Entrevista de X. C. Garrido a Manuel Cabada Castro

Desde Sermos Galiza, suplemento de Nós Diario:
“- Sermos Galiza (SG): Lembra cando tomou conciencia de ser galego, co que iso supoñía de pertenza a unha identidade negada e de disonancia coa identidade asignada, e como o experimentou ao longo da súa vida lonxe da terra, e mesmo á volta a esta?
– Manuel Cabada Castro (MCC): Coido que para min esa conciencia comezou a alborexar fóra da Galiza e sobre todo estando por primeira vez durante unha longa tempada (catro anos consecutivos de 1961 a 1964) estudando a licenciatura en Teoloxía na capital do Tirol, en Innsbruck (Austria). Daquela era eu un mozo entre os 26 e 30. Eramos alí de moitos sitios. Non só había alemáns ou austríacos, norteamericanos ou suramericanos, algúns ingleses, senón tamén compañeiros pertencentes ao propio Estado español pero de diferentes lugares, cataláns e sobre todo vascos que por distintas razóns (tamén políticas) foran enviados polos seus responsábeis relixiosos a diversos lugares de América do Sur. Entre eles estaba, por exemplo, Ignacio Ellacuría, que –como é ben sabido– tras os seus estudos en Innsbruck volveu a terras americanas e foi eliminado alí ignominiosamente xunto con outros compañeiros (como Segundo Montes, do que fun estrito compañeiro de curso e tamén de fútbol universitario, como así mesmo no tranquilo e sosegado xogo de dominó…). De vascos había un bo grupiño e acabei por entenderme ben con eles, naturalmente non na súa lingua, mais si co seu modo franco e amigábel de eles se comportaren. Tiñan amor á súa lingua e gustábame como se expresaban nela ou entoaban afervoadamente os seus cantos. Eu era consciente de que pola miña parte dispuña tamén dunha lingua propia, mais descoñecía o porqué da súa situación subalterna e dos seus sobresaltos e violencias históricas que só bastante despois chegaría a coñecer (naquela época ao franquismo aínda lle quedaban anos por diante…). Cando tras o período austríaco fun doutorarme de 1967 a 1969 en Filosofía a Múnic a miña ferida galega continuaba a precisar de atencións e alí tiven a sorte (ben lonxe da patria na que tal lingua xurdira) de me poder dedicar, como libre complemento dos meus estudos filosóficos, a asistir a unhas clases que levaban como título “galego-portugués” na mesma universidade da capital de Baviera onde estaba a realizar o meu doutoramento. Por iso, ao comezar no outono de 1969 a miña docencia filosófica na universidade Comillas de Madrid e algúns anos despois tamén na Complutense, o tema galego permanecía quizais algo aletargado, mais presente. En realidade a miña estadía en Madrid foi ben longa (arredor de corenta anos) e a Galiza, a miña patria, non estaba normalmente en realidade debaixo dos meus pés senón a varios centos de quilómetros de distancia. Á miña volta de Alemaña cheguei ademais a saber e non sen dificultade (pois a sombra do silencio sobre acontecementos máis ou menos próximos á guerra civil española era moi alongada e tal silencio era norma non escrita pero ben real) que un irmán do meu pai, o que sen o ter coñecido chamabamos familiarmente “tío Pepe”, fora ademais de poeta en lingua galega, un dos fundadores do Partido Galeguista a finais de 1931. Esta circunstancia levaríame a investigar e a publicar despois dous libros e outros escritos que para min (e tamén seguramente para outros) foron en boa medida verdadeiros descubrimentos. Algo similar ocorrería coa historia e os documentos pertinentes relacionados cunha festa tan popular como a Rapa das Bestas da miña parroquia natal de Sabucedo (A Estrada). Pois cumpría revestir de dignidade un acontecemento popular que, como tantos outros existentes en Galiza, pertencen á propia comprensión do país e tamén, polo tanto, de nós mesmos. De non ser así, o seu descoñecemento afondaría aínda máis no noso subconsciente autodesprezo. E non é xa preciso engadir que tales traballos debían ser escritos e publicados na lingua propia do país en que tales acontecementos ocorreran ou aínda ocorren. (…)”

Manuscrito: Xosé Manuel Cabada Vázquez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“A figura de Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936), malia ser un autor un tanto esquecido na historiografía literaria galega, conta desde hai anos cun importante ensaio sobre o seu percorrido biográfico e literario a cargo de Manuel Cabada Castro titulado Paixón poética e militancia galeguista. Estudio biográfico sobre Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936) (Sada – A Coruña, Ed. do Castro, 2001) e mais unha Obra Completa. Poemas e outros escritos (A Estrada, Fundación Cultural da Estrada, 2001), igualmente a cargo do devandito investigador.
O manuscrito que abaixo se presenta corresponde a unha carta que o autor lle enviou a Ramón Otero Pedrayo acompañando un volume do seu único libro publicado en vida titulado Vagalumes, editado en 1931. Nela, logo de recoñecer a Otero como “mestre da prosa galega”, solicítalle que o “acolla con agarimo”  e mais que “teña a ben adicarlle unhas liñas”. Nunha postdata interesante inquírelle por un artigo que Otero dedicou a Amor Ruibal tras a norte deste acontecida en 1930 -un personaxe de referencia para o poeta estradense- pois, como afirma, “teño ansiedade por vel-o”.
A miña gratitude, de novo, á Fundación Penzol pola cortesía e a autorización para reproducir esta carta.”

cabana-vazquez