“A cultura de Paz Andrade”

Reportaxe en Cultura Galega sobre Valentín Paz-Andrade:
“A cultura galega como un auténtico potencial espiritual e económico, a aproveitar as posibilidades internacionais da nosa lingua de cara á lusofonía. Esta é, moi resumida, a visión que tiña Valentín Paz Andrade, homenaxeado no Día das Letras de 2012, sobre este ámbito noso país. Debullamos os riscos principais do seu pensamento nesta área da man do seu libro Galicia como tarea e coa axuda do escritor e investigador Miguel Anxo Seixas. Non é sinxelo, nos nosos días, coñecer polo miúdo o pensamento de Valentín Paz Andrade. A maior parte das súas obras están esgotadas e levan anos sen se reeditar. Galicia como tarea auténtico manifesto que recolle as súas ideas sobre o futuro do país foi editado orixinalmente en 1959 e é difícil de atopar. Pendentes das múltiples reedicións e análises que nos agardan nos vindeiros meses, achegámonos ao pensamento deste multifacético galeguista. (…)”

Unha forma de facer país

Repercusións sobre a escolla de Valentín Paz Andrade para o Día das Letras Galegas 2012 en Galicia Hoxe:
‘Para o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, é un motivo de “ledicia” que se recoñeza a figura de Paz Andrade tanto pola súa “obra escrita” como pola súa “achega á construción da nación” neste tempo “tan necesitado de alento vertebrador”. (…)
Para Cesáreo Sánchez, a celebración non terá a acollida que este ano conseguiu bater marcas de participación co caso de Lois Pereiro. “Son dúas figuras distintas e á vez, complementarias -afirma-. Lois é un contemporáneo que hoxe tería cincuenta anos e estarái en plena madurez creativa. Ademais, a súa linguaxe enlazaba perfectamente coa rúa. No caso de Paz Andrade, será moi importante ver como se implicou nunha serie de proxectos que aínda hoxe en día están a dar os seus froitos”, comenta. (…)
Pola súa banda, Cesáreo Sánchez destaca que nomear académico a Xosé Fernández Ferreiro “é un acto de xustiza polo que leva achegado á narrativa galega e a súa implicación no Grupo Brais Pinto en momentos moi cruciais da nosa cultura”. Outra cousa, di, é a “necesaria entrada de mulleres na RAG, que significaría que a Academia anda ao mesmo paso que a sociedade”. Ao seu ver, “nos próximos anos necesariamente ten que entrar unha muller porque a propia realidade literaria do país así o demanda”.’

Valentín Paz Andrade será o homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012 e Xosé Fernández Ferreiro entra na RAG

Valentín Paz Andrade foi elixido polo Plenario da Real Academia Galega como o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2012. Na mesma sesión acordou nomear académico electo a Xosé Fernández Ferreiro, para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento do académico numerario Francisco Fernández del Riego. A nova tamén ven recollida en: Xornal, Galicia Hoxe, La Voz de Galicia, El País, Galiciaé, Cultura Galega, Galaxia, Portal Galego da Língua.