Entrevista de Vicente Araguas en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Como xurdiu o libro [O lugar onde vou]?
– Vicente Araguas (VA): Un día, nunha destas miñas andainas, aparecín aí nun bar en Cabalo Branco. Era verán e había sobre todo homes xubilados e tamén unha camareira na barra que ao parecer ao día seguinte comezaba as vacacións. Os paisanos querían saber onde ía ir, e ela todo o tempo dicía “o lugar onde vou”. Non quixo dicir o sitio. Alí pasaron cousas, unhas pasaron e outras invéntoas. O título vén precisamente de aí.
– DF: Pódese dicir que é un libro autobiográfico?
– VA: Non o é, pero si que recollo situacións, lugares e momentos que vivín… Desde Cabalo Branco a Xuvia-Neda, pasando por Roma, Santiago… Son os meus lugares recorrentes. É dicir, é un libro mixto, coas miñas referencias, escrito nun estilo realista, que é o que eu practico, aínda que ás veces salte un pouco tamén á fantasía. Hai tamén algún relato de terror e algunha referencia familiar, como ao meu tataravó, o Caldeireiro. É dicir, eu estou falando de toda a miña vida, como normalmente fai a xente, aínda que escriba literatura fantástica. Un fala, como dicía Unamuno, do que ten máis de man, que é un mesmo. Todos temos unha intrahistoria e a partir de aí vas elaborando, no meu caso coa axuda da observación. Eu son unha persoa bastante solitaria, pero a partir desa soidade é onde extraio esa compaña da xente do común.
– DF: É un chisco máis nostálxico que os anteriores?
– VA: Non creo. Nalgún relato aparece a historia e tamén me interesa a literatura de terror. Edgar Allan Poe e Lovecraft son dous dos meus mestres. En fin, que nos seus case quince relatos hai unha mestura, menos centrado xeograficamente que o meu anterior libro de relatos, Xuvia-Neda, aínda que eu non lle teño ningún medo ao local porque é o meu espazo. (…)”
Arquivos da etiqueta: Xuvia-Neda
Neda: presentación de Xuvia-Neda, de Vicente Araguas
O venres 9 de xullo, ás 20,00 horas na Casa das Palmeiras de Neda (Avenida de Alxeciras), Vicente Araguas presenta Xuvia-Neda, publicada por Xerais. No acto participarán Eduardo Fra Molinero e o propio autor.
Vigo: presentación de Xuvia-Neda, de Vicente Araguas e sinatura de libros de X. R. Quintana Garrido
Dentro das actividades da Feira do Libro de Vigo, o martes 6 de xullo, ás 19:30 horas, Vicente Araguas presenta Xuvia-Neda, publicado por Xerais. No acto participarán Manuel Bragado e o propio autor.
Ese mesmo día, ás 20:00 horas, Xosé Ramón Quintana Garrido asinará exemplares do seu libro Un longo e tortuoso camiño, publicado por Galaxia.