propia que forma parte da nosa forma de ser”. O universal manifestándose no particular, como proclamaban desde a revista Nós.
Superamos esa etapa na que se pensaba que a narración oral era un xénero infantil, e agora os adultos préstanlle tanta atención como a cativada. “Nese sentido, creo que os festivais fixemos un labor importante dándolles relevo –e, até certo punto, priorizando- as funcións para persoas adultas. E atreveríame a dicir que a estas gústalles tanto ou máis que ás crianzas escoitar un conto: cando vas ver un espectáculo no que se conta unha historia que ti xa escoitaches, tes a mesma reacción infantil de ‘atende, que esta está moi ben’; volves a ese comportamento de querer que che conten sempre a mesma historia unha e outra vez. O que sucede é que nós non o recoñecemos”.
Ese espazo para, dalgunha maneira, recrear a infancia é preciso para asentarnos no que somos e albiscar o que podemos chegar a ser. Xacobe Rodríguez resume: “Os contos axúdannos a revivir o pasado, a crear o imaxinario colectivo e, a fin de contas, a crear o futuro”.
Lorena Pinheiro, Raquel Queizás, Dani Blanco, Charo Pita, Pablo Díaz, Vero Rilo, Celso F. Sanmartín, Chus Álvarez, Anxo Moure, Ramiro Neira, Cris de Caldas, Marta Ortiz, Quico Cadaval, Sole Felloza, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento son algunhas das compañías e artistas que participan nesta xornada de celebración e reivindicación da narración oral galega.
Ducias de historias percorreron os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, As Neves, O Porriño, Mondariz, Fene, Brión, Ribeira, Ourense, A Coruña e Pontevedra.
Ademais, o manifesto asinado por Fina Casalderrey circulou por centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar a importancia de “contar un conto”.”

Arrinca a XL Mostra de Teatro Galego de Cariño

Desde Erregueté:
“Este sábado 11 de agosto comeza a XL Mostra de Teatro Galego de Cariño cun programa que se desenvolverá até o venres 17. Dezasete compañías conforman o cartel que conta con seis espectáculos de rúa, diferentes actuacións de programación infantil en horario matinal e cinco funcións nocturnas no Auditorio Municipal. No seu corenta aniversario, a Mostra de Teatro Galego de Cariño contará tamén con diversas actividades paralelas entre as que se inclúen obradoiros, concertos ou unha xornada de traballo de Escena Galega.
O sábado 11 de agosto, a galega Natalia Outeiro abrirá a sesión matinal con A vida tola ás 12.30 horas na Porta Pulida. Pola tarde, a Praza Roxa acollerá a partir das 20.00 horas o espectáculo O Apartamento, de Cirk About It (Castela-León). Recoñecido co Premio Feira de Teatro de Castela-León ou Premio ao Mellor espectáculo de rúa Feten 2017, O Apartamento presenta unha situación cotiá como pode ser a convivencia nun apartamento para explicar como a rutina pode romperse con facilidade.
O domingo 12 de agosto Culturactiva presenta na Praza da Ribeira a partir das 12.00 horas o seu Saaabor!, un espectáculo para todos os públicos que mestura música, maxia e humor co mundo da gastronomía de fondo. Por outra parte, ás 13.15 horas o Parque do concello “Campín” será o escenario para o grupo de ukeleles Ukestra do Medio e o seu ecléctico repertorio. Finalmente, ás 20.30 horas o circo chega á Praza do Mercado da man de Shakti Olaizola con Baldín Bada: unha proposta para todos os públicos co que coñecer de preto os disparates e as loucuras dunha pintora e un músico.
O luns 13 de agosto no Auditorio Municipal a compañía portuguesa Partículas Elementares presenta O ninho: unha proposta de teatro de monicreques visual, simple e intimista. Pola noite, a partir das 22.15 horas o Auditorio Municipal acolle Commedia. Un xoguete para Goldoni, de Contraproducións. Escrita e dirixida por Cándido Pazó, Commedia volve á escena 25 anos despois da súa estrea repetindo no posible o mesmo equipo creativo dun espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego.
O martes 14 de agosto, Baobab Teatro abre a xornada ás 12.00 horas no Auditorio Municipal con Pum! Pum!, un espectáculo que combina os monicreques, co teatro de actor, a música, as máscaras e as sombras para descubrir as historias e os medos da nena Marieta. Pola noite, ás 22.15 horas A Panadaría desembarca no Auditorio Municipal coa comedia musical Elisa e Marcela, un dos espectáculos máis aplaudidos da temporada e que conta, entre outros recoñecementos, o Premio María Casares na categoría de Mellor Espectáculo.
O mércores 15 de agosto, Títeres Trompicallo desprega a partir ás 12.00 horas, no Auditorio Municipal, o seu Planeta Ardora, un espectáculo de monicreques para toda a familia. Pola tarde, chegado de Portugal, ás 20.30 horas a Praza Roxa servirá de escenario para o espectáculo de clown Lullaby, de Godot (Portugal). Finalmente, na sesión da noite, Mofa e Befa tomarán o Auditorio Municipal ás 22.15 horas con Cranios privilexiados… ou a crítica da razón perralleira.
O xoves 16 de agosto, Ghazafellos Teatro presenta Lúa no Auditorio Municipal ás 12.00 horas. Trátase dun espectáculo dirixido por Pepablo Patinho no que, da man dunha nena chamada Lúa, percorreremos o mundo dos maiores cos ollos da infancia. Por outra parte, ás 20.00 horas o Local Social de Cariño acolle a presentación da erregueté – Revista Galega de Teatro coa lectura-concertada de Lear, de Francesc Meseguer editada no seu número 92. Para rematar a xornada, a partir das 22.15 horas a compañía Redrum Teatro, baixo a dirección de Álex Sampayo, leva o thriller A canción do elefante ao Auditorio Municipal.
Finalmente, o venres 17 de agosto, o Auditorio Municipal acolle a presentación de Aire, do proxecto musical María Fumaça en sesión matinal. Pola tarde, a Praza do Mercado será o espazo no que o belga Okidok despregue a partir das 20.00 horas Slips Experience, unha proposta de humor, acrobacias e teatro xestual. A continuación, Chévere tomará o relevo a partir das 22.15 horas no Auditorio Municipal coa disparatada comedia musical Río Bravo 3.1. que a compañía retoma vinte e sete anos despois e coa que pecha o pano da Mostra de Cariño no seu corenta aniversario.”

A Rede Galega de Teatros e Auditorios achégalle ao público de Tui seis espectáculos

Desde Agadic:
“O Teatro Municipal de Tui ofrecerá durante os meses de febreiro e marzo seis espectáculos de teatro, música e maxia como escenario da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto financiado pola Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e as entidades xestoras dos seus 44 espazos asociados.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta axenda cultural xunto ao alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín; o concelleiro de Cultura, Patrimonio e Medio Ambiente, Eduardo Martínez Freiría, e os representantes da meirande parte das compañías galegas que lle dan forma á nova carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios no escenario tudense. Nel actuarán Mamá Cabra, Culturactiva, Cayetano Lledó, Sarabela Teatro e Baobab Teatro, ademais da formación catalá Titzina Teatre.
Musical para público familiar
A programación arrancará o venres 2 de febreiro (20,00 h.) co musical para público familiar O paxaro amigo-Músicas para a paz, de Mamá Cabra, ao que seguirá o sábado 3 (20,30 h.) La zanja, traxicomedia de Titzina Teatre que propón unha viaxe paralela entre o presente e o pasado para transportar os espectadores á época do descubrimento de América.
Xa en marzo, será a quenda de Falar sen cancelas (venres 2, 21,30 h.), espectáculo de humor de Culturactiva que xunta sobre o escenario a Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz; Sherlock Holmes (sábado 3, 19,00 h.), do mago Cayetano Lledó; O rei morre (venres 9, 21,30 h.), montaxe de Sarabela Teatro dirixida por Ana Vallés, e Pum, pum! (sábado 10, ás 19,00 h.), proposta de Baobab Teatro para público infantil.
Ademais da súa oferta en rede, o Teatro Municipal de Tui ofrecerá dúas proxeccións cinematográficas os días 9 e 10 de febreiro: o filme de animación Ballerina e a longametraxe de produción galega kmaría (e os demais). (…)
As entradas para asistir aos espectáculos da Rede en Tui estarán á venda no despacho de billetes do Teatro Municipal desde hora e media antes do comezo da función, así como en www.culturatui.info desde unha semana antes e ata as 12,00 h. do día da representación.”