Lugo: 4º Encontro ao redor da zanfona. “Celme da zanfona”, do 12 ao 15 de setembro

A Casa de Rosalía, gañadora do Premio do Público Culturgal 2018

Desde Culturgal:
“Pechábanse as votacións na medianoite do venres 23 de novembro e os votos falaron. A Casa de Rosalía (Padrón), con 444 votos, resultou ser o Premio do Público Culturgal 2018, fronte ás candidaturas de Chanfaina’Lab (341 votos) e Rede Cultural da Deputación de Cultura (403). Case 1.200 persoas participaron na votación online. O domingo 2 de decembro celebrarémolo co acto de entrega na Feira, ás 18:45 no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Case cinco décadas de historia, unha referencia dentro e fóra de Galicia e, ademais, desde hai un lustro axitando con novos aires o legado da autora galega por excelencia. A Casa de Rosalía (Padrón) ocupa un lugar privilexiado no mapa cultural do país; alí concéntrase a vixencia da figura e obra de Rosalía de Castro. Con ambición a Casa de Rosalía enfronta presente e futuro, cunha remodelación e adaptación a novas necesidades e un proxecto museográfico que destaca a relación da autora coa contemporaneidade. A Casa de Rosalía do século vinte e un é unha casa aberta e consciente do símbolo vivo que representa.
Na Casa da Matanza, a autora viviu os seus últimos anos e é unha realidade como museo desde 1972 cando se inaugurou con Agustín Sixto Seco como presidente do padroado, Andrés Fernández-Albalat como arquitecto e Xosé Filgueira Valverde como primeiro director. Nas seguintes décadas habilítanse sala de xuntas, almacéns, servizos públicos, auditorio e arquivo. En 1999, o Centro de Estudos Rosalianos. Tamén se adquiren ao longo do tempo outras propiedades, como a vivenda para a encargada da Casa-Museo. Desde 1971 ata o ano do seu pasamento, 1998, a actriz Maruxa Villanueva foi coidadora da Casa de Rosalía na Matanza, ademais dunha excepcional especialista no mundo rosaliano. Emigrante en Arxentina desde os 20 anos, onde foi cantante de éxito e actriz.
A Casa de Rosalía, xestionada pola fundación que preside na actualidade Anxo Angueira, mantén unha actividade constante: abertas as súas portas a cotío, promovendo ou acollendo diversas iniciativas culturais: os premios, como o anual de poesía escolar ou o novo premio de investigación e ensaio Ramón Baltar Feijoo. Mais tamén dá acubillo a iniciativas como o Caldo de Gloria no Día de Rosalía, que busca implicar a todo o país na divulgación da obra de Rosalía; o Festival Abride a Fiestra na propia Casa da Matanza o 15 de xullo; a Inchadiña Branca Vela, unha homenaxe das xentes do mar á escritora; os Encontros na Casa de Rosalía da Universidade de Vigo; alén doutras moitas actividades como concertos, presentacións, conferencias, etc.
O 150 aniversario de Cantares Gallegos, en 2013, supuxo un punto de inflexión para o recinto, con reinauguración incluida, pero ademais coa posta en marcha de novas estratexias que tiñan en conta, nas palabras de Angueira, o simbolismo decisivo da autora. A Casa de Rosalía como un proxecto referencial, espello, foco, pero sen exclusividades: internacional, aberto e difusor. Como di o presidente da Casa de Rosalía -e tamén poeta- “poucos países do mundo teñen como “escritor nacional” a unha muller”.”

Vídeo do coloquio no Día das Letras Galegas no programa “O Péndulo” (TVG), 1993

Desde o blogue de Xavier Alcalá:
“O 17 de maio de 1993 emitiuse na Televisión de Galicia o programa “O Péndulo”, dirixido por Carlos Luís Rodríguez, este coloquio onde participei xunto a Xesús Alonso Montero, Carlos Casares e Xosé Filgueira Valverde.
Agradecido a Terra de Arquival, por ter recuperado este documento histórico.”

Adeus Filgueira Valverde, ola Manuel María

ArtigoManuel María en Sermos Galiza:
“Estes días péchase o ano Filgueira co ciclo Filgueira Valverde na cultura galega do século XX que ten lugar desde hoxe segunda feira até a quinta feira nas sedes do Consello da Cultura, a RAG e a Barrié, fundación coa que colaborou o polígrafo pontevedrés.
Do mesmo xeito, editoriais e fundación do autor xa están a lanzar as súas propostas para o Día das Letras 2016. Uxía e Magín Blanco veñen de presentar en Sonárbore (Galaxia) Canta o cuco, un libro-disco con cancións que musican os poemas do autor chairego. O carro, A vaca, A cidade, O cuco… son só algúns dos textos musicados por Uxía e Magín Blanco, extraídos de poemarios como As rúas do vento ceibe, Os soños na gaiola, Terra Chá, Panxoliñas ou Os lonxes do solpor. Xunto a eles, unha creación propia da man de Uxía e Magín Blanco, “Todo me fala de ti”, na que ambos os dous artistas dialogan co poeta e coa súa rica personalidade. Ademais, as ilustracións son obra de Leandro Lamas.
Ademais, a propia Uxía gravou un disco ao vivo na Casa de Manuel María no 86 aniversario do seu nacemento este pasado outubro. O traballo, no que tamén colaborou Xabier Díaz, será publicado en breve.
Alén disto, a Fundación Manuel María vén de publicar Poemas escollidos, a primeira escolma publicada que contempla a obra poética de Manuel María na súa totalidade, incluindo os poemarios inéditos publicados logo do seu falecemento.
Ademais do Ano Manuel María en 2016 celebrarase o centenario da fundación das Irmandades da Fala na Coruña, que tivo lugar un 18 de maio de 1916 na sede da Real Academia. Tanto a institución presidida por Alonso Montero como a Deputación na Coruña xa mantiveron algunha xuntanza para promover actividades que lembren esta efeméride.”

A Matanza, Padrón: 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro

Tarxeton130Aniv.15X-2015

Pontevedra: actividades do sábado 18 e domingo 19 na Feira do Libro

OsFeira do Libro de Pontevedra 2015 sábado 18 e domingo 19 de abril finaliza a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa: Feira do Libro de Pontevedra 2015:

Sábado 18
18:00 h. Presentación de Historia de Galicia, de David Pérez López, por Edicións do Cumio. Participará Cándido Meixide.
19:00 h. Presentación do libro Os ratos da casa, de Xosé Manuel González “Oli” e ilustracións de Natalia Colombo, por Kalandraka. Sinatura de exemplares.
20:00 h. Contextualizando a Filgueira Valverde. Documental e coloquio por Gonzalo Veloso e Francisco Castro. Galaxia.

Domingo 19
13:00 h. Recital poético–narrativo coa participación de Teresa Cameselle, Lydia Leyte, María Lado e Mariña Pérez Rei

Xosé Filgueira Valverde, Día das Letras 2015

Desde Praza, Sermos Galiza e Real Academia Galega:
Xosé Filgueira Valverde será o protagonista das Letras Galegas en 2015, segundo vén de anunciar a Real Academia Galega, que a mañá do sábado 5 de xullo celebrou xuntanza ordinaria do seu Pleno. Xela Arias, Ricardo Carvalho Calero, Celestino Fernández de la Vega e Manuel María eran os outros catro candidatos (…).
Historiador, divulgador e escritor, Filgueira Valverde (Pontevedra 1906-1996) vinculouse dende novo a proxectos culturais e do país. Dese xeito, formou parte xunto con Lois Tobío e Fermín Bouza Brey do nacemento do Seminario de Estudos Galegos. Tamén se involucrou na creación en 1927 do Museo Provincial de Pontevedra, do que foi secretario até 1942, ano no que se converteu no seu director, mantendo a colaboración co Museo ata a fin dos seus días. Tamén dirixiu o Instituto Padre Sarmiento e a casa Museo de Rosalía de Castro. A Real Academia Galega, da que comezou a formar parte o 27 de xullo de 1941, destaca o seu carácter “prolífico e dotado dunha grande erudición” e tamén as súas achegas á historia e á etnografía, así como ao estudo da literatura galega medieval. (…)
A figura de Filgueira Valverde foi sempre polémica. Fronte ao seu traballo a prol da cultura e da lingua, que lle valeu unha habitual definición como “preservador da cultura galega”, criticouse a actitude mantida durante a guerra civil e a súa participación institucional na ditadura franquista. Dende a relación de Filgueira Valverde con Alexandre Bóveda, con quen cruzou cartas moi críticas motivadas pola adscrición do Partido Galeguista á esquerda, até o seu papel nas depuracións de mestres nos anos inmediatamente posteriores ao golpe. (…)”

A RAG escollerá as Letras 2015 entre Carvalho Calero, Filgueira Valverde, Xela Arias, Manuel María e Celestino Fernández de la Vega

Artigo de Alberto Ramos en Praza:
Ricardo Carvalho Calero, Xosé Filgueira Valverde, Manuel María, Xela Arias ou Celestino Fernández de la Vega. Un destes autores collerá o relevo de Díaz Castro para as Letras Galegas do vindeiro ano, tal e como o confirmaron fontes da Real Academia Galega a Praza Pública. A decisión tomarana os académicos este sábado, día no que se reunirán en pleno na sede da institución na Coruña. Cada unha das propostas conta co aval de tres membros numerarios da entidades e o resultado darase a coñecer tras unha rolda de votacións eliminatorias, de xeito que en cada quenda a proposta menos apoiada quedará descartada. (…)”