Comezou a XXXIV Semana de Teatro do Valadouro

Desde Erregueté:
“Onte comezou a XXXIV edición da Semana de Teatro do Valadouro coa actuación do grupo Os pícaros da Lagoa, que representou Asilo por compasión. Seis días de actuacións (do 1 ao 6 de setembro) coa participación de grupos locais de recente creación e grupos da bisbarra xa ben consolidados.
O ciclo continúará hoxe co grupo de teatro Lume Escénico, da Pontenova, coa obra O achado do castro, de Manuel Núñez Singala. Mañá, martes día 3, será a quenda do grupo Axóuxeres de Vilaronte coa peza Un divorcio no pobo, de Tito Casado. O mércores 4 será o grupo O Bordelo, de Cervo, o que represente Toluras de proveito, de Francisco Piñeiro. O xoves 5, Touporroutou, de Foz, chegará ao Valadouro con Comedia bífida, de Núñez Singala. E, para rematar, o venres 6, A Adala de Fazouro representará a obra O que armou unha zoca.
Todas as representacións son as 22:00 no salón de actos da Casa da Cultura e, como novidade este ano, a apertura da billeteira para a retirada das entradas, de balde, será ás 21:00.
A entrada é gratuíta ata completar o aforo disposto na sala.”

Nome: Bonita, gañadora do Premio Mondoñedo10 na modalidade de Teatro

“Ao entender do xurado, Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, revela unha voz dramática moi sólida caracterizada por un lirismo que entronca coa dramaturxia do mindoniense Álvaro Cunqueiro. O xurado destaca que a obra manifesta o valor testemuñal ao respecto das mulleres represaliadas ao longo da historia. Nun entrecruzamento de linguas e culturas, a partir da figura da cangaçeira brasileira, a autora crea un arquetipo universal da muller loitadora. A acción dramática está atravesada polos conceptos da identidade, a memoria e a ecoloxía como metáfora.
A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo convocaron esta terceira edición do galardón co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos.
O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia
ou residencia mindoniense, así como a recoñecida achega destes á cultura galega en xeral, xustifican a creación destes galardóns que se entregarán anualmente co fin de contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura galegas aquelas obras que a xuízo do xurado merezan este recoñecemento.

Xurado
A composición do xurado nesta terceira edición do Premio Mondoñedo10, que distingue á mellor obra dramática publicada en Galicia e en galego entre os anos 2008 e 2017 estivo formado por Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo, que actuou como Presidente. Os vocais foron Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega (RAG); Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega; Afonso Becerra Arrojo, en representación da sección de literatura dramática da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG); Antonio Salgado Rodríguez, en representación da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG); Tareixa Campo Domínguez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE); Diego Vázquez Meizoso, en representación da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega e Francisco Piñeiro González, en representación do concello de Mondoñedo. Exerceu a secretaría do xurado por designación da organización o mindoniense Fran Bouso.

Acto de entrega
O auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo acollerá o vindeiro domingo, 21 de outubro ás doce e media do mediodía o acto de entrega do Premio Mondoñedo10 2018 Teatro no transcurso dun acto no que o grupo de teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda representará dúas breves pezas teatrais, unha de Rafael Dieste e outra de Álvaro Cunqueiro baixo a dirección de Lino Braxe.”

Mondoñedo: presentación de Galicia Encantada, en edición de Antonio Reigosa

OAntonio Reigosa venres 17 de abril, ás 20:30 horas, no Centro Comarcal de Mondoñedo, preséntase o libro Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, en edición de Antonio Reigosa, publicado por Xerais. No acto, organizado pola editora e o Concello de Mondoñedo, participan, xunto a Antonio Reigosa, Orlando González Cruz; Francisco Piñeiro e Fran Bouso, colaboradores da publicación; e Lois Pérez, narrador oral.