Vanesa Sotelo: “Estamos ameazadas pola certeza de que hai unha memoria que nos foi roubada”

Entrevista de Alberto Ramos a Vanesa Sotelo en Praza:
“Vanesa Sotelo acadou o Premio Mondoñedo 10 na modalidade de Teatro -galardón que distingue o máis destacado da década entre a produción literaria en todas as súas vertentes- polo seu texto dramático Nome: Bonita. “Manifesta o valor testemuñal ao respecto das mulleres represaliadas ao longa da historia, nun entrecruzamento de linguas e culturas, a partir da figura da cagançeira brasileira”, sinalou o xurado do galardón, que tamén destacou o texto por revelar “unha voz dramática moi sólida”. A historia de Nome: Bonita céntrase en Alma, unha botánica que viaxa ao Nordeste de Brasil para realizar unha investigación. Desapegada da súa terra e da súa familia, o encontro con Alba -unha actriz obsesionada pola figura da cangançeira María Bonita e neta dunha portuguesa e dunha exiliada galega- lévaa a indagar nas súas propias orixes. A obra, que emana dunha memoria que parece ameazada, deita unha mirada sobre o século XX e os seus silencios a través da historia de tres xeracións de mulleres. Praza.gal fala coa dramaturga Vanesa Sotelo sobre Nome: Bonita, pero tamén como directora da erregueté, arevista galega de teatro que neste 2018 cumpre 35 anos de traxectoria.
– Praza (P): Que significa recibir o Premio Mondoñedo 10 que distingue Nome: Bonita como o mellor texto dramático da década?
– Vanesa Sotelo (VS): En primeiro lugar, significa un impulso e un recoñecemento importante, sobre todo tendo en conta as obras que ficaron de finalistas. Todas elas contaban cunha traxectoria importante, foron premiadas ou foron representadas cun percorrido de éxito entre a crítica e o público. Nome: bonita foi un proxecto escollido en 2014 polo programa de desenvolvemento de Dramaturxias Actuais do INAEM (Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais), polo que foi escrito cunha calma e nunha serie de anos pouco habitual. Síntome convencida e satisfeita polo resultado. Agora, o premio sacou a obra do esquecemento e suscita interese por coñecela.
– P: Saír do esquecemento ou, cando menos, dunha sorte de invisibilidade é difícil para os dramaturgos e dramaturgas. Non resulta fácil a edición dos seus textos nin a súa representación. É a dramaturxia galega invisible?
– VS: Vivimos en contradicións permanentes. Por un lado, podemos dicir que estamos nesa invisibilidade, pero ao tempo contamos cunha serie de nomes para ter moi en conta non só a nivel galego, senón a nivel estatal. Contamos con universos moi fortes, con voces de moita potencia. Pero supoño que faltan apoios. Preguntámonos veces: “Para que creamos?” ou “Por que escribimos?” Non o sabemos, pero en realidade si: se non o facemos, desaparecemos. Pero, pola contra, cando o facemos non acabamos de ter a suficiente visibilidade. Todas estas contradicións permanentes responden a fraxilidade non só do sistema teatral, senón de todo o sistema cultural. Malia todo, dentro desa fraxilidade, temos moitas cousas polas que seguir adiante e moitas cousas que celebrar. Un premio como Mondoñedo 10 deixa ás claras o gran nivel dos nosos autores e autoras.
Por parte das dramaturgas e dramaturgos facemos o que temos que facer: escribir. O que pasa é que, rara vez conseguimos as condicións máis propicias. Temos que reivindicar determinadas cousas. Por exemplo, que cando menos os textos premiados sempre sexan levados a escena. Ao final, esa é a única maneira de medirse co público, coa sociedade. Nós somos produto desta nosa sociedade e escribimos para ela. Precisamos que nos devolvan a mirada. (…)”

Nome: Bonita, gañadora do Premio Mondoñedo10 na modalidade de Teatro

“Ao entender do xurado, Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, revela unha voz dramática moi sólida caracterizada por un lirismo que entronca coa dramaturxia do mindoniense Álvaro Cunqueiro. O xurado destaca que a obra manifesta o valor testemuñal ao respecto das mulleres represaliadas ao longo da historia. Nun entrecruzamento de linguas e culturas, a partir da figura da cangaçeira brasileira, a autora crea un arquetipo universal da muller loitadora. A acción dramática está atravesada polos conceptos da identidade, a memoria e a ecoloxía como metáfora.
A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo convocaron esta terceira edición do galardón co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos.
O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia
ou residencia mindoniense, así como a recoñecida achega destes á cultura galega en xeral, xustifican a creación destes galardóns que se entregarán anualmente co fin de contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura galegas aquelas obras que a xuízo do xurado merezan este recoñecemento.

Xurado
A composición do xurado nesta terceira edición do Premio Mondoñedo10, que distingue á mellor obra dramática publicada en Galicia e en galego entre os anos 2008 e 2017 estivo formado por Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo, que actuou como Presidente. Os vocais foron Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega (RAG); Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega; Afonso Becerra Arrojo, en representación da sección de literatura dramática da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG); Antonio Salgado Rodríguez, en representación da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG); Tareixa Campo Domínguez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE); Diego Vázquez Meizoso, en representación da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega e Francisco Piñeiro González, en representación do concello de Mondoñedo. Exerceu a secretaría do xurado por designación da organización o mindoniense Fran Bouso.

Acto de entrega
O auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo acollerá o vindeiro domingo, 21 de outubro ás doce e media do mediodía o acto de entrega do Premio Mondoñedo10 2018 Teatro no transcurso dun acto no que o grupo de teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda representará dúas breves pezas teatrais, unha de Rafael Dieste e outra de Álvaro Cunqueiro baixo a dirección de Lino Braxe.”

Finalistas Premio Mondoñedo10 2018, Teatro

A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo veñen de convocar a 3ª edición do galardón denominado Premio Mondoñedo10 que nesta ocasión, ano 2018, se concederá na modalidade de TEATRO á mellor obra escrita orixinalmente en galego e cuxa primeira edición fose publicada, editada ou representada en calquera soporte nos 10 anos anteriores ao desta convocatoria; ou sexa, entre 2008 e 2017, ambos inclusive.

REUNIÓN DO XURADO E FALLO DO PREMIO
O xurado designado para elixir a obra gañadora reunirase en Mondoñedo o domingo, 14 de outubro.
A entrega do premio ao autor/es ou autora/s da obra gañadora terá lugar en acto público a celebrar no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo o domingo, 21 de outubro, a partir das 12:15 h.

PREMIO
O premio que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou, en caso de falecemento ou outra causa, a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada, consistirá nun diploma acreditativo deseñado polo debuxante mindoniense J. Pedro Gómez, e unha obra artística orixinal e única, creación do artista, tamén mindoniense, Xosé Vizoso.

COMPOSICIÓN DO XURADO
Composición do xurado para a edición correspondente ao ano 2018, modalidade TEATRO.
Presidente: Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo.
Vogal designado polo Consello da Cultura Galega.
Vogal designado pola Real Academia Galega
Vogal designado pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).
Vogal designado pola Asociación Galega de Editoras.
Vogal designado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
Vogal designado por Escena Galega, Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas.
Vogal designado polo concello de Mondoñedo.
Secretario: Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio.
Os nomes faranse públicos unha vez fallado o premio. Nin o presidente do xurado nin o secretario poden propoñer nin votar obras.

OBRAS FINALISTAS
Unha vez recibidas as propostas de todos os membros do xurado faise pública a listaxe das 11 obras finalistas:
1.- Onde andas, Karl?
Autor: Rubén Ruibal
Embora, 2009
2.- Flores de Dunsinane
Autor: Manuel Lourenzo
Xerais, 2010
3.- As do peixe
Autor: Cándido Pazó
Contraproducións, 2013
4.- Sempre quixen bailar un tango
Autora. Teresa González Costa
Xerais, 2009
5.- Eroski Paraíso
Autor: Chévere
Kalandraka 2016
6.- Suite Artabria
Autor: Manuel Lourenzo
Xerais, 2017
7.- O refugallo
Autora: Paula Carballeira
Xerais, 2013
8.- Os cans non comprenden a Kandinsky
Autora: Avelina Pérez
Erregueté, Revista Galega de Teatro, nº 91, 2017.
9.- Voaxa e Carmín
Autora: Esther F. Carrodeguas
Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2016
10.- Raclette
Autor: Santiago Cortegoso
Xerais, 2015
11.- Nome: Bonita
Autora: Vanesa Sotelo
Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, 2015.

PREMIOS 2016 e 2017 (Recordatorio)
Na primeira edición correspondente ao ano 2016 o xurado elixiu como mellor obra na modalidade de Narrativa publicada en galego entre os anos 2006 e 2015 Os libros arden mal da autoría de Manuel Rivas, publicada por Edicións Xerais de Galicia, 2006.
Na segunda edición correspondente ao ano 2017 o xurado elixiu como mellor obra na modalidade de Poesía publicada en galego entre os anos 2007 e 2016 Hordas de escritura da autoría de Chus Pato, publicada por Edicións Xerais de Galicia, 2008.

Mondoñedo, 6 de outubro de 2018″