Carballo: actividades do 10 de xullo na Praza dos Libros 2022

Laura Rey Pasandín, escritora: “Os coidados deberían estar no centro de toda política”

Entrevista de Belén Bouzas a Laura Rey Pasandín en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A historia de Madeira e metal é ben curiosa. Como xorde?
– Laura Rey Pasandín (LRP: A historia de Aixa xorde cando a miña familia, cos meus fillos, iamos mudar de casa. Desa vivencia parte a idea de crear unha narrativa para crianzas que trate os cambios, o abandonar un sitio por outro… a morriña, a melancolía… Porque aos meus fillos, aínda que a mudanza foi pequena, custoulles moito.
Así pois, quería construír unha historia coa que explicarlle ás nenas e aos nenos ese sentimento de nostalxia para que se sintan identificados con el, sexa porque emigraron, porque se separan seus pais e teñen que cambiar de domicilio ou por unha mudanza… É dicir, procurei coller ese sentimento de morriña, de pena, e a través de aí crear algo bonito, positivo… Neste caso foi mediante a música. A música permite exteriorizar o malestar e transformalo dalgunha maneira.
Para a narrativa, fun ás miñas orixes na aldea, mais cun pequeno corte feminista. Quería como protagonista unha nena espelida, esperta, con ganas de conquistar mundo, rebelde, en certo modo… E tamén quería que cando se muda a familia fose porque é mamá quen vai traballar á fábrica. Son pequenos detalles que teñen algo de loita de xénero.
– ND: A protagonista, Aixa, é unha nena de aldea moi esperta.
– LRP: Si, quería romper certos prexuízos ou estereotipos e creo que, ademais, a ilustradora Laura Romero complementou esa visión de Aixa ás mil marabillas. Son debuxos moi fermosos.
É tamén unha forma de mostrar esa capacidade que teñen as cativas e cativos de observar e captar todos os sons da natureza ou da contorna que os rodea… porque é aprendizaxe tamén, é cultura.
A capacidade que teñen as crianzas de observar e absorber todas estas cousas que hai ao noso redor é marabillosa. Iso si teño que agradecerllo á miña filla e ao meu fillo, que me fan estar pendentes deses pequenos detalles que, polas présas, tiña esquecido, mais que volvín recuperar grazas a eles.
– ND: A música, for tradicional ou non, xoga un papel importante na narrativa.
– LRP: Son fundamentais ambos os aspectos. Debemos recuperar a nosa propia música e cultura galegas mais tamén enriquecernos de músicas que veñen doutras culturas e doutras zonas do mundo. Músicas novas, transformadoras, que enriquecen a nosa sociedade. Aínda que non vaia directamente sinalado, si que se pode extrapolar non só ao noso, senón a todas as culturas que veñan, e tamén eses sentimentos que traian doutros lugares.
No libro inclúense tres cantigas populares, como un viño, unha chiscadela para traer a importancia da memoria dos nosos cancioneiros. Creo que na literatura infantil, ademais, non está moi recollida a música tradicional e gustábame ter ese detalle.
– ND: Na súa novela As mans da terra (2016) tamén aparecen estas liñas temáticas: mundo rural, memoria, coidados…
– LRP: Creo que eses temas son a miña liña horizontal, o que me guía. Ademais, traballo en coidados e son coidadora. Entendo os coidados como centro da vida.
N’As mans da terra quería pór de manifesto o pouco recoñecemento que tiveron determinadas mulleres. Elas, pola historia que lles tocou vivir, non contaron coa posibilidade de formación, dun traballo pagado, mais sostiveron a nosa sociedade… Non obstante, foron silenciadas e era unha sensación que me parecía moi inxusta.
As mesmas mulleres que loitaron moitísimo, que non deixaron de traballar por un mundo máis xusto, eran ignoradas. Esa inxustiza levoume a repescar esas mulleres que tecían rede, que fixeron que as novas xeracións puideran ter máis dereitos, aínda sendo consideradas unhas analfabetas por moitos.
Quixen darlle voz. Desde que temos que coidar a terra até que nós precisamos ser coidados… Os coidados deberían estar no centro de toda política.”

Pontevedra: Festa dos Libros 2021