O pleno da RAG nomea o filólogo Luciano Rodríguez académico correspondente

Desde a Real Academia Galega:
“O filólogo Luciano Rodríguez Gómez (Carracedo, A Veiga, 1951) foi nomeado académico correspondente no pleno ordinario da Real Academia Galega. O profesor honorario da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu ao longo da súa carreira unha constante actividade investigadora e divulgadora da literatura galega na que lle prestou unha atención especial á produción poética. Estudou en profundidade, entre outros autores, a Aquilino Iglesia Alvariño, a quen dedicou a tese de doutoramento, e a Miguel González Garcés ou a Xohana Torres, de quen foi editor. É ademais antólogo e tradutor da poesía galega a outros idiomas e trouxo ao galego versos de autores cataláns e casteláns como Joan Margarit, Luis García Montero e Ángeles Mora.
O novo académico correspondente licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1977. Tras impartir Lingua e Literatura Galegas en distintos institutos, dende o curso 1991-1992 foi docente na Universidade da Coruña, onde defendeu a súa tese sobre Aquilino Iglesia Alvariño. Actualmente é profesor honorario da mesma institución e colabora na docencia do mestrado de Literatura, Cultura e Diversidade da Facultade de Filoloxía. (…)”

A Coruña: Joan Margarit e Pepe Cáccamo no ciclo Poetas di(n)versos

Poetas dinversos

O martes 19 de xaneiro terá lugar a terceira sesión do ciclo Poetas Di(n)versos, desta volta coa participación do catalán Joan Margarit, Premio Nacional de Poesía 2008, e o galego Xosé María Álvarez Cáccamo. Será ás 20:30 na Casa de Cultura Salvador de Madariaga (Durán Loriga, 10, A Coruña), con entrada libre.