Entrevista de Montse Dopico a Helena González Fernández en Praza:
““Deberás desbotar inercias, rexeitar prexuízos e disporte a ler desde o “triángulo das furias”, como di Ana Romaní; desde a reviravolta exacta en que se albisca a revolta silandeira das mulleres”. Con palabras coma estas comeza o limiar do libro Rosalía feminista, (Xerais), da profesora Helena González. Que, xa o di ela: non é unha escolma máis, senón un reto. Un convite a tomar un camiño, na lectura de Rosalía. Unha senda na que da emoción pode partir a loita contra a opresión do patriarcado. Falamos coa autora. (…)
– Praza (P): Eras ti a que falaba, hai xa tempo, en relación con iso, do “paraugas totalizador” no que se convertía a nación, tapando outros aspectos coma o feminismo.
– Helena González Fernández (HGF): Si, o concepto non é meu: é “totalizing umbrella” en inglés, e eu traducino como paraugas totalizador. O que pasa é que cando coinciden o discurso da nación e o discurso da muller o discurso da nación acaba por comportarse como o que atinxe a todo o conxunto, e o discurso da muller como se só atinxise a unha parte do conxunto: as mulleres. Así é como se formulaba o tema naquel momento, pero a estas alturas xa somos capaces de interceptar discursos… O que quería dicir é que Rosalía non só escribe a nación. Rosalía escribe as mulleres e a nación, por esta orde: primeiro as mulleres e despois as mulleres e a nación. (…)
– P: Como fixeches a selección dos poemas? Poderían ser máis, ou outros…
– HGF: Facendo unha lectura integral da poesía de Rosalía en galego e en castelán, aínda que acabei optando máis polos textos galegos. Primeiro saíronme como a metade máis de poemas, pero entendía que unha antoloxía ten que ter uns límites razoables. Fun detectando, entón, as reiteracións. Nas figuras por exemplo. Unha das figuras principais é a da muller diante do matrimonio, que representa o desafío da muller diante do principal atranco para que as mulleres poidan ser suxeito. Por iso hai tantos poemas no libro sobre o amor: contra a sedución, contra o amor romántico, contra o matrimonio…
Un dos elementos que quixen achegar con esta antoloxía foi tratar de facer que os poemas falen entre eles. É o caso de San Antonio Bendito: eu poño primeiro o San Antonio Bendito de Cantares Gallegos e seguido o poema de San Antonio de Follas Novas. Se non van xuntos, non se entende. E eu non aviso de quen fala: unha moza nova. Pero a continuación vén un poema que fala en contra do matrimonio, e así enténdese o conxunto.
En calquera caso: cando eu pensaba esta antoloxía, non pensaba no que Rosalía pensa. Unha interpretación da súa poesía en clave biográfica pode levar a excesos. E o que eu propoño é unha lectura a través das figuras femininas: de corpos e experiencias de distintas mulleres. Porque en Rosalía non hai unha única muller que fala, senón moitas mulleres que teñen vidas diferentes e toman decisións diferentes: as mozas, as vellas, as suicidas -unha figura que non se adoita destacar de Rosalía, que son mulleres que toman decisións tan difíciles como tentar acabar coa súa vida- e moitas máis: as viúvas, as viúvas de vivos…
No relato dominante, se casas serás feliz. En Rosalía, as viúvas están soas, sofren moito, pero tamén son suxeitos de ira e outras emocións e son quen de facerse cargo de si mesmas. E para facer unha lectura completa hai que entender isto. Elas quedan soas cando o home emigra, sofren unha dor infinita, tentan suicidarse sen conseguilo e finalmente deciden marchar elas tamén á emigración porque na Galicia que coñecen non conseguen vivir. E isto, ao que moitas veces non se dá importancia, é politicamente moi relevante. Na visión tradicional, a viúva de vivo é unha nai que queda soa esperando a que el volva… (…)”