Compostela: presentación de Prédios, de Thalámas Salamatu

A sexta feira, 7 de febreiro, ás 20:00 horas, en Miranda, Cultura para Levar (Trás Salomé, 1) de Santiago de Compostela, presenta o poemario Prédios, de Thalámas Salamatu, publicado en Através Editora. No acto, xunto ao autor, participan Roberto Samartim e Xemma Tedín.

Eu violei o lobo feroz, o poemario da Teresa Moure máis desobediente

Artigo en Sermos Galiza:
“Do maxín de Teresa Moure tiñan saído ensaios, novelas, textos xornalísticos… mais non un libro de poemas. Para alén de ser pioneiro neste aspecto, tamén o é a súa rotura coa ‘castidade’ que lle apuñan crítica e leitor@s. En Eu violei o lobo feroz a autora vólvese “sexualmente explícita”, dixo, porque nesta obra “política e erótica van da man, son unha mesma sensación”. Retomamos a intervención do poeta Rafa Vilar, quen acompañou Moure na presentación do libro, para explicar o terceiro dos motivos polos que son estas páxinas pioneiras: a “desobediencia lingüística”.
Redactado “nunha ortografía disidente”, o galego-portugués, a propia autora explicou que editoras -“que teñen vendido moitos exemplares meus”- recuaron ao saber que esta obra non era como as demais. Ao fío, Xemma Tedín, representante de ATravés, agradeceu a Teresa Moure que tivese contado con esta modesta editora para tirar do prelo un libro –e volvemos a Rafa Vilar— “engaiolador e desacougante, que nos conta, nos bate, nos fere, nos propón”. (…)
Dixo Rafa Vilar que Eu violei o lobo feroz é un poemario que deconstrúe “desde as marxes un conto máis que coñecido”, o da Carapuciña. Desde o título, “descarnado e descarado”, do cal o poeta fai unha leitura onde o adxectivo “feroz” non cualifica o lobo, senón ao propio “eu”: a voz rebelde, feminina e feminista, que vai narrando este conto con forma de poesía.
E avanza o libro até o seu remate, con esa voz pornográfica e confesional, que xa nos gañou irremediábelmente para a súa trincheira. Palabras estas últimas recollidas no sétimo apontamento que Vilar fixo deste último título (ou primeiro?) de Teresa Moure: un berro pola desobediencia.”