Arquivos da etiqueta: Xavier Alcalá
Mugardos: presentación de The Making of, de Xavier Alcalá
Míriam Ferradáns entrevista a Xavier Alcalá
Desde Galaxia:
“(…) – Miriam Ferradáns (MF): O título da súa útima novela, The Making of, xa advirte o lector de que estamos ante un proceso de descuberta. A tradución deste título sería algo así como “Como se fixo”. Como pensou Xavier Alcalá esta novela? Como fixo vostede o making of de The Making of? Ten algo que ver a estrutura da novela co feito de que no ano 2007 depositara na RAG seis orixinais de novelas onde se pode ver como se vai ensamblando o proceso creativo?
– Xavier Alcalá (XA): O título da novela corresponde a unha vella teima miña, que xa se mostraba en Tertúlia, a novela “escandalosa” que –despois de esgotar axiña unha edición de 3.500 exemplares– non foi replublicada nin polo editor, Sotelo Blanco, nin por ningún outro.
Sempre me perseguiu a idea de que hai un “como se fixo” por tras de cada obra. En The Making of fixen unha reportaxe novelada de como nos chegou ao Cholo Rey (convertido en personaxe) e a min o coñecemento dunha historia incrible, se non fose porque o Cholo conseguiu os expedientes policiais e xudiciais do caso. Levounos moitos anos –coido que quince– madurala.
– MF: Un enxeñeiro de telecomunicacións que viaxa con frecuencia á Arxentina e –dentro dela– á Patagonia recibe o encargo de facer unha investigación sobre un galego emigrado e desaparecido. El será os nosos ollos en boa parte da novela. Por que ese enxeñeiro non ten nome?
– XA: Non fai falta saber como se chama. Ao lector só lle pode causar certa curiosidade que un tipo “non de Letras” teña a teima de escribir. En todo caso, haberá no texto un intento de demostración de que todos somos fabuladores, con independencia da nosa formación (velaí o Xavier Queipo ou a Antía Yáñez). Tamén, se cadra, pódese ver que os “de Ciencias” temos tendencia a investigar con rigor porque a falta de rigor nas nosas profesións se paga moi cara (se non funciona un cabo de fibra óptica non lles chega a Internet aos usuarios e non hai desculpas).
– MF: Vostede describe aquí unha emigración pouco traballada na literatura e no imaxinario colectivo de quen xa non viviu esa emigración de preto. Definiría vostede The Making of como unha novela innovadora? E como unha novela documental?
– XA: Non sei canto pode ter ese texto de innovador porque non son “técnico” da Teoría da Literatura. Ora, a cantidade de documentos que manexei para aterme aos feitos históricos foi moita. E contei con dúas axudas fundamentais: a sagacidade de sabuxo xornalista do Cholo Rey e a memoria dos vellos galegos perdidos “ao sur do mundo”. Non esquezamos que os profesionais da Historia Contemporánea, sobre todo nos eidos do silenciado por medo a tocar en “asuntos sensibles” (coma a presenza dos nazis na Arxentina), se valen da memoria viva das testemuñas dos feitos. (…)”
Meiro, Bueu: presentación de The making of, de Xavier Alcalá
Ferrol: presentación de The Making of, de Xavier Alcalá
Xavier Alcalá: “Na actualidade, o drama de Galicia é que a diáspora aínda non acabou”
Entrevista a Xavier Alcalá en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Na súa obra xa ten tomado Arxentina como espazo literario. Por que regresar de novo?
– Xavier Alcalá (XA): Para min existe un atractivo vivencial. Pasei moito tempo noutros sitios como Bruxelas, pero non me chegaron da mesma forma que Arxentina. As Américas en xeral, e as inmensidades do Brasil e da Arxentina en particular, lévanme a que non poida parar de buscar ambientacións. A enormidade deses territorios vastos e baleiros xa me arrastra. Esta é unha novela que debía ter escrito hai bastantes anos, pero polo medio se me meteron outras historias. Non é que eu volvese á Arxentina, todo isto xa viña de atrás. Teño unha relación persoal e familiar co país que me facilita moito as cousas.
– LVG: Na novela hai dúas historias que conviven en tempos distintos, unha ten que ver co recordar e a outra co sobrevivir. Como se relacionan entre si?
– XA: En The making of hai dúas novelas de viaxe que transcorren en paralelo. Está o escritor que vai e vén á Arxentina, que é onde transcorre a historia do outro personaxe, que é o que fai a gran viaxe. O que sae dunha aldea da Ferrolterra, pasa por Buenos Aires e acaba en Comodoro Rivadavia, que é a capital do petróleo na Arxentina xusto no momento da Segunda Guerra Mundial, no que todas as potencias se están pelexando polos recursos escasos. Todo o que se refire aos tempos antigos, é dicir, o que transcorre entre o ano 33 e o 43, é a historia dun tipo que anda a sobrevivir ata que algo lle falla, mentres que logo hai dous tipos, un xornalista e un novelista, que viven nos anos 90 e que non teñen necesidade de sobrevivir. Estes dous aínda están conectados cos vellos que quedan vivos e que saben da historia que nunca se contou, porque non é conveniente contar historias de cacos na emigración, e menos aínda se eses cacos se dedican a traballar para os nazis. Un dos personaxes da novela di que tamén hai que contar a cara B da emigración para que a cara A sexa máis nobre. Por outro lado, foi moi fácil meterme no ambiente da época grazas ao que me contaron os vellos, as revistas e xornais do momento e ao traballo da xente da universidade da Patagonia.
– LVG: Hai unha parte da emigración galega que aínda non se coñece?
– XA: Na actualidade, o drama de Galicia é que a diáspora non acabou. O peso da emigración dos galegos polo mundo, sobre todo polas Américas, pero sen esquecer Europa e Asia, dá como para facer cátedras de historia da emigración. O que se conta na novela está baseado nunha documentación que eu creo que debería estar nas mans dos historiadores, non dos novelistas, xa que aínda queda un labor inxente neste campo.”
A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 1 de agosto
O 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 11:00 h. Acto de inauguración. Presentación e lectura do pregón a cargo de Xavier Senín.
– 18:00 h. Antía Yáñez asina exemplares de Senlleiras, publicado por Galaxia.
– 18:00 h. Charla ilustrada: Os libros recuperados de María Victoria Moreno. Coa participación de Susana Sánchez Arins, Eli Ríos e Xavier Senín, e ilustracións en directo a cargo de Lara Torres e Lidia Cao.
– 19:00 h. Presentación de O exército de fume, de Manuel Gago, publicado por Xerais, en conversa con Manuel Bragado.
– 19:00 h. Presentación de Caderno de lúas, de María Canosa e Dani Padrón, publicado por Editorial Bululú.
– 19:00 h. Manuel Miragaia asina Galeguia na caseta da Libraría Pedreira.
– 19:00 h. Siro López asina Castelao na arte europea, na caseta de Arenas.
– 19:00 h. José Julio Fernández Rodríguez asina Clara e o rapto do Solpor e outros libros na caseta de Hércules Ediciones.
– 19:00 h. Blanca Crespán e Álex Mene asinan A raíña das tortas na caseta de Alvarellos Editora.
– 19:45 h. Na carpa infantil presentación de O segredo da vella libraría, de Xabier López López, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán o ilustrador do volume Xosé Tomás, Malores Villanueva e Alba Porral.
– 20:30 h. Presentación de The Making of, de Xavier Alcalá, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán o enxeñeiro Xoaquín Lameira, Xoán Antón Pérez Lema, Xulio López Valcárcel e Carlos Lema.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 28 de xuño
A quinta feira 28 de xuño comeza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 12:30 h. Pregón de Manuel Bragado.
– 18:30 h. Presentación do novo libro+cd de Mamá Cabra, Eu cociño, ti cociñas?, publicado por Galaxia.
– 19:00 h. Álex Mene e Blanca Crespán asinan exemplares de A raíña das tortas, publicado por Alvarellos, na caseta de Librouro.
– 19:45 h. Presentación de The making of de Xavier Alcalá, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán Xulio López Valcárcel e Carlos Lema.