Xesús Fraga: “Escribir unha carta e esperar pola resposta esixe desa atención plena na comunicación”

Entrevista de Pilar G. Rego a Xesús Fraga e Xerardo Quintiá no Zig-zag da Televisión de Galicia:
Tempo de correspondencia é un libro que xorde do azar, da carencia e, en maior medida, da relación persoal entre Xesús Fraga e Xerardo Quintiá. Dezaseis cartas que tentan devolvernos ese sosego comunicativo. O libro, de xénero epistolar, inclúe nos textos desas cartas pequenas sorpresas como links, música, consellos literarios que xorden dese diálogo entre os dous escritores. A entrevista pode verse aquí.”

Xerardo Quintiá e Xesús Fraga presentan ‘Tempo de correspondencia’: “Introspección é unha das palabras que definen as nosas cartas”

Entrevista de Sergio Casal a Xerardo Quintiá en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como naceu esta obra epistolar: máis do azar ou da necesidade de comunicarse entre vostedes?
– Xerardo Quintiá (XQ): A verdade é que poden confluír estas dúas perspectivas. Primeiro foi algo totalmente azaroso, no sentido de que xurdiu dun correo electrónico que Xesús me envía a min e que eu, de forma azarosa, lle devolvo cunha resposta un pouco máis longa do que é habitual hoxe en día.
A partir de aí, propóñolle estabelecer unha correspondencia e despois a verdade é que foi fluíndo todo dunha maneira moi natural. Pouco a pouco foise dando tamén esa necesidade de escribir e ler o que nos escribira o outro.
– ND: Que é o que ofrece este formato epistolar á hora de crear a obra?
– XQ: Desde o meu punto de vista, este formato ofreceume a posibilidade de poder achegarme con toda a naturalidade do mundo a un ton confesional. Isto pasaba porque sabía que ao outro lado desa escrita que facía había unha persoa que ía ler o que enviaba e que ía interactuar co meu texto. (…)”