O primeiro encontro do Club de Lectura Galix Tendendo Redes terá lugar os días 4 e 5 de marzo na Biblioteca do Consello da Cultura Galega de 17 a 19 horas e contará coa presenza do escritor Xosé A. Neira Cruz, que reflexionará sobre as relacións entre literatura e arte que subxacen na obra O armiño dorme, novela seleccionada como unha das máis representativas e mellor resoltas dentro do subxénero da novela histórica xuvenil galega. A Editorial Galaxia puxo á disposición dos asistentes exemplares gratuítos da novela para abordar esta primeira sesión dun ciclo que amosará unha escolla selecta de libros e unha panorámica teórica respecto do corpus, temáticas e liñas da literatura xuvenil galega dos últimos 30 anos.
Arquivos da etiqueta: Xosé A. Neira Cruz
Gálix presenta o Club de lectura “Tendendo Redes”
Mañá xoves 26 de febreiro ás 17:30 preséntase no salón de actos do Consello
da Cultura Galega (praza do Obradoiro, Santiago de Compostela) o Clube de Lectura “Tendendo Redes”, organizado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix coa colaboración da Dirección Xeral de Difusión e Promoción Cultural da Consellería de Cultura e do Consello da Cultura Galega. Entre outras accións, o Club de Lectura promoverá encontros con autores como Xosé A. Neira Cruz, Fran Alonso, Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, Miguel Vázquez Freire, An Alfaya, Marcos Calveiro ou Fina Casalderrey, que descubrirán os segredos que se agochan detrás de cada libro, os escenarios xeográficos que serviron de inspiración aos autores, as lecturas que os foron construíndo ou as propostas fílmicas e musicais que serviron de punto de partida para o nacemento da escrita. Tendendo Redes conta ademais cun blog propio no que se poderá seguir a dinámica do club e botar man de diversos recursos teóricos (estudo da obra, lecturas críticas, miradas de críticos de renome, como foi abordada esta temática por outros escritores, actividades transversais, un foro de debate, etc.) que permitirán un achegamento máis profundo ao texto e ao autor ou autora.
Xurado do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
Máis de 80 orixinais chegaron para concursar na novena edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, que está organizado pola Agrupación Cultural Ergueitos e a Concellaría de Cultura de Sarria e cuxo prazo de presentación rematou o pasado 31 de xaneiro. Acaba de coñecerse a composición do xurado, que estará formado polo Concelleiro de Cultura, Xermán Arias, a Presidenta da A.C. Ergueitos, María Casar, e polos poetas Xosé Antón Neira Cruz, Lucía Aldao e Pilar Pallarés. O ditame do xurado será dado a coñecer antes do remate do 1º trimestre do ano 2009, como figura nas bases do premio, nun acto público que será anunciado con antelación.
Preséntase en Sarria De esparto e seda, de Xosé Antón Neira Cruz
A Concellaría de Cultura do Concello de Sarria e a Agrupación Cultural Ergueitos presentan o libro co que Xosé Antón Neira Cruz gañou a VII edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, titulado De esparto e seda.
O acto de presentación terá lugar o sábado 15 de marzo de 2007, ás 19:00 horas nos locais da Sociedade “La Unión” de Sarria. Participarán Xermán Arias, Concelleiro de Cultura do Concello de Sarria, María Casar, Presidenta da A.C. Ergueitos, Isidro Novo e Miguel Anxo Fernán-Vello, membros do xurado e o autor do libro galardoado, Xosé Antón Neira Cruz. Ao remate da acto literario actuará a violonchelista Cristina Nogueira. (A.C. Ergueitos – Sarria)
Entrega do VIIº Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
O venres 4 de maio de 2007, ás 20:00 horas, terá lugar no hotel NH Alfonso IX de Sárria a entrega do VIIº Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. O acto contará coa participación dos membros do xurado Emma Pedreira, Isidro Novo e Miguel Anxo Fernán-Vello, o alcalde de Sarria José Antonio García, a presidenta de Ergueitos María Casar, a artista autora da obra que ha de entregarse ao gañador, Mónica Alonso, e o autor premiado Xosé Antón Neira Cruz.