Xosé Manuel Pacho Blanco e Zé Paredes, gañadores do premio Rafael Dieste coa obra Teatro, ou Xeitos de Cargar Unha Arma

Desde a Deputación da Coruña:
Xosé Manuel Pacho Blanco e Zé Paredes, coautores da obra Teatro, ou xeitos de cargar unha arma, son os gañadores da XVI edición do premio de teatro Rafael Dieste convocado pola Deputación da Coruña.
O xurado, reunido esta mañá na sede da institución provincial, salientou que o texto gañador “traballa con argumentos do presente con dous planos nos que incorpora a ironía e o sarcasmo”. Ademais, segundo se reflicte na acta, “é unha obra en clave xeracional con personaxes que parodian actitudes da vida cotiá”. Ademais, tamén destacan o feito de que a obra “establece un contrapunto entre as instrucións de montar unha arma e a comedia dos protagonistas”.
Os dous gañadores, afincados en Ourense e Santiago, respectivamente, recibirán unha dotación económica de 6.500 euros e a posterior edición da novela.
Pacho Blanco acumula con este dous premios culturais da Deputación, xa que no ano 2007 foi o gañador do Torrente Ballester de narrativa, premio decano da institución provincial coruñesa, coa obra A choiva do mundo.”