Fina Calleja: “O apego de Rosalía á terra non é contemplación. É revolucionario, consciente. Non é unha paisaxe de postal, nostálxica”

Entrevista de Montse Dopico a Fina Calleja en Praza (foto: Culturactiva):
“Unha vez, tras unha visita escolar á casa de Rosalía de Castro, unha nena pequena chegou á casa contándolle ao seu pai que Rosalía non estaba. E que era fea porque estaba morta. O pai quedou pensando que, xa que Rosalía é precisamente o contrario: vida, luz…, algo habería que facer para axudar a que os nenos e nenas a visen tal como foi. Así xurdiu Rosalía’, a obra de teatro de Culturactiva que recrea a vida da Rosalía de Castro nena. Dirixida por Fina Calleja e interpretada por Cristina Collazo e Rocío González, Rosalía é o xogo, a exploración. O amor á palabra, á terra e ás persoas que nos coidan e que coidamos. Tamén as decisións adultas que, na infancia, non tomamos e nos afectan. E a amistade, e a imaxinación, como apoio no que acubillarnos cando a nosa vida dá un xiro. Falamos con Fina Calleja tras a preestrea deste espectáculo no Auditorio de Teo. A estrea será o sábado 22 de febreiro no Teatro Colón, na Coruña.
– Praza (P): O proxecto é unha iniciativa de Culturactiva. Por que che interesou cando che propuxeron dirixilo?
– Fina Calleja (FC): Eu xa traballara en Sarabela co Cabaleiro das Botas Azuis de Rosalía. Iso, e o meu amor pola figura de Rosalía, xa me puxo moi en antecedentes para facer unha revisión da figura da Rosalía como autora en consonancia cos novos estudos sobre o tema. Para min era interesante rescatar a poesía como protagonista, desde a certeza de que, se os nenos aos 4, 5 ou 6 anos adoran a literatura: xogan coas palabras, etc, algo pasa despois no seu desenvolvemento educativo no que isto pasa a ser outra cousa…
Partimos, así, do suposto ficcional da Rosalía nena que sente amor pola palabra como obxecto de xogo, en relación coa natureza. A aceptación do proxecto pola miña parte veu, de feito, cando atopamos iso: unha maneira de contar a historia que tivese interese, que achegase algo, que xustificase a posta en escena.
– P: Entón, a idea é presentar a Rosalía nena que vai xa descubrindo a poesía, na que vai nacendo a poeta que será despois.
– FC: Si, e sería magnífico que ademais os nenos e nenas que veñan ver a obra queden con esta idea de xogar coas palabras, que se sintan estimulados para seren creativos. Nese sentido, o espectáculo trata de ter un valor en si, e non ser só unha actividade escolar complementaria. Queremos que sexa algo que nutra ao espectador. (…)”