A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do seu socio Xosé Leira López

Segundo informa Diario de Ferrol, os restos mortais de Xosé Leira López están no tanatorio Albia do polígono da Gándara (como chegar).
Hoxe, xoves 24 de outubro, ás 12.30 terá lugar a incineración e ás 17.00 partirá a comitiva fúnebre cara ao cemiterio e igrexa parroquiais de Santiago de Lago, en Valdoviño, de onde era natural.
Vexa aquí a videoteca coas entrevistas que se lle fixeron, promovidas desde a AELG ao longo dos anos.

Ferrol: charla-debate coa participación de Xosé Leira López e Santiago Míguez González

O luns 9 de xuño, ás 20:00 horas, no salón de actos do Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, terá lugar unha charla-debate arredor de As eleccións europeas e a abdicación do Rei. ¿Un novo espazo político e social?, coa participación de Xosé Leira López e Santiago Míguez González, presentados por Eliseo Fernández. A entrada é libre.

A Coruña: curso de verán Literatura e espazo urbano: ‘Os libros arden mal’, de Manuel Rivas, do 11 ao 15 de xullo

O curso Literatura e espazo urbano: ‘Os libros arden mal‘, de Manuel Rivas, celébrase do luns 11 ao venres 15 de xullo na Reitoría da Universidade da Coruña, Casa Museo Casares Quiroga e Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, organizado pola Universidade da Coruña, a Fundación Vicente Risco e a colaboración do Concello da Coruña e a Xunta de Galicia, centrándose na análise da presenza da cidade da Coruña a partir dunha obra literaria, neste caso: Os libros arden mal, de Manuel Rivas. Como obxectivo final do curso, o alumnado terá que elaborar propostas para roteiros e/ou unidades didácticas que teñan esa obra como referente e punto de partida. Estas propostas serán presentadas ao Concello da Coruña para a súa publicación e difusión. No primeiro día, despois dunha breve introdución á obra realizada polo propio autor, Manuel Rivas, explicarase o plano de traballo para o que se distribuirá o alumnado en catro grupos pequenos (máximo 10 persoas). Cada grupo estará tutorizado por un/unha profesor/a que será quen lle dea as indicacións pertinentes para guiar o seu traballo durante o curso. Este traballo terá unha primeira fase a partir das sesións (teóricas e prácticas) que se levarán a cabo nos talleres multidisciplinares, cada un deles dirixido por un/unha docente pertencente a diferentes ámbitos do coñecemento (arquitectura, urbanismo, socioloxía e arte); a segunda fase do traballo consistirá na elaboración, sempre guiada polos/as profesores/as tutores/as, de materiais didácticos sobre a cidade da Coruña creados a partir da novela de Manuel Rivas, que serán entregados á Concellaría de Cultura para a súa difusión e utilización no ámbito da difusión cultural, pedagóxica e/ou turística.
Nota: Sería necesario que o alumnado lese a obra antes do comezo do curso, polo que a obra se entregará (na Oficina de cursos da UDC) como agasallo ao formalizar a matrícula -para un máximo de 36 alumnos- (toda a información sobre este proceso aquí).
* RELACIÓN DE TUTORAS/ES:
– 2 profesoras-tutoras: María dos Anxos González Refoxo e Mercedes Queixas Zas.
– 2 profesores-tutores: José Alfeirán e Luis Martínez-Risco Daviña.
Os/as catro son profesores/as de Ensino Secundario, con recoñecida experiencia na elaboración de unidades didácticas e outros materiais para o ensino e a difusión do noso patrimonio cultural.
* RELACIÓN DE PROFESORES/AS DOS OBRADOIROS MULTIDISCIPLINARES:
– Arquitectura: Pablo Gallego Picard (Arquitecto e profesor da UDC).
– Arte: Xosefa Cerviño Lago (Catedrática de Historia e prof. Asociada na UDC).
– Socioloxía: Xosé Leira López (Profesor Titular de Socioloxía na UDC).
– Urbanismo: María José Piñeira (Profesora Asociada na USC).

PROGRAMA DO CURSO

Luns 11 de xullo
MAÑÁ [Reitoría: sala de xuntas do Consello de Goberno]
– 10:00 h. Recepción de asistentes.
– 10:30-11:00 h. Inauguración polas autoridades académicas e institucionais.
– 11:15-12:15 h. Conferencia inaugural a cargo de Manuel Rivas: O autor fala da súa obra [título por definir].
– 12:30-13:30 h. Presentación do plano de traballo e organización dos grupos.
TARDE
– 16:30-20:30 h. Traballo de campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña].

Martes 12 xullo
MAÑÁ

– 10:00-14:00 h. Traballo de campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña]
TARDE [Filoloxía]
– 16:30-20:30 h. Posta en común co/a tutor/a.

Mércores 13 xullo
MAÑÁ

– 10:00-14:00 h. Traballo de Campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña]
TARDE [Filoloxía]
– 16:30-20:30 h. Posta en común co/a tutor/a.

Xoves 14 xullo
MAÑÁ

– 10:00-14:00 h. Traballo de Campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña]
TARDE [Filoloxía]
– 16:30-20:30 h. Traballo co/a tutor/a. Posta en común con correccións.

Venres 15 xullo
MAÑÁ [Filoloxía]
– 10:00-14:00 h. Posta a punto das propostas co/a tutor/a. Elaboración final das diversas propostas de materiais didácticos para seren entregadas a Concellaría de Cultura para o seu uso no ámbito da difusión cultural, pedagóxica e/ou turística.
TARDE [Casa Casares Quiroga]
– 17:00-19:00 h. Presentación pública das diversas propostas de publicación elaboradas para seren entregadas a Concellaría de Cultura para o seu uso no ámbito da difusión cultural, pedagóxica e/ou turística.
– 19:00-20:00 h: Conferencia de clausura a cargo de Javier Gómez Montero: O conxuro anamnésico de ‘Os libros arden mal’.
– 20:00-20:15 h. Clausura do curso polas autoridades académicas e institucionais.
– 20:30-22:00 h. Concerto de clausura.