María Reimóndez, convidada á UmbriaLibri 2011, en Italia

“A escritora María Reimóndez viaxará no próximo mes de novembro á Feira do Libro UmbriaLibri, en Perugia, que este ano leva o título de C’era una donna (Era unha muller), a onde acudirá como autora convidada para participar nunha mesa redonda que compartirá con outras autoras estranxeiras traducidas ao italiano. A súa novela O club da calceta foi publicada en italiano pola editorial Gran Via (Il club della calzetta)”. Vía Xerais.
As xornadas están organizadas por Insula europea, unha plataforma de especialistas italianos en diversas literaturas de Europa coordinada polo profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Perugia Carlo Pulsoni. A escritora galega estará ao carón de Attilio Castellucci, tradutor da súa obra ao italiano, e director do Centro de Estudos Galegos da Università La Sapienza de Roma. Esta información adicional foinos enviada por Inmaculada Otero Varela, a quen agradecemos a súa atención e interese.