XIII Premio de Poesía “Concello de Carral”

A Concellería de Cultura ven de presentar as bases da décimo terceira edición do premio poético “Concello de Carral”. A nova edición deste certame contempla un prazo para presentar exemplares aberto ata o 31 de marzo. Poderán presentar obras os autores e autoras maiores de idade, con poemarios de máis de 400 versos escritos en lingua galega.

Para esta nova convocatoria, o Concello de Carral destina 2.000 euros de premio. O premio entregarase no mes de maio, dentro dos actos das Letras Galegas en Carral, no que ademais se prevé a presentación do libro gañador da décima primeira edición do concurso, titulado “Nós escoitando o badalo de Marienplatz”, do que é autora Eli Ríos, e que será publicado por Espiral Maior.

Para ampliar información, os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580, ou a través da web.

Bases: PDF, 484 KB

A Coruña: Joan Margarit e Pepe Cáccamo no ciclo Poetas di(n)versos

Poetas dinversos

O martes 19 de xaneiro terá lugar a terceira sesión do ciclo Poetas Di(n)versos, desta volta coa participación do catalán Joan Margarit, Premio Nacional de Poesía 2008, e o galego Xosé María Álvarez Cáccamo. Será ás 20:30 na Casa de Cultura Salvador de Madariaga (Durán Loriga, 10, A Coruña), con entrada libre.

4º Premio de Literatura Infantil-Xuvenil Meiga Moira

CartazMoiraWebbaixaBaía Edicións vén de convocar o 4º premio Meiga Moira de creación literaria
infantil-xuvenil, que se rexerá polas bases (PDF, 110 KB) que atoparán na páxina web de Baía Edicións.

O premio, que poderá quedar deserto, considerará un único galardón, ao que se lle asigna unha dotación económica de 2.500 euros. A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira.

O prazo de recepción de orixinais remata o 17 de Maio e a súa resolución darase a coñecer o 1 de outubro de 2010.

Santiago: o CDG estrea As actas escuras de Roberto Vidal Bolaño

O Centro Dramático Galego estrea este venres día 15 ás 21.00 horas no Salón Teatro de Santiago As actas escuras, obra de Roberto Vidal Bolaño que chega por primeira vez aos escenarios da man do director Xúlio Lago dezaoito anos despois da súa escrita. A función poderá verse en Santiago até o 7 de febreiro, os venres e sábados ás 20:30 e os domingos ás 18:00.

A Coruña: obradoiro de narrativa con Marina Mayoral

A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés abriu o prazo de inscrición para o Obradoiro de escritura narrativa impartido por Marina Mayoral. Hai vinte prazas que se outorgarán por rigorosa orde de petición (a inscrición é gratuíta). O obradoiro celebrarase do martes 9 ao venres 12 de febreiro de 2010, cun total de 20 horas repartidas en catro sesións de cinco horas diarias (de 10h a 13h e de 17h a 19 h). Os interesados poden chamar ao teléfono 981-170218/19, escribir un correo electrónico ou ben comunicalo en persoa na Sala de consulta da Biblioteca (Rúa Miguel González Garcés, 1 15008 A Coruña). Máis información: PDF, 124 KB.

1º Certame de Poesía sobre os Penedos de Pasarela e Traba

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) convoca o “1º Certame de Poesía sobre os Penedos de Pasarela e Traba” para conmemorar o primeiro aniversario da súa declaración como “Paisaxe Protexida” (11 de decembro de 2008). Establécense tres categorías: na primeira poderán participar os nenos e nenas que teñan ata 12 anos; a segunda vai dirixida a rapaces de entre 13 e 16 anos; e a terceira a todos aqueles autores maiores de 16 anos. A idade contémplase con data de 1 de xaneiro de 2010. A data límite de entrega é o 10 de abril de 2010. Descargar as bases.