Homenaxe a Fernández Paz: “Contigo, Agustín, somos nación”

Crónica da Homenaxe a Agustín Fernández Paz en Praza:
“(…) Os aloumiños abrollaron dende o preciso momento en que Rosa Aneiros se puxo ao outro lado do atril. Co seu saúda, arrancou unha homenaxe na que os amigos, os familiares e os compañeiros de xeración de Fernández Paz reivindicaron o seu esencial esforzo nos eidos da literatura, o ensino e a normalización da lingua. “Agustín é sementador e semente, arado e terra. Agustín é terra e sementa na terra con maiúsculas”, aclamou o escritor Paco Martín, pai literario do Ramón Lamote, personaxe coa que se bautizou a xeración dourada da literatura infantil e xuvenil galega. O escritor lugués foi o primeiro en subir ao escenario do Auditorio de Policarpo Sanz para gabar a figura de Fernández Paz, do que destacou o seu esforzo docente. “É un referente obrigado para chegar a unha escola que sirva de alicerce para unha Galicia mellor”, lembrou Paco Martín. (…)
“Ti empeñácheste na dignificación da literatura infantil e xuvenil, de sacala da invisibilidade, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras”, asegurou o tradutor e profesor Xavier Senín, quen chegou a designalo como “embaixador da nosa identidade”. Pola súa banda, Xosé Lastra, de Nova Escola Galega, encargouse de lembrarlle o auditorio o papel desenvolvido polo homenaxeado na normalización da lingua no ensino. “Tiñamos que facer algo para que a nosa lingua tivese o espazo axeitado no ensino. Fixemos un longo camiño de normalización até chegar a estes tempos, que se volveron nefastos”, asegurou.
Xabier P. DoCampo, quen pasou todo o acto centrado na organización, incidu no carácter nacional da homenaxe organizada por ProLingua. “É un acto nacional porque estamos aquí en representación da nación. Contigo, Agustín, somos nación. O que facemos aquí contigo é facer nación”, asegurou un DoCampo cuxo discurso, aínda que breve, foi dos máis significativos. (…)”

A Coruña: homenaxe a Agustín Fernández Paz

O luns 23 de abril, ás 19:30 horas, no Fogar de Santa Margarita da Coruña (Rúa Valle-Inclán, 1-3), terá lugar un acto de homenaxe ao escritor e exprofesor desta institución, Agustín Fernández Paz. Haberá unha mesa redonda sobre O Fogar e a contribución a renovación pedagóxica, dirixida por Antón Costa, coa intervención de J. Antonio Vázquez Cabarcos, Andrés García Vilariño, Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Manuel Bragado Rodríguez, Alfredo Haz Garrido e Vicente Veiga Doldán, pechándose o encontro coa homenaxe e recoñecemento a Agustín Fernández Paz, coa participación de Mini e Mero, mestres e creadores da Quenlla e Xavier Senín.

Homenaxe a Paco Martín no Salón do Libro de Pontevedra

“Rodeado de amigos, admiradores e lectores Paco Martín (Lugo, 1940) recibiu a homenaxe da literatura galega no Salón do Libro Infantil e Xuvenil que anualmente se celebra en Pontevedra. O sábado o salón clausurou a súa XIII edición (12+1). “Aquí estamos a xeración de Ramón Lamote”, anunciaron Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz, chairegos os dous, mantedores e presentadores do acto, aludindo á obra seguramente máis popular do autor, Premio Nacional de Literatura Infantil en 1986. A xuntanza celebrouse a mediodía no Pazo da Cultura de Pontevedra e reuniu despois a amigos e seguidores de Paco Martín e da súa obra nunha comida de amizade. Entre os asistentes, ademais da Editorial Galaxia, estaban autores como Fina Casalderrey, Gloria Sánchez, Anxos Sumai, Bernardino Graña, Mariano García, Xosé Neira Vilas, Xavier Senín, ou ilustradores como Kiko da Silva. Mini e Mero cantaron a Cunqueiro e a Celso Emilio Ferreiro nas sobremesas.
“¿Que vou dicir eu, rodeado destes chairegos que me acompañan dende sempre?”, comentou o homenaxeado logo dos discursos de celebración. “Vimos facendo camiño xuntos. Compartimos denmde hai unha chea de anos historias, soños, ilusións… Este país tamén o facemos con palabras e, sobre todo, co afecto e o recoñecemento dos lectores. Os lectores son o corazón da literatura. Baixar dende as terras de Lugo á luz das Rías é sempre unha alegría, e esta cita pontevedresa é algo do que debemos sentirnos orgullosos. Que dure…”. (…)” Vía Galaxia.

A literatura xuvenil en galego rozou os 500 títulos no ano 2010

“A Fundación SM acaba de publicar o seu Anuario Iberoamericano sobre el Libro Infantil y Juvenil 2012, que inclúe un capítulo dedicado ao sector en Galicia, asinado por Isabel Soto e Xavier Senín. Nel destácase que, segundo datos do Comercio Interior do Libro de Galicia do 2010, os libros para nenos e mozos en galego achegaron 491 títulos, un incremento lixeiro con respecto ao 2010. No apartado negativo, tamén se informa da repercusión dos recortes institucionais no sector do libro, que ocasionou a cancelación de certames como o Xuventude Crea, o peche de medios de comunicación e «a evidente diminución da presenza da lingua galega no ensino». No apartado positivo, os autores sinalan a vitalidade de asociacións e de bibliotecas, e o incremento de recursos en Internet.” Vía La Voz de Galicia.

A Coruña: presentación de O soldadiño de chumbo

O domingo 29 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Biblioteca do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n), preséntase o libro O soldadiño de chumbo, de Hans Christian Andersen, adaptado por Xavier Senín, e publicado en Galaxia. No acto, onde se proxectará igualmente a curta que acompaña a publicación, intervirán Virginia Curiá, Cristina Ameijeiras e Francisco Castro.

Agustín Fernández Paz gaña o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil

‘”Polo seu compromiso cos valores humanos universais e o seu papel determinante na construción dunha literatura infantil e xuvenil en lingua galega”, Agustín Fernández Paz é o gañador do VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, dotado con 30 mil dólares, que será entregado no marco da 25 Feira Internacional do Libro de Guadalaxara. Nacido en Vilalba en 1947, Agustín Fernández Paz é autor de máis de 45 obras dirixidas aos lectores infantís e xuvenís. Os seus libros, escritos orixinalmente en galego, tradúcense habitualmente ao español, o catalán e o eúscaro, ademais do coreano, o portugués, o francés, o árabe e o italiano. O xurado que lle outorgou o premio estivo integrado polos escritores e académicos Verónica Abud, Julia Calzadilla, Teresa Colomer, Alicia Molina e Xavier Senín, quen destacaron do autor “a súa extensa obra narrativa, que aborda unha gran diversidade de xéneros e temas” e o feito de que “constrúe personaxes entrañables […] e ambientes onde se destaca a presenza do misterio na vida cotiá”. Fundado en 2005 co obxectivo de impulsar a literatura infantil e xuvenil en Iberoamérica, o Premio SM é convocado anualmente pola Fundación SM, o Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC), a International Board on Books for Young People (IBBY), a Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO/OREALC), coa colaboración da FIL Guadalaxara. Os gañadores anteriores foron Juan Farias, Montserrat do Amo e Gili, Bartolomeu Campos de Queirós, María Teresa Andruetto e Laura Devetach. A entrega do VII Premio Iberoamericano SM da Literatura Infantil e Xuvenil será o martes 29 de novembro en Guadalajara.’ Vía Galaxia. Tamén reseñado en Cultura Galega, Xerais, Baía, AGE, Galiciaé, La Voz de Galicia, La Opinión, El País (Galicia), Xornal, Galicia Hoxe, Portal Galego da Língua e Mesa pola Normalización Lingüística.

“Os Premios da Crítica renacen sen dar soterrada a polémica”

Reportaxe de Santiago Jaureguizar en El Progreso: “(…) A directiva da Fundación Premios da Crítica de Galicia renovada presentouse o xoves 4 Santiago. [Bieito Ledo é presidente], Antón Pulido pasou a ser vicepresidente, encargándose a Manuel Bragado a secretaría. Os outros cargos son vicesecretaría, Xavier Senín; tesourería, Anxo X. Rajó, e vocalías, Comba Campoy García, María do Cebreiro, Víctor Fernández Freixanes, María López Sández, Inmaculada López Silva, Marcos Lorenzo, Charo Portela Yáñez, Blanca-Ana Roig Rechou, Ernesto Sánchez Pombo, Antón Sobral e Anxo Tarrío Varela. Un total de 42 persoas integraran os xurados de Creación Literaria, Ensaio, Investigación, Música, Arte e Iniciativas Culturais. Terán a potestade de designar o nome do Galego Egrexio.” A nova recóllese tamén en Cultura Galega.

Manuel Lourenzo González gaña o premio de literatura infantil O Barco de Vapor

Manuel Lourenzo González obtivo o premio de literatura infantil O Barco de Vapor, no seu vixésimo sexta edición. Dotado con 6.000 euros e convocado pola Fundación SM, o premio pretende potenciar a creación de literatura infantil e xuvenil en galego que fomenten o gusto pola lectura e transmita valores humanos, sociais, culturais e relixiosos que axuden a construír un mundo máis digno. O xurado, formado por Manuel Figueiras, especialista en literatura infantil e xuvenil; Isabel Soto López, crítica literaria e tradutora; e Xavier Senín, catedrático de bacharelato, considera que a novela gañadora é “unha narración chea de imaxinación e fantasía, que destaca polo acertado deseño do mundo no que transcorre, co uso dunha linguaxe propia que dá conta de todas as súas peculiaridades”. Os organizadores informaron nun comunicado de que o premio se converte este ano en bienal, polo que a próxima edición se fallará en 2013.” Vía La Voz de Galicia. Tamén en Galicia Hoxe e La Opinión.