Xosé Filgueira Valverde, Día das Letras 2015

Desde Praza, Sermos Galiza e Real Academia Galega:
Xosé Filgueira Valverde será o protagonista das Letras Galegas en 2015, segundo vén de anunciar a Real Academia Galega, que a mañá do sábado 5 de xullo celebrou xuntanza ordinaria do seu Pleno. Xela Arias, Ricardo Carvalho Calero, Celestino Fernández de la Vega e Manuel María eran os outros catro candidatos (…).
Historiador, divulgador e escritor, Filgueira Valverde (Pontevedra 1906-1996) vinculouse dende novo a proxectos culturais e do país. Dese xeito, formou parte xunto con Lois Tobío e Fermín Bouza Brey do nacemento do Seminario de Estudos Galegos. Tamén se involucrou na creación en 1927 do Museo Provincial de Pontevedra, do que foi secretario até 1942, ano no que se converteu no seu director, mantendo a colaboración co Museo ata a fin dos seus días. Tamén dirixiu o Instituto Padre Sarmiento e a casa Museo de Rosalía de Castro. A Real Academia Galega, da que comezou a formar parte o 27 de xullo de 1941, destaca o seu carácter “prolífico e dotado dunha grande erudición” e tamén as súas achegas á historia e á etnografía, así como ao estudo da literatura galega medieval. (…)
A figura de Filgueira Valverde foi sempre polémica. Fronte ao seu traballo a prol da cultura e da lingua, que lle valeu unha habitual definición como “preservador da cultura galega”, criticouse a actitude mantida durante a guerra civil e a súa participación institucional na ditadura franquista. Dende a relación de Filgueira Valverde con Alexandre Bóveda, con quen cruzou cartas moi críticas motivadas pola adscrición do Partido Galeguista á esquerda, até o seu papel nas depuracións de mestres nos anos inmediatamente posteriores ao golpe. (…)”

A RAG escollerá as Letras 2015 entre Carvalho Calero, Filgueira Valverde, Xela Arias, Manuel María e Celestino Fernández de la Vega

Artigo de Alberto Ramos en Praza:
Ricardo Carvalho Calero, Xosé Filgueira Valverde, Manuel María, Xela Arias ou Celestino Fernández de la Vega. Un destes autores collerá o relevo de Díaz Castro para as Letras Galegas do vindeiro ano, tal e como o confirmaron fontes da Real Academia Galega a Praza Pública. A decisión tomarana os académicos este sábado, día no que se reunirán en pleno na sede da institución na Coruña. Cada unha das propostas conta co aval de tres membros numerarios da entidades e o resultado darase a coñecer tras unha rolda de votacións eliminatorias, de xeito que en cada quenda a proposta menos apoiada quedará descartada. (…)”

Seis nomes, ningunha muller, pechan a lista de candidatos ao Día das Letras Galegas

Desde Sermos Galiza:
“O próximo día 21 celébrase no edificio da Rúa Tabernas un dos plenos do ano máis relevantes para a Academia. Del sairá o nome de quen vai ser homenaxeado o Día das Letras Galegas do 2014 e sobre a mesa xa hai seis candidatos, todos homes.
De se cumprir formalmente as condicións que a RAG estipula para escoller o nome do Día das Letras Galegas, o plenario tería que elixir entre Ricardo Carvalho Calero, Díaz Castro, Fiz Vergara Vilariño e Xosé Filgueira Valverde, os catro que cumpren as tres condicións que a nova executiva quere que, a partir de agora se teñan en conta na elección: levar máis de dez anos morto, estar avalado por tres membros da Academia e estar presentado con tempo abondo como para que se adxunten na propia convocatoria da xuntanza.
De todas maneiras, e dado que esta sería a primeira edición na que se teñan en conta estas reglas, desde a executiva teñen vontade de ser “brandos” á respecto do seu cumprimento, é dicir, deixarán á vontade do propio pleno aceptar outras candidaturas que non se adaptan ás tres regras sinaladas. De ser así e do pleno aceptar as propostas xa presentadas mais non cos requisitos anteriores, dous nomes máis entrarían na elección. Trataríase do narrador Ramón de Valenzuela e do historiador Francisco Vales.
En todo caso, as posíbeis candidatas Luísa Villalta e Xela Arias non parece que teñan oportunidade nesta ocasión de seren lembradas no Día das Letras Galegas. Até o de agora podíanse engadir nomes no propio plenario, mais todo parece apuntar que nesta ocasión esa posibilidade non se vai dar, co cal a listaxe está xa pechada, como máximo, cun total de seis nomes. En principio, tamén, e a diferenza do que acontecía en anteriores edicións, parece ser que a executiva non quere ter parte activa na elección e os seus membros votarán a título persoal polo candidato que estimen oportuno mais sen vontade de condicionar o resultado.”

Unha entrevista con Xosé Filgueira Valverde

Desde Cultura Galega:
“O 7 de agosto de 1995, Cristina Pujales, documentalista do Arquivo Sonoro de Galicia realizou unha longa entrevista a Xosé Filgueira Valverde co obxectivo de contar cun amplo documento sonoro no que o intelectual reflexionara en retrospectiva sobre a súa vida e obra. “Nós somos nós, os nosos mestres e os que traballan connosco e nos axudan”, asegura o intelectual pontevedrés nesta emocionante escolma desta dilatada entrevista que suma o volume 12 da colección As Nosas Voces e que se editou en 1997.”