Miriam Reyes: “Xoguei, estudei, deixei falar o inconsciente. Botei man de todo o que tiña para aprender a dicir de novo”

Entrevista de Montse Dopico a Miriam Reyes en Praza:
“A sardiña é un alimento humilde, popular, que forma parte do recordo do avó. Mais tamén é el, o avó. O alimento do que ela leva toda a vida comendo, manténdoo vivo. Porque el ensinoulle a amar. A pensar. A falar nunha lingua que, ao emigrar, sendo unha nena, parou de ser a súa sen deixar, ao mesmo tempo, nunca de pertencerlle. “Sinto que lle debo o mellor de min”, di. Ela é a poeta Miriam Reyes. El é o seu avó. E Sardiña (Chan da Pólvora) é o poemario no que ela recupera, 35 anos despois, a través da pegada del, e da poesía, o idioma que perdera ao marchar aos 8 anos a Venezuela.
– Praza (P): No poemario cóntase, dalgunha maneira, un proceso real: o teu intento de recuperar unha lingua -o galego, esquecido ao marchar aos 8 anos- cos seus significados. Foi así como o pensaches desde o principio, ao ser convidada por Antón Lopo a escribir un poemario en galego? Como foi o proceso de creación?
– Miriam Reyes (MR): Cando Antón Lopo me propuxo facer o libro eu díxenlle que estaba tolo, que eu non era quen de escribir en galego. El contestoume: aí cho deixo. Coma quen planta unha semente. Aos seis meses volveu preguntarme polo libro, e xusto entón un pequeno talo empezou a asomar da terra. O primeiro que veu foi o meu avó: o libro é unha homenaxe e un lugar no que atoparme con el.
Ese lugar está feito da súa lingua, que non é a miña. Os poemas documentan o meu achegamento á lingua así como as miñas limitacións e frustracións nese proceso. Están feitos con consultas ao dicionario da RAG e a manuais oficiais, con canción populares e cas palabras de poetas que ficaron reverberando en min. Xoguei, estudei, deixei falar o inconsciente. Botei man de todo o que tiña para aprender a dicir de novo.
– P: Tachas algúns versos, mais deixándoos lexibles. Por que? É un xeito de evidenciar o proceso de escrita?
– MR: Quería evidenciar tanto a inseguridade, o tatexo o e o tenteo a máis dun nivel coma a autocensura, que ás veces ten que ver co estilístico, ás veces co normativo e outras co cultural. (…)”