Cuestionario Proust: Xurxo Sierra Veloso

DesdeXurxo Sierra Veloso o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xurxo Sierra Veloso:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A dúbida, creo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me chamen de cando en vez e que saiban disimular se me poño impertinente. Aproveito a ocasión para agradecer o queixo con marmelo que me pon a miña comadre Maruxa nas ceas de Nadal.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión, a preguiza, a inconstancia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Unha longa conversa con amigos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non estarían mal a paz do mundo e a liberdade dos pobos, pero a verdade é que nos anos noventa tiven minutos moi felices na bancada de Marcador, festexando certos goles de Vlado Gudelj.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A desgraza dos seres queridos.
8.– Que lle gustaría ser?
– Cantante de orquestra; encantaríame ir polas verbenas e dedicar un pasodobre á comisión de festas.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun país que me permitise pasear por Vigo, Silvaoscura, Zamora e Salamanca.
10.– A súa cor favorita?
– As cores do outono en Sanabria.
11.– A flor que máis lle gusta?
– En Vigo, as camelias da avenida das Camelias no inverno. En Zamora, as mapoulas que medran en maio ao redor dos centros comerciais.
12.– O paxaro que prefire?
– As andoriñas que fan o seu niño por riba do lugar no que aparco o coche. Coitadas, non merecen os insultos que lles dedico.
13.– A súa devoción na prosa?
– Depende do día. Digamos Carlos Casares, Philip Roth, Gonzalo Navaza, Natalia Ginzburg, Miguel Anxo Murado, Ignacio Martínez de Pisón…
14.– E na poesía?
– Véñenme varios nomes á cabeza, pero só vou dicir dous: Claudio Rodríguez e Ramiro Fonte.
15.– Un libro?
A illa do tesouro, de Stevenson, absolutamente fundamental na miña vida.
16.– Un heroe de ficción?
– Asuranceturix, bardo da aldea gala.
17.– Unha heroína?
– Lisa Simpson.
18.– A súa música favorita?
– Os éxitos de Sabina que canto mentres conduzo.
19.– Na pintura?
– Gústame moito Francisco Ibáñez, pero tamén lle vexo mérito a Van Gogh.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Na miña familia hai uns cantos. Teñen moitos defectos, o que os fai aínda máis heroicos.
21.– O seu nome favorito?
– Os nomes dos bonecos. Hai anos coñecín un Archibaldo moi simpático, creo que era un orangután ou algo así.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A solemnidade.
23.– O que máis odia?
– Esa xente que manifesta con voz potente a súa opinión sen que ninguén lla pida, cousa moi frecuente en bares, ambulatorios e salóns de peiteado.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Queipo de Llano é un tipo que me dá moito noxo.
25.– Un feito militar que admire?
– Os choutiños que dan os soldados cando perden o paso nun desfile.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Cantar ben, unha cousa a medio camiño entre Sinatra e Pucho Boedo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Con tranquilidade, saudando tranquilamente os parentes mortos que saian a recibirme á porta do túnel.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A indecisión.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Antes, os alleos. Ultimamente, os propios.
30.– Un lema na súa vida?
– Onde irás, boi, que non ares?”

Xurxo Sierra Veloso: “Os meus protagonistas caen mal”

Entrevista a Xurxo Sierra Veloso en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): Cal é a súa principal motivación para escribir literatura?
– Xurxo Sierra Veloso (XSV): Como diría Juan Carlos Onetti, eu escribo por vicio. A literatura ten para min un sentido lúdico que converte cada libro nunha diversión, que non nun divertimento. O máis atractivo da literatura é crear personaxes. Non me interesan os protagonistas heroicos; prefiro que sexan vulgares e polo xeral caen mal. Se o tópico di que nunha novela o lector ten que simpatizar cos personaxes, nas miñas novelas case sempre pasa ao contrario. Decateime ao rematar este libro que o denominador común a todos os personaxes da miña obra narrativa é a obsesión. Son persoas obsesivas e esa obsesión acaba por ser o motor das súas vidas. N’Os fíos hai unha novidade nese sentido. A personaxe de Lidia non ten ese verniz antipático aínda que é moi moi normal, con pantasmas, medos e mesquindades coma calquera. Unha vez que teño os personaxes, as historias valas captando da túa experiencia. Amásoas coa imaxinación e acaban no papel. Sempre hai cousas ao teu redor dignas de ser contadas. (…)
– ANT: Tivo tentacións de escribir en castelán?
– XSV: Non. Se me teño que definir como escritor comprometido, estouno coa literatura galega. Falar e defender o galego pode que sexa minoritario e até alleo a moitas realidades presentes e futuras porque a lingua estase a perder nas novas xeracións que non teñen vínculo coa aldea. En Vigo, por exemplo, onde eu me criei, percibo que a diferenza da nosa xeración, os que chegan agora a adultos xa non van á aldea as fins de semana, xa non ouven o galego namais que nas clases da materia de Galego. Neste tema non son nada optimista. Se aquí houbo un pobo galego algunha vez, agora decidiu prescindir dos seus sinais de identidade.”

Xurxo Sierra Veloso: “O pobo galego decidiu suicidarse e empezou por prescindir da lingua”

Entrevista a Xurxo Sierra Veloso en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Unha pregunta máis breve; para salvar o catalán, éuscaro e galego é necesaria unha inmersión lingüística ad hoc, como propón o nada sospeitoso profesor Blecua, hoxe presidente da RAE?
– Xurxo Sierra Veloso (XSV): Voume limitar ao galego, porque creo que as semellanzas cos casos éuscaro e catalán son ben poucas. Para salvar o idioma galego debería haber un pobo galego que quixese sobrevivir. Desafortunadamente, creo que non se dá esta premisa imprescindible. O pobo galego, se é que existiu algún día, decidiu suicidarse como tal, e para iso empezou por prescindir do seu maior sinal de identidade, a lingua. Nestas condicións, calquera política sociolingüística está condenada ao fracaso, veña de quen veña. (…)
– GH: Acabas de publicar Os fíos, a túa terceira ou cuarta novela, coa cal obtiveches o Premio Narrativa breve Repsol 2010. Vas á procura dunha obra de maior calado?
– XSV: Xa é a quinta novela, o cal debería entusiasmarme e ao mesmo tempo angustiarme. Supoño que aínda non atopei as respostas que levo procurando máis de vinte anos; por iso me vexo na obriga de seguir escribindo. Non sei se algunha vez construirei unha obra maior, pero, se non che parece mal, vasme permitir que utilice a ironía e acuda ás ensinanzas dun santo polo que sinto ben pouca devoción. Refírome a Escrivá de Balaguer, quen gababa moito o que el chamaba a clase de tropa, é dicir, aqueles que non están chamados para comandar exércitos e realizar grandes heroicidades, pero tamén teñen o seu pequeno oco na batalla cotiá. Eu, mentres siga escribindo, sentireime membro deste cativo gran batallón de resistentes que aínda cremos na grandeza da lingua galega, e que por iso a empregamos no noso labor literario.
– GH: Cos demais xéneros literarios que tal te levas en xeral?
– XSV: De cando en vez escribo poesía, pero nunca quedei especialmente satisfeito co resultado. Os meus versos sóanme falsos e afastados, como se estivesen escritos para ser declamados nunha cea de nadal ou un banquete de voda. Algunha vez tentei someter os meus personaxes aos rigores do teatro, pero confeso que non fun quen de pasar da primeira escena. Para ben ou para mal, o eido no que me sinto máis cómodo é a novela.”

Xurxo Sierra Veloso obtén con Os fíos o IV Premio de narrativa breve Repsol

Xurxo Sierra Veloso gañou o IV Premio de narrativa breve Repsol coa súa obra Os fíos, dotado con 9000 euros. O xurado, composto por Francisco Pillado, Modesto Hermida, Xosé Luís Axeitos, María Canosa e Carlos Lema, valorou da obra gañadora “a súa ironía, a pulida e traballada narrativa do autor, a orixinalidade no tratamento literario, así como o xogo de distanciamento orixinal, que resulta sempre moi intelixente, sendo esta unha obra que deixa sempre un espazo aberto ao lector ou lectora”. A esta edición presentáronse un total de 41 orixinais e inéditos, o que representa o maior número desde a súa creación.

Celanova: presentación do libro-homenaxe a Lois Antón

Mañá sábado a partir das 19:00 preséntase na Aula de Cultura Caixa Galicia de Celanova o libro Voz da terra, arela de pobo. Letras para o Lois Antón: recoñecemento a un nacionalista galego de base. O acto, organizado polo BNG de Ramirás e de Celanova, estará moderado por Leopoldo Rodríguez Puga, e inclúe o visionado de Unha vida en imaxes de Xosé Manuel Méndez Gayo, sobre o Lois Antón; as intervencións de Marcos Meléndez Alonso, presidente da Asociación Cultural e Xuvenil de Ramirás, Xoán Carlos Domínguez Alberte, coordinador do libro e Xosé Carlos Sierra Rodríguez, secretario xeral da Consellaría de Cultura e Deporte; e un recital poético a cargo de Delfín Caseiro Nogueiras, Xurxo Sierra Veloso e Lois Antón Pérez Pérez.