Arquivos da etiqueta: Xoán Xoana
Francisco Castro: “Cando deixen de emocionarme os premios, deixarei a profesión”
Entrevista a Francisco Castro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Entre a extensa lista de galardóns da súa traxectoria están o Premio Blanco Amor do 2006, o Lueiro Rey de 1997 e agora o Premio Pura e Dora Vázquez 2022. Continúaos recibindo todos coa mesma ilusión?
– Francisco Castro (FC): Púxenme taquicárdico cando me chamaron para darme a noticia, nunca me deixa de facer ilusión gañar premios. O día que deixe de emocionarme escribir, publicar e recibir premios, deixarei esta profesión e cambiareina por outra.
– LVG: Axúdanlle a configurar historias a súa propia experiencia e as súas inspiracións xuvenís?
– FC: Por suposto que axudan. Eu son fillo directo dos libros de aventuras, de Xulio Verne e Daniel Defoe, pero tamén da banda deseñada e sobre todo do rock. A miña maior influencia literaria é a música, que comezou coas letras dos Beatles e das cancións protesta. A gran literatura chegou despois con Borges, Celso Emilio, Conrad…
– LVG: E non é tarde chegar á literatura pasada a infancia?
– FC: Nunca é tarde, pero os lectores fanse na infancia. Se na casa hai libros e os pais len aos nenos, durante a famosa hora do conto antes de durmir, os pequenos asocian a lectura co pracer. Na adolescencia hai certo baixón na frecuencia de lectura porque, por sorte, teñen outros intereses ademais dos libros. É moi difícil competir coas consolas e os móbiles, pero os que son lectores na infancia volven ao mundo da lectura no mundo adulto. O que hai que dar á adolescencia é boa literatura.
– LVG: Falando de entornos dixitais, os adolescentes están máis expostos ao sufrimento agora ca hai décadas?
– FC: O adolescente, por definición, vive nun mundo conflitivo. Eu sempre estaba sufrindo, e se non era por amor, era por outra cousa. Non creo que haxa máis sufrimento agora do que houbo noutro momento. (…)”
O escritor e editor Francisco Castro gaña o XIX Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez coa obra Xoán, Xoana
Desde a Deputación de Ourense:
“O escritor e editor Francisco Castro Veloso (Vigo, 1966) é o gañador do XIX Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de narración, pola súa obra Xoán, Xoana, presentada a este certame baixo o pseudónimo de Paul Breson. O xurado do galardón, reunido esta mañá no Pazo Provincial, destaca a “excelente calidade” literaria dun texto no que se observa “un gran equilibrio entre os diálogos e a narración”, sinalando ademais “a achega de valores interesantes” ao tratar un tema de plena actualidade como “a reafirmación de identidade na adolescencia”.
No seu fallo, o xurado tivo en conta “o bo manexo do rexistro de personaxes e do ritmo narrativo”, así como o feito de que “a obra potencia dende o principio o interese por coñecer o final e por saber que vai pasar”. No relativo á temática, o autor “dá visibilidade aos aspectos de xénero, que trata con naturalidade nun contexto educativo, e dá voz á diversidade”, sinala o xurado. Xoán, Xoana aborda unha cuestión que, nestes contextos, “produce as veces situacións de conflito como é o acoso a través do fútbol e nos patios de recreo”, ademais de reflectir un problema “que se presenta, tanto entre os nenos como cos adultos; no colexio, e na familia”.
Para o xurado, o texto gañador achega valores interesantes “coma a perseveranza e a loita, pero tamén o respecto, a empatía e a integración, así coma a necesaria convivencia en sociedade”. Unha historia que provoca que o lector “empatice cos que son diferentes e nos pon a todos ante o espello”.
O xurado estivo presidido por Patricia Torres, deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, actuando como vogais David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrío e Isabel Mociño, cada un deles en representación dos grupos políticos presentes na corporación provincial (PP, PSOE, DO e BNG). A xefa da sección de Arquivo e Publicacións, Ana Malingre, exerceu como secretaria. (…)
Convocado pola Deputación de Ourense, o Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez está dotado 1.500 euros. Unha vez fallada a modalidade de narración, a partir de hoxe mesmo queda aberto o prazo para a presentación de orixinais na modalidade de ilustración, que co mesmo premio ten por obxectivo complementar con imaxes a narración.
Todos os interesados en participar nesta modalidade terán de prazo ata o día 30 de setembro para presentar as súas propostas gráficas. Co fin de axustarse á obra gañadora poderán solicitar o texto no enderezo electrónico publicacions@depourense.es”