“Ata o vindeiro día 1 de xuño de 2011 estará aberto o prazo para presentar orixinais ao Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, certame do que sairá a obra que se publicará ao longo do mes de agosto na edición impresa do xornal mais na súa páxina web. Ademais da extraordinaria difusión que acadará o texto gañador, o seu autor recibirá os 6.000 euros cos que está dotado o galardón. O premio chega á súa undécima edición, que está aberta á participación de todas as persoas que presenten unha novela inédita que non opte a outros concursos, que estea escrita en idioma galego e que se compoña de 31 capítulos. Cada un destes deberá ter a mesma extensión, fixada en 3.500 caracteres con espazos, para a súa publicación durante os 31 días do mes de agosto.
Os aspirantes deberán remitir catro copias dos orixinais, impresas a dobre espazo e por unha soa cara, co enderezo 11.º Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono Industrial de Sabón, 15142, Arteixo, A Coruña, polo sistema de plica pechada, introducindo nela os datos do autor que permitan poñerse en contacto no caso de resultar finalista ou gañador. Os orixinais que non sexan reclamados nun prazo dun mes dende o momento do fallo serán destruídos. A organización do premio designará o xurado, cuxa decisión será inapelable e que se fará pública antes do 25 de xullo, tanto no xornal como na súa web.
Os premios distinguiron, sucesivamente, a Marilar Aleixandre, Miguel Suárez Abel, Xosé Antonio Perozo, Ángel de la Cruz, Carlos Freire, Santiago Lopo, Concha Blanco, Emilio Alonso, Alberto Ramos e An Alfaya. Anteriormente, nas Páxinas Literarias aparecera O xabaril branco, de Tucho Calvo.”
Arquivos mensuais: Abril 2011
Olga Novo: “A verdadeira poesía é sempre revolucionaria pola súa beleza irredutible”
A Coruña: entrega dos premios do XII Certame Literario Suárez Ferrín e conferencia de Xosé Ramón Barreiro
O martes 26 de abril, ás 20:00 h., na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o fallo do XII Certame Literario Suárez Ferrín sobre Valores Cívicos e Morais, adicado este ano a “Memoria histórica. Valor moral dun pobo”, seguido pola conferencia de Xosé Ramón Barreiro sobre A conflitividade social na Coruña na II República, organizada pola Fundación Instituto de Estudios Políticos y Sociales.
Luz Fandiño: “O que queren é borrarnos”
Isabel Pintado: “O misterio da lectura”
Lugo: conferencia Non vos vamos gardar o segredo, de José Manuel Barbosa e Calros Solla
O luns 25 de abril, a partir das 20:00 h., no Centro Social Mádia Leva! (Rúa Amor Meilán, 18) de Lugo, terá lugar a conferencia Non vos vamos gardar o segredo, a cargo de José Manuel Barbosa e Calros Solla, na que falarán sobre a destrución do patrimonio cultural galaico.
Margarita Ledo remata a rodaxe en Galicia da súa película A cicatriz branca
(Xornal)
Bos Aires: presentación de O libro das Seniguais e do único Senigual, de María Rosa Lojo
O luns 25 de abril, ás 20:30 h., na Sala Alfonsina Storni, na Feira do Libro de Bos Aires, preséntase O libro das Seniguais e do único Senigual, de María Rosa Lojo, publicado en Galaxia. No acto participan a propia autora, a ilustradora Leonor Beuter e Víctor F. Freixanes. Ademais, contará coa participación do músico Alfredo Beuter.