O Courel: homenaxe a Uxío Novoneyra

Domingo, 9 de maio de 2010. PROGRAMA:

-Concentración na Ferrería de Seoane do Courel antes das 11 h., onde se estacionarán os autos.

-11 h. Camiñada desde a Ferrería con destino a Parada (lugar natal de Uxío Novoneyra) en que se fará un percorrido de 3 quilómetros de encosta. Calculamos chegar sobre as 13 h. Durante esta camiñada faranse paradas para recitar poemas de Novoneyra que as persoas que o desexen poderán escoller os poemas preferidos de Novoneyra e recitalos, entre outras actuacións. Este itinerario farase a pé. Os autos ficarán na Ferrería, dado que Parada non ten capacidade para estacionar mais de dez coches que son os dos veciños. Por tanto pedimos que se estimen as recomendacións que faga Protección Civil do Courel que estará na Ferrería para organizar os estacionamentos.

-13 h. Comezo do acto de homenaxe, xunto a casa natal do poeta, que consistirá en evocar a Uxío Novoneyra e ao seu espazo natural que é o Courel. Os participantes que desexen falar neste acto deben manifestalo, con urxencia, a seguinte dirección: uxionovoneyraarrobagmail.com

Co fin de distribuír os tempos en función das persoas que desexen evocar a persoa e a obra de Uxío Novoneyra, exclusivamente. Neste acto intervirán músicos e cantautores entre outros aportacións que faga o público neste aspecto. Para este acto central, reiteramos, debemos contar previamente cunha nómina de solicitantes para as palestras. Para o recital itinerante, desde a Ferrería até Parada, non existirá ningunha nómina de intervintes.

-15 h. Rematará o acto de evocación e homenaxe cunha ofrenda floral diante da casa de Uxío Novoneyra que fará un grupo de escolares do Courel. A partir dese momento daremos por finalizado o acto.

MOI IMPORTANTE

-Dadas As condicións tan especiais do Courel en varias materias, unha delas son os dous acesos principais, un por Pedrafita do Cebreiro e outra por Quiroga. Moita atención polo estado das estradas e, sobre todo, para os que non coñecen o Courel. Na Ferrería deben estar atentos as indicacións que nos dea Protección Civil en cada momento, tanto no estacionamento como no lugar de concentración que, como dixemos, a hora de partida será ás 11 h.

-Dada a variación climatolóxica do Courel recomendamos que leven paraugas ou chovisqueiros, tamén pode estar un día de moita calor, como é típico nos altos cumes do Courel. Estas variacións teñen que terse moi en conta.

-Tamén recomendamos que as persoas leven na súa mochila comida e bebida, dado que en Parada non hai bares nin posibilidade algunha de adquirir alimentos. Por outra banda, a infraestrutura hostaleira no Courel son mínimas e están dispersadas por diversos núcleos de poboación. Para unha maior información entren en contacto coas páxinas web relacionadas coa hostalería e restauración de Folgoso do Courel.

-Os que decidan comer de campo en Parada, despois do acto, Poderán facelo nos soutos que rodean a casa de Novoneyra, con fermosas paisaxes. Os que tomen esta decisión non deben acender lume, por tratarse dunha zona sumamente sensíbel aos incendios. Tamén deben recoller o lixo que xere cada un.

AMIGOS DE UXÍO NOVONEYRA

Barcelona: actos pola Diada de Sant Jordi e do Día das Letras Galegas

As Filoloxías Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona organizan co gallo da Diada de Sant Jordi e do Día das Letras Galegas as seguintes actividades:

* Xoves 22 de abril de 2010 ás 18:00 (Aula 111): conversa entre os escritores Manuel Rivas e Màrius Serra “A boca da literatura: memoria, ecoloxía e lingua”; recital de Manuel Rivas “O máis estraño” (PDF).

* 10 ao 21 de maio de 2010 (Vitrinas da Biblioteca General): exposición bibliográfica “Uxío Novoneyra e a poesía experimental en Galicia” (PDF)

Máis información aquí.

Presentación do DVD Canto de Permanencia, homenaxe a Uxío Novoneyra

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega convida para a presentación do DVD Canto de Permanencia, homaxe a Uxío Novoneyra. O acto terá lugar o próximo xoves día 15 de abril ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Contaremos coa actuación de Uxía Senlle sobre poemas de Novoneyra. A entrada é de balde até completar aforo.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/W5o68_rEq_8" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Canto de permanencia é un documental creativo e obra experimental sobre unha selección de poemas dos libros Poemas Caligráficos, Os eidos, Do Courel a Compostela, Poemas da doada certeza e Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas. O documental combina os textos con imaxes do Courel, símbólicas na poesía de Novoneyra, e outras recreadas en estudio.
O guión pretende construír unha liña argumental na que o devir do tempo se referencia no paso das catro estacións, precedidas dunha obertura que nos sitúa no Courel, e seguidas dun epílogo de poesía máis intimista e carácter atemporal O final do documental Canto de permanencia é o auto-recitado de Letanía de Galicia en na voz do propio autor en abril de 1999.
Baixo o mesmo título inclúese A certeza de sermos. Son poemas recitados polo propio Novoneyra e até agora non divulgados, procedentes dos fondos documentais da AS-PG dun recital poético de 1988, e un cedido polo CIFP Ánxel Casal da Coruña datado en 1993. O audiovisual intercala fragmentos de discursos de Novoneyra, voz en off de Fernando Morán, co recitado dos poemas na voz do poeta. O común de textos e poemas é o seu carácter marcadamente social.
O dvd de Canto de permanencia contén tamén, como material extra, un recitado de versos de Manuel María, Méndez Ferrín, Mª Xosé Quizán, Bernardino Graña e García Bodaño dedicados a Uxío Novoneyra no acto de homenaxe celebrado no Teatro Principal de Santiago en 1999. Conta ademais con imaxes da rodaxe e a storyboard.

Entrevista a Xosé Lois García: Novoneyra recoñecía o influxo da poesía de China e Xapón

-Un aspecto singular do libro é que tamén analiza a influencia da poesía clásica de China e Xapón na obra literaria de Novoneyra.
-É un aspecto importante ao que ata agora case ninguén lle prestou atención, aínda que o propio Novoneyra recoñecía ese influxo e falou del en conversas que menciono no libro. Ese influxo chegoulle sobre todo a través dalgúns escritores franceses do século XX que beberon moito nas literaturas orientais. A poesía breve e concentrada de Novoneyra ten similitude cos haikus dos poetas chineses e xaponeses e o seu sentimento da paisaxe e da natureza ten moito en común coa poesía oriental influída polo zen, unha corrente filosófica vinculada ao budismo. Pero tanto na brevidade dos poemas como no sentimento da natureza tamén estivo moi influído polo poeta de Mondoñedo Antonio Noriega Varela.

Ler entrevista completa a Xosé Lois García en La Voz de Galicia