Arquivos da etiqueta: Xulio Xiz Ramil
Vilalba: presentación de 50 aniversario. Fuxan os ventos, de Mero Iglesias
Lugo: presentación de 50 aniversario. Fuxan os ventos, de Mero Iglesias
Vilalba: XIV Hectómetro Literario, dedicado a Miguel Anxo Fernán-Vello
Guitiriz: ofrenda-homenaxe a Xosé María Díaz Castro e entrega do VII Premio Trapeiro de Honra
Festival de Poesía Guitirica 2021
Xerardo Quintiá gaña o XLVI Premio de poesía do Concello de Vilalba
“Telexornal Carvalho Calero”, desde o CPI dos Dices
O XIV Hectómetro Literario estará dedicado a Miguel Anxo Fernán-Vello
Desde El Progreso:
“O monólito que Xermolos e a Irmandade Manuel María colocarán no Paseo dos Soños de Vilalba, deseñado por Valdi, aludirá ás súas raíces chairegas e ás facetas de escritor e de músico
O escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, natural de Cospeito, é o elixido pola Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos para dedicarlle o XIV Hectómetro Literario do Paseo dos Soños de Vilalba.
“É un gran poeta da Terra Chá”, asegurou o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, que considera necesaria esta homenaxe para saldar unha “débeda” cun autor cuxa poesía encaixa perfectamente co espírito desta iniciativa. “El cae ben no proceso creativo do Rañego e do Magdalena, porque é un cantor da auga e un amante da natureza, transmite as súas vibracións a través da súa obra”, destaca.
Dende as entidades promotoras desta homenaxe, coa que tamén colabora o Concello de Vilalba, salientan o labor de Fernán-Vello como editor en Espiral Maior, que fundaba en 1991, a súa achega a numerosas actividades culturais ou a súa colaboración co Festival de Pardiñas, do que foi pregoeiro en 1988.
Alfonso Blanco lembrou ademais os seus vencellos con Manuel María e con Xosé María Díaz Castro. De feito, dende que o Concello de Guitiriz creou un premio de poesía en lembranza do poeta vilarego, Fernán-Vello exerceu de xurado nas catro edicións celebradas -está convocada unha quinta- e a editorial Espiral Maior foi a encargada da publicación dos poemarios gañadores.
A xornada de homenaxe, na que estaba previsto que intervisen os escritores Darío Xohán Cabana -un dos referentes da lírica chairega para Fernán-Vello xunto a Manuel María-, Xulio Valcárcel e Luz Campello, ademais de Xulio Xiz, estaba fixada inicialmente para o 18 de abril, pero tivo que adiarse por mor do estado de alarma. Agora está pendente de que se fixe unha nova data para un programa que incluirá unha mesa redonda, unha comida de confraternidade e a inauguración do Hectómetro Literario número 14 do Paseo dos Soños, cun deseño de Xosé Díaz Val, ‘Valdi’.
A escultura, elaborada en aceiro corten, reproduce un libro aberto no que o seu autor trata de recoller a traxectoria de Fernán-Vello. “Ademais de ser escritor e editor, tamén ten a carreira de música”, lembra Valdi.
Unha das páxinas leva unha caricatura do homenaxeado e un anaco dun poema sobre a auga. Na outra folla reprodúcense unha guitarra, instrumento no que se formou Fernán-Vello; o contorno da Lagoa de Cospeito, en alusión ás súas raíces, e un pentagrama, coas dúas primeiras notas do Himno Galego, “que se escapa da páxina, porque a súa traxectoria segue”, precisa o artista. (…)
Miguel Anxo Fernán-Vello amósase moi agradecido á organización e a Alfonso Blanco por pensar nel para formar parte “dun paseo literario no que están moitos amigos meus, é un honor estar ao carón deles”. “Sentín unha ledicia especial, porque estou marcado humanamente e esteticamente pola Terra Chá, aí están as miñas raíces”, di.
O autor recoñece o Paseo dos Soños coma unha idea “moi fermosa” ao unir literatura e natureza, unha temática moi presente na súa obra sobre a Terra Chá. Confía en poder cumprir a débeda con Manuel María, que lle pedira un libro sobre a Terrá Chá, e publicar conxuntamente todos os poemas que lle dedicou.”
Xosé Miguel Barrera Vázquez gaña o XLV Certame Literario do Concello de Vilalba
Desde o Certame de Vilalba:
“O Concello de Vilalba vén de anunciar o gañador do XLV Certame Literario de Poesía despois de que o xurado emitise na tarde do 19 de agosto o fallo. Lidos os 36 libros presentados a este Premio dotado con 7.000 euros, flor natural e diploma, acordouse por unanimidade proclamar gañador o poemario presentado co título Poema da rúa das aves, do autor Xosé Miguel Barrera Vázquez.
O xurado, presidido pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, estivo formado por expertos no eido literario: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, Catedrático de Historia; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal e Xulio Xiz, xornalista.
Xosé Miguel Barrera é natural de Vilalba, aínda que actualmente reside na vila madrileña de Torrelaguna, sendo membro do Grupo Bilbao de escritores afincados en Madrid e colaborador da revista de poesía OLGA. Na súa actividade literaria figuran publicacións en galego e castelán, como os libros de poesía Loita de Silencio, Árbore do Desespero e Poemas do Tempo Silenciado. Tamén ten colaborado en diversas publicacións colectivas como a revista Xistral.
Tamén ten publicacións en diversas revistas colectivas de escrita castelá como La Espadaña, Cartapacio ou Piedra Lisa. Entre algúns dos recoñecementos do autor destacan a de finalista do concurso de guión do proxecto Una Tela en Blanco polo texto “Una tarde en el parque” e no concurso poético Chozas de la Sierra, na súa VIII edición, acadou a Mención de Honor polo poema “Lamento por la muerte de un amigo”.”