Arrinca a XL Mostra de Teatro Galego de Cariño

Desde Erregueté:
“Este sábado 11 de agosto comeza a XL Mostra de Teatro Galego de Cariño cun programa que se desenvolverá até o venres 17. Dezasete compañías conforman o cartel que conta con seis espectáculos de rúa, diferentes actuacións de programación infantil en horario matinal e cinco funcións nocturnas no Auditorio Municipal. No seu corenta aniversario, a Mostra de Teatro Galego de Cariño contará tamén con diversas actividades paralelas entre as que se inclúen obradoiros, concertos ou unha xornada de traballo de Escena Galega.
O sábado 11 de agosto, a galega Natalia Outeiro abrirá a sesión matinal con A vida tola ás 12.30 horas na Porta Pulida. Pola tarde, a Praza Roxa acollerá a partir das 20.00 horas o espectáculo O Apartamento, de Cirk About It (Castela-León). Recoñecido co Premio Feira de Teatro de Castela-León ou Premio ao Mellor espectáculo de rúa Feten 2017, O Apartamento presenta unha situación cotiá como pode ser a convivencia nun apartamento para explicar como a rutina pode romperse con facilidade.
O domingo 12 de agosto Culturactiva presenta na Praza da Ribeira a partir das 12.00 horas o seu Saaabor!, un espectáculo para todos os públicos que mestura música, maxia e humor co mundo da gastronomía de fondo. Por outra parte, ás 13.15 horas o Parque do concello “Campín” será o escenario para o grupo de ukeleles Ukestra do Medio e o seu ecléctico repertorio. Finalmente, ás 20.30 horas o circo chega á Praza do Mercado da man de Shakti Olaizola con Baldín Bada: unha proposta para todos os públicos co que coñecer de preto os disparates e as loucuras dunha pintora e un músico.
O luns 13 de agosto no Auditorio Municipal a compañía portuguesa Partículas Elementares presenta O ninho: unha proposta de teatro de monicreques visual, simple e intimista. Pola noite, a partir das 22.15 horas o Auditorio Municipal acolle Commedia. Un xoguete para Goldoni, de Contraproducións. Escrita e dirixida por Cándido Pazó, Commedia volve á escena 25 anos despois da súa estrea repetindo no posible o mesmo equipo creativo dun espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego.
O martes 14 de agosto, Baobab Teatro abre a xornada ás 12.00 horas no Auditorio Municipal con Pum! Pum!, un espectáculo que combina os monicreques, co teatro de actor, a música, as máscaras e as sombras para descubrir as historias e os medos da nena Marieta. Pola noite, ás 22.15 horas A Panadaría desembarca no Auditorio Municipal coa comedia musical Elisa e Marcela, un dos espectáculos máis aplaudidos da temporada e que conta, entre outros recoñecementos, o Premio María Casares na categoría de Mellor Espectáculo.
O mércores 15 de agosto, Títeres Trompicallo desprega a partir ás 12.00 horas, no Auditorio Municipal, o seu Planeta Ardora, un espectáculo de monicreques para toda a familia. Pola tarde, chegado de Portugal, ás 20.30 horas a Praza Roxa servirá de escenario para o espectáculo de clown Lullaby, de Godot (Portugal). Finalmente, na sesión da noite, Mofa e Befa tomarán o Auditorio Municipal ás 22.15 horas con Cranios privilexiados… ou a crítica da razón perralleira.
O xoves 16 de agosto, Ghazafellos Teatro presenta Lúa no Auditorio Municipal ás 12.00 horas. Trátase dun espectáculo dirixido por Pepablo Patinho no que, da man dunha nena chamada Lúa, percorreremos o mundo dos maiores cos ollos da infancia. Por outra parte, ás 20.00 horas o Local Social de Cariño acolle a presentación da erregueté – Revista Galega de Teatro coa lectura-concertada de Lear, de Francesc Meseguer editada no seu número 92. Para rematar a xornada, a partir das 22.15 horas a compañía Redrum Teatro, baixo a dirección de Álex Sampayo, leva o thriller A canción do elefante ao Auditorio Municipal.
Finalmente, o venres 17 de agosto, o Auditorio Municipal acolle a presentación de Aire, do proxecto musical María Fumaça en sesión matinal. Pola tarde, a Praza do Mercado será o espazo no que o belga Okidok despregue a partir das 20.00 horas Slips Experience, unha proposta de humor, acrobacias e teatro xestual. A continuación, Chévere tomará o relevo a partir das 22.15 horas no Auditorio Municipal coa disparatada comedia musical Río Bravo 3.1. que a compañía retoma vinte e sete anos despois e coa que pecha o pano da Mostra de Cariño no seu corenta aniversario.”

Tanxarina, Borja Fernández, PT Excéntricas, Sarabela e Compañía Ensalle protagonizan a segunda xornada de Galicia Escena PRO

Desde Agadic:
“Galicia Escena PRO, o mercado galego das artes escénicas que se celebra entre hoxe e o xoves en Santiago de Compostela, ten preparada para mañá unha segunda xornada de actividade con cinco compañías galegas como protagonistas: Tanxarina, Borja Fernández, PT Excéntricas, Sarabela Teatro e Compañía Ensalle.
A través delas, dáse conta da variedade de estilos que ofrece a carteleira de 19 espectáculos, aberta de xeito gratuíto ao público xeral, desta sexta edición do encontro organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, no que están a participar un 200 profesionais do sector.
Como en anos anteriores, as localidades dispoñibles tras o acceso das persoas acreditadas póñense a disposición do público xeral de xeito gratuíto, previa retirada das entradas no despacho de billetes correspondente desde una hora antes do comezo da representación.
Teatro familiar sobre a diversidade
O teatro para público infantil e familiar abrirá este segundo día de Galicia Escena PRO con A galiña azul, de Tanxarina. Esta montaxe de monicreques, que fala da diversidade e da solidariedade, poderá verse na sala 2 da Fundación SGAE, ás 11,00 h.
A sala Germán Coppini deste mesmo espazo acollerá Salvador, tamén en horario de mañá (12,15 h.), Salvador. Este traballo do creador Borja Fernández segue a historia como emigrante no Brasil do seu avó paterno para construír un traballo escénico a medio camiño entre o documental e a ficción teatral, cos movementos migratorios, as desaparicións e os encontros como principais eixos temáticos.
A quenda de tarde comezará ás 17,30 h. no Auditorio Abanca con Cranios privilexiados… ou crítica da razón perralleira, de Producións Teatrais Excéntricas. Carlos Santiago é o director da nova comedia desta compañía compostelá, que poñen en escena Josito Porto e Víctor Mosqueira.
A continuación, Sarabela Teatro presentarase en Galicia Escena PRO con O rei morre (na imaxe), versión libre da obra de Eugène Ionesco. Ana Vallés asina a adaptación e a dirección deste espectáculo, que interpretan Nate Borrajo, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago e Alfonso Míguez. A cita será no Teatro Principal, ás 19,30 h.
A segunda xornada deste encontro concluirá coa posta en escena de Procedimientos ante el vacío, da Compañía Ensalle, no Salón Teatro. Trátase dun traballo interdisciplinar, que se sitúa entre o teatro contemporáneo e a danza, e que ten o seu xermolo na colaboración artística emprendida entre a compañía viguesa e a bailarina e coreógrafa Mónica Valenciano.
O programa estritamente profesional inclúe a celebración mañá en Santiago do encontro da Coordinadora de Ferias Escénicas del Estado Español (COFAE), no que os responsables das mostras de artes escénicas aquí representadas debaterán sobre a situación do sector, tentando atopar ferramentas estratéxicas que permitan desenvolver unha planificación de cara aos próximos anos. As reflexións derivadas desta xuntanza, así como das que se están a desenvolver durante todo o ano no resto das feiras asociadas, serán recollidas nunha publicación a modo de plan estratéxico.”

“A Crítica da razón perralleira ou por que os galegos son, de seu, un “pobo anarquista que non pode vivir sen caciques””

Entrevista de Montse Dopico a Carlos Santiago en Praza:
“A que non se terán enfrontado Mofa e Befa. De Shakespeare e Valle-Inclán. De Diderot a McDonagh. De Quevedo a Calderón. Ningún texto, escenario ou público deu vencido o dúo cómico formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. E parte do segredo está na súa filosofía: se non hai solución, inventa unha. Improvisa. Xa o demostraron hai ben tempo co seu Manifesto para un Teatro Perralleiro, un dos seus primeiros espectáculos.
Mais van alá xa máis de 25 anos e agora parece máis claro ca nunca, pois así o confirma a Cranios Privilexiados ou Crítica da razón perralleira, a súa última montaxe, dirixida por Carlos Santiago, na que percorren nada menos que a Historia da Filosofía. Apuntando ademais algunhas irrebatibles teorías sobre o ser galego -co seu carácter “anarquista”- ou sobre temas de actualidade que, como mostra da “estupidez” hexemónica, superarían o talento creativo do máis retorcido dos pensadores. Falamos con Carlos Santiago aproveitando o paso de Cranios Privilexiados polo Teatro Principal de Santiago.
– Praza (P): O texto é teu e de Pepe Sendón. Atopei algunha información que dicía que tamén era autor Quico Cadaval…
– Carlos Santiago (CS): É que inicialmente iamos ser Pepe, Quico Cadaval, Manolo Cortés e eu pero, despois, por circunstancias varias, quedamos só Pepe e eu. Ao principio foi como unha choiva torrencial de ideas. Xuntamos tanto material que tiñamos un tocho descomunal e, despois, fomos desbotando cousas. Fomos traballando con eles dous, con Evaristo e con Víctor, para pulir o texto e pasalo pola turbomix imbatible do dúo. Foi un proceso moi guai, moi divertido.
– P: O público podería preguntarse, pero, Mofa e Befa van poñerse serios? Mais Mofa e Befa teñen feito de todo…
– CS: Son dous actorazos de recursos ilimitados que teñen tocado todos os paus: o teatro isabelino, o barroco español…. Esta vez tocoulle á filosofía, xa en plan rachar coa pana. (Ri).
– P: A obra estreouse no FITO. Leva xa unhas cantas funcións. Como andas indo e vindo a Portugal, non sei se puideches acompañalos moito…
– CS: Estreouse no FITO, si. Eu estiven en todo o proceso, claro, despois fun un tempo para Portugal e xa volvín coa xira avanzada. Mais aínda lle demos unha volta despois da estrea. Quedaban algúns filósofos por meter e decidimos meternos con eles en masa, na escena do Philosophical Freak Show, que acaba por ser unha psicanálise aldeá da historia da filosofía.
– P: Cando comezaba a obra, a min facíame pensar na túa outra peza Finlandia
– CS: Algo pode ter que ver, é parte do meu estilo… Pero a verdade é que este traballo está pensado a medida deles, co tema da filosofía como pretexto. A obra está feita en función deles, que levan xa 25 anos sendo Mofa e Befa. O xogo foi partir da súa propia filosofía escénica, que declararon hai dúas décadas e media no Manifesto do Teatro Perralleiro. A idea era retornar o formato inicial deles: o dúo cómico, o biombo… pero cunha volta filosófica. (…)”

O dúo Mofa e Befa ofrece en Santiago catro funcións deCranios privilexiados no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Desde Agadic:
“O Teatro Principal de Santiago acolle a vindeira semana catro funcións de Mofa e Befa con Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira, a última proposta escénica do dúo que integran Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. As representacións, que terán lugar do 24 ao 27 de xaneiro, forman parte do programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Este circuíto, promovido a Xunta de Galicia xunto con máis de 40 escenarios galegos, abrangue ata o mes de xuño para o caso concreto de Compostela un total de 15 funcións de sete espectáculos galegos. (…)
Precisamente, Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira continuará nas vindeiras semanas as súas representacións no marco da RGTA: mañá día 19 no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, o 20 no Centro Cultural Xuvenil de Muros, o 3 de febreiro no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, o 9 de marzo no Teatro Jofre de Ferrol, o 10 de marzo no Auditorio Municipal do Carballiño e o 11 de maio na Casa da Cultura de Burela.
Neste mesma carteleira, o Teatro Principal compostelán, membro da RGTA desde a súa fundación hai máis de 20 anos, acollerá en datas sucesivas a estrea de O servidor de dous amos, a cargo de Talía Teatro; así como as funcións de Resaca, a cargo de Ilmaquinario Teatro; Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro; Pum Pum de Baobab Teatro; e as pezas de danza Gaia, de Entremáns, e Sons, de Nova Galega de Danza.”

Coñécense as obras premiadas no XLII Certame Nacional de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo

Desde Sermos Galiza (foto do Concello de Lalín):
“(…) A vinganza de Valdedeus valeulle ao escritor e xornalista Miguel Anxo Martínez Oubiña o Premio Modesto R. Figueiredo, organizado pola Fundación Padroado do Pedrón de Ouro, que nesta ocasión acolle o Concello de Lalín.
Nun comunicado de imprensa, a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, que formou parte do tribunal, salienta a “unanimidade na escolla”. O relato do premiado resultou, segundo a edila, “o favorito de todos os representantes cando se fixo a posta en común”. O texto vencedor do que se considera o certame literario máis antigo de Galiza está dotado cun premio en metálico de 1.000 euros.
Aliás, o xurado concedeu dous accésits -dotados con 400 euros cada un- ás autoras Iris María Gey López por Cranios privilexiados, e a Emma Pedreira, por Poder de alumear.
A entrega dos premios terá lugar o día 3 de febreiro ás 20:30 horas, na Biblioteca municipal Varela Jácome.
Composición do xurado
O xurado que seleccionou as obras estivo formado por Carlos Negro, Adolfo Caamaño, Luís Menéndez, Lara Rodríguez Peña e por David Otero, secretario de O Pedrón de Ouro, con voz pero sen voto.
En total, presentáronse ao concurso 75 traballos. Os relatos elixidos son publicados nun libro cada dúas edicións.”