Carlos Arias: “Sobol é unha aposta pola liberdade desde a poesía”

Entrevista de Carme Vidal a Carlos Arias en Sermos Galiza (a fotografía é de M. Longueira):
“(…) – Sermos Galiza (SG): Por vez primeira publica un libro na rede [Sobol], que posilidades achega o soporte dixital para a literatura?
– Carlos Arias (CA): Creo que moitas: a accesibilidade ao longo do tempo, a facilidade para a transmisión, o uso de recursos multimedia como complemento, a economía de espazo e de materiais, e supoño que deixo moito aínda por explorar. (…)
– SG: Sobol é o seu novo libro de poesía, cal é o sentido do título?
– CA: Creo que se ve doadamente que se trata de ‘lobos’ escrito do revés. Vexo o lobo como un animal que avanza en calquera circunstancia, en solitario ou na manda, cunha mirada decidida cara ao futuro, e cos pés ben enraizados na terra. A inversión das letras responde a unha idea especular: entendo que estes lobos corresponden a un mundo ideal, coa súa simboloxía, que se desenvolve virtualmente no espello, á espera de que saibamos crear o vencello para que entren en acción consciente sobre a realidade que vivimos. (…)”

A viguesa Silvia Penas gaña o I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

“A autora viguesa Silvia Penas vén de gañar o I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, segundo informou a organización do certame. Este é o texto onde se recolle o fallo do xurado:

Santiago de Compostela, 27 de febreiro do 2013

Reunido na Sala A da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela o xurado do I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía decidiu premiar, tras unha longa deliberación, o poemario presentado baixo o título As uñas crecen e o pseudónimo Rosa María Paramés, obtendo o galardón por maioría de votos.
Aberta a plica, resultou ser gañadora dona Silvia Penas Estévez, natural de Vigo e poeta con diversa obra xa editada.
O xurado decidiu premiar esta obra por considerar que propón un discurso de fondo cuestionamento do eu lírico radicado nunha coordenada espazo-temporal ben próxima e identificable, onde a función social da escrita e as vivencias e pulsións sentimentais da voz poética se complementan acaidamente.
Así mesmo —e de acordo co establecido nas bases do concurso—, o xurado decidiu distinguir cun accésit o poemario presentado baixo o título Sobol e o pseudónimo Difraccións, recomendando á Editorial Sotelo Blanco esta obra para a súa publicación.
Tamén si, o xurado quere salientar a alta participación no certame, ao que se presentaron trinta e oito orixinais de moi diversa fasquía e estimable calidade.
Asinan a presenta acta, en Santiago de Compostela, sendo as 18:30 h. do día arriba sinalado, don José Luis Cochón Troitiño (en calidade de Presidente do xurado), dona Mercedes Queixas Zas (como vogal), don Armando Requeixo Cuba (tamén vogal) e dona Carmen Carreiro Montero (secretaria do certame, con voz e sen voto).”