Fran Fernández Davila, escritor: “A poesía galega de hoxe é punteira”

Entrevista de Nerea Magide a Fran Fernández Davila en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): A composición coa que gañou chámase ×VO+, en que se inspirou para escribila?
– Fran Fernández Davila (FFD): Cada un dos símbolos representa as catro partes nas que se divide o poemario, cada unha é un sentimento da rapaza protagonista. O poemario é a historia dunha moza de instituto, que está marxinada e que se namora doutra rapaza. Eses catro sentimentos son a súa propia evolución: o comezo duro, o namoramento, a paixón e a ruptura.
– EP: Vostede traballa como enxeñeiro, como lle deu por achegarse á poesía?
– FFD: Gustoume dende neno, cando lin os meus primeiros poemas. Cando comecei a carreira e cando empecei a traballar, atopeime con que tiña menos tempo e necesitaba un entretemento, algo fóra do traballo. Así foi como comecei a escribir. Gústame, reláxame, dáme vida.
– EP: Cales foron eses primeiros poemas que leu de neno?
– FFD: Empecei a ler os románticos: Espronceda, Bécquer… Despois cheguei ás vangardas: Rubén Darío… E máis tarde a Alberti. Fun medrando e parei na carreira, que era moi esixente. Cando o retomei en 2017 descubrín as autoras galegas e alucinei: Emma Pedreira, Lupe Gómez, Estíbaliz Espinosa
– EP: Como ve o panorama da poesía galega?
– FFD: A poesía galega de hoxe en día é punteira a nivel nacional, e incluso diría que tamén a nivel internacional. O que pasa é que temos unha lingua minorizada, cun estatus secundario, creo que se o noso idioma tivese un recoñecemento maior a poesía galega podería ser moito mellor considerada internacionalmente. (…)”