Vicente Araguas: “Como dicía Unamuno, un fala do que ten máis a man, que é un mesmo”

Entrevista de Vicente Araguas en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Como xurdiu o libro [O lugar onde vou]?
– Vicente Araguas (VA): Un día, nunha destas miñas andainas, aparecín aí nun bar en Cabalo Branco. Era verán e había sobre todo homes xubilados e tamén unha camareira na barra que ao parecer ao día seguinte comezaba as vacacións. Os paisanos querían saber onde ía ir, e ela todo o tempo dicía “o lugar onde vou”. Non quixo dicir o sitio. Alí pasaron cousas, unhas pasaron e outras invéntoas. O título vén precisamente de aí.
– DF: Pódese dicir que é un libro autobiográfico?
– VA: Non o é, pero si que recollo situacións, lugares e momentos que vivín… Desde Cabalo Branco a Xuvia-Neda, pasando por Roma, Santiago… Son os meus lugares recorrentes. É dicir, é un libro mixto, coas miñas referencias, escrito nun estilo realista, que é o que eu practico, aínda que ás veces salte un pouco tamén á fantasía. Hai tamén algún relato de terror e algunha referencia familiar, como ao meu tataravó, o Caldeireiro. É dicir, eu estou falando de toda a miña vida, como normalmente fai a xente, aínda que escriba literatura fantástica. Un fala, como dicía Unamuno, do que ten máis de man, que é un mesmo. Todos temos unha intrahistoria e a partir de aí vas elaborando, no meu caso coa axuda da observación. Eu son unha persoa bastante solitaria, pero a partir desa soidade é onde extraio esa compaña da xente do común.
– DF: É un chisco máis nostálxico que os anteriores?
– VA: Non creo. Nalgún relato aparece a historia e tamén me interesa a literatura de terror. Edgar Allan Poe e Lovecraft son dous dos meus mestres. En fin, que nos seus case quince relatos hai unha mestura, menos centrado xeograficamente que o meu anterior libro de relatos, Xuvia-Neda, aínda que eu non lle teño ningún medo ao local porque é o meu espazo. (…)”

A parte dos anxos: 25 historias de crianzas no transo da morte”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Emma Pedreira comezou moi nova a publicar. Primeiro foi un libro de poemas titulado Diario bautismal dunha anarquista morta, alá polo 1999. Dous anos despois chegou a súa primeira novela, Bestiario de silencios, no 2001, e xa non parou. Agora preséntanos A parte dos anxos, un libro ilustrado por Carlos Lago que se imprimiu o 2 de marzo, 180 anos despois de que Charles Dickens e Edgar Allan Poe se coñecesen en Filadelfia. A entrevista pode verse aquí.”

Cuestionario Proust: Miriam Couceiro Castro, desde Lecturafilia

Entrevista a Miriam Couceiro Castro en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? Paixón e perfeccionismo.
2. Que calidade aprecias máis nun home? Sensibilidade.
3. E nunha muller? Sensibilidade.
4. Que agardas das túas amizades? Confianza, compaña e compartir proxectos.
5. O teu principal defecto? Dubidar de min mesma.
6. A túa ocupación favorita? Escribir e medrar cara dentro.
7. O teu ideal de felicidade? Círculo pequeno, esfera privada, corazón tranquilo, mente clara e medrar cara dentro.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Ser unha persoa dependente dos demais ou estar viva sen poder vivir a vida.
9. Que che gustaría ser? Consciente, meiga e propietaria dunha enorme granxa de Alpacas.
10. En que país desexarías vivir? Galiza, Portugal ou Canadá.
11. A túa cor favorita? Morado, verde e negro.
12. A flor que máis che gusta? Orquidea Phalensis e as margaridas.
13. Que paxaro prefires? O colibrí e o fénix.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Clarice Lispector, Isabel Allende, Berta Dávila, Edgar Allan Poe.
15. E poetas? Os poetas de cemiterio en xeral, Rosalía e Gioconda Belli.
16. Un heroe de ficción? Dumbeldore, porque sempre agarda o mellor das persoas.
17. Unha heroína? Paquita Salas.
18. O teu músico ou música favorito/a? Adele, Laura Pausini, Supertramp, Silvia Penide e Pili Pampín porque alegra moito nas festas.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Tamara de Lempicka.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? A miña afillada.
21. O teu nome favorito? Amara, Edelweiss e Aníbal.
22. Que hábito alleo non soportas? A impuntualidade.
23. Que é o que máis detestas? A xente que fala do corpo dos demais.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Napoleón e os Reis Católicos (os dous).
25. Un feito histórico que admires? Todo o que fixeron por nós as sufraxistas.
26. Que virtude desexarías posuír? Máis prudencia.
27. Como che gustaría morrer? Durmindo, de maior e despois dunha vida plena.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Alegre e melancólico – cálido.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A desorganización.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Mellorar día a día e intentar non lastimar nin lastimarme.”