Teño uns pés perfectos, de María Solar, en The White Ravens 2016

DesdeMaría Solar Kalandraka:
“O libro Teño uns pés perfectos: un libro para ler cos pés descalzos, da autora compostelá María Solar e publicado na colección Sete Leguas de Kalandraka, vén de ser incluído na selección The White Ravens 2016 pola Internationale Jugendbibliothek de Munich, que elixiu 200 obras de 60 países para formar parte desta prestixiosa escolma dos mellores libros infantís e xuvenís.
Con este recoñecemento, o galego é unha das 42 linguas representadas en The White Ravens 2016, cuxo comité de selección destacou que María Solar aborda nesta obra un aspecto tan “novidoso e inusual” como os pés, dando como resultado un libro “informativo e entretido”. Os especialistas da Internationale Jugendbibliothek tamén destacaron o “enxeño” das ilustracións do arxentino Gusti, que invitan os lectores a “fixarse máis” nesta parte do corpo. (…)”

Nicomedes, o pelado, na lista The White Ravens 2014

ONicomedes, o Pelado álbum Nicomedes, o pelado, de Pinto & Chinto, vén de incorporarse á prestixiosa selección anual White Ravens 2014, realizada pola Internationale Jugendbibliothek de Munich, da que só forman parte 200 títulos de literatura infantil e xuvenil publicados en todo o mundo. O catálogo impreso das obras seleccionadas presentarase na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, o vindeiro 9 de outubro. Ademais, con motivo da próxima edición da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, do 30 de marzo ao 2 de abril de 2015, a Internationale Jugendbibliothek vai expoñer no seu stand todos os libros distinguidos.

Libros de OQO e Kalandraka elixidos entre os 250 mellores do mundo

“A literatura infantil editada en Galicia volve conseguir un ano máis entrar na prestixiosa selección The White Ravens 2012, que elabora a Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich entre libros en máis de 30 idiomas e procedentes de 50 países. As editoras Kalandraka e OQO, referentes na edición infantil, viron elixidos cadanseu libro para a exclusiva lista deste ano que se presentará o 21 de marzo no marco da 49º Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Por parte de Kalandraka incluíuse o libro gañador do IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto e por parte de OQO foi Zimbo, de Arturo Abad e Joanna Concejo o elixido como un dos mellores 250 libros infantís do mundo editados en 2011. As dúas editoras galegas participarán na feira de Boloña con postos de exposición propios segundo fixeron público nos seus comunicados.” Vía Cultura Galega.

O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro, seleccionado nos White Ravens 2011

O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro, publicado en Xerais, foi seleccionado para a exposición The White Ravens 2011. Dende 1996 a Internationale Jugend Bibliothek de München selecciona, de entre os milleiros de libros publicados cada ano, 250 libros infantís e xuvenís en máis de 30 idiomas e de uns 50 países para organizar a exposición The White Ravens que cada ano se inaugura na Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna. Esta exposición acompáñase coa edición dun catálogo, en lingua inglesa, que contén as informacións bibliográficas e reseñas dos libros seleccionados. Na certificación enviada a Edicións Xerais a Internationale Jugend Bibliothek manifesta: “Pola calidade literaria de O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro foi seleccionado para a exposición The Withe Ravens, 2011 que se organiza anualmente no marco da Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna”. A través de Xerais.