“O arquivo persoal do profesor e estudoso da lingua Xesús Alonso Montero xa está na Deputación de Ourense. Trátase dunha “dación” que contén numerosas obras literarias, estudos lingüísticos e correspondencia epistolar con persoeiros da cultura do país que o escritor atesorou ao longo dos seus 83 anos de vida. O propio Alonso Montero, na compañía do presidente da Deputación, José Luis Baltar, foi quen deu a coñecer os detalles na sede da institución provincial, rodeado de numerosos xornalistas, e con palabras que pretendían solemnizar “o acto testamentario” da entrega do material a un organismo público. (…) En todo caso, o quen ten claro Alonso Montero é que “na Deputación de Ourense están os mellores arquivos literarios de Galicia” e exemplificou a súa argumentación referíndose aos legados de “Blanco Amor, Pura e Dora Vázquez, Alberto Vilanova e Xosé Ramón Fernández Ben-Cho-Shey. A pesar de que aínda está en fase de catalogación e clasificación, os estudosos da lingua e da literatura galega xa poden consultar os manuais de Alonso Montero. Dentro das singularidades destacou 15 libros inéditos escritos por el mesmo, entre os que destaca, títulos como A presenza das letras latinas nas letras galegas ou o Manuscrito da miña tese de doutoramento sobre Curros Enríquez. Tamén obras de alumnos seus como Darío Xohán Cabana que lle entregou a súa primeira novela e está sen publicar ou memo un libro escrito por Novoneyra no ano 1968 en castelán. Alonso Montero destacou tamén a primeira traducción ao galego do Evanxeo de Marcos. Dentro do capítulo das anécdotas citou títulos como Lauredados, escrito por Antonio de Obregón e Álvaro Cunqueiro o Corona de Sonetos para José Antonio Primo de Rivera do propio Cunqueiro, nos que se ensalzaban valores franquistas. O arquivo complétase con cartas manuscritas de Ramón Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Isaac Díaz Pardo, entre outros, e incluso o seu expediente de desterro nas postrimerías do franquismo a Montilla (Córdoba). Hai tamén pezas escultóricas únicas e cun gravado orixinal de Castelao. (…)”
Arquivos anuais: 2011
A Coruña: Dezasete letras na brétema, conferencia de Alberte Suras sobre Manuel María
O xoves 15 de setembro, a partir das 20:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a conferencia Dezasete letras na brétema (unha ollada arredor de Manuel María), a cargo do escritor e profesor Alberte Suras.
Presenza galega no libro Performing Poetry
A repercusión internacional da literatura galega continúa coa publicación do libro Performing Poetry. Body, Place and Rhythm in the Poetry Performance, publicado por Rodopi, con Cornelia Gräbner e Arturo Casas como editores dun conxunto de traballos sobre as perfomances poéticas desde a perspectiva da teoría literaria. O volume recolle aportacións en diversas linguas, entre elas a galega, con textos do propio Arturo Casas, María do Cebreiro e Chus Pato.
Barcelona: mesa redonda sobre Cunqueiro e a cultura catalá
O xoves 15 de setembro, ás 19:00 horas, na Sala Prat de la Riba do Institut d’Estudis Catalans (Carrer del Carme, 47) de Barcelona, terá lugar unha mesa redonda sobre a figura de Álvaro Cunqueiro baixo o título de Cunqueiro e a cultura catalá, onde Pere Gimferrer, Jordi Garcia, Basilio Losada e Fernando Valls analizarán a vinculación do autor mindoniense con Catalunya. Salvador Giner e Ramón Villares presidirán o acto, enmarcado na celebración do centenario do nacemento de Cunqueiro.
Santiago: proxección do documental Neira Vilas. Memorias dun neno labrego
O xoves 15 de setembro, ás 19:00 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII), de Santiago, terá lugar a proxección do documental Neira Vilas. Memorias dun neno labrego, dirixido por Ismael González Díaz, coincidindo coa exposición Querido Balbino, inaugurada o día 2 de setembro.
Ourense: presentación de Crónicas dunha rúa: Collage da Paz / dos Zapateiros
O xoves 15 de setembro, a partir das 20:00 horas, no Teatro Principal (Rúa da Paz, 9) de Ourense, preséntase o libro de Arturo L. R. e Vispo Rodríguez Crónicas dunha rúa: Collage da Paz / dos Zapateiros, publicado por Duen De Bux.
Abre Amazon.es con escasa presenza das editoras galegas
“Un día antes do previsto, abriu as súas portas a versión española do xigante da venda en liña Amazon. No mesmo están dispoñibles, na mañá de apertura, unicamente 408 títulos da nosa lingua, aínda que aparecen rexistrados un total de 6.743 resultados de obras en galego. A maior parte das editoras galegas, segundo explican fontes do sector, rexeitaron asinar contrato coa empresa americana por problemas de distribución e desacordo nas marxes de beneficio para a tenda. E é que a almacenaxe do web se realiza no sur de Francia, e a emprega solicita nalgúns casos ata un 70% de descontos nas obras. Deste xeito, a práctica totalidade dos libros que podemos atopar en galego no web chegan a través dos acordos que diferentes editoras galegas teñen con distribuidoras como Publidisa, ou ben mediante intermediarios como a libraría en liña Agapea que si asinaron contratos coa tenda.”
Intervención preliminar de María Xesús Nogueira no VI Encontro de Escritoras/es Novas/os
Este é o vídeo coa intervención premilinar de María Xesús Nogueira no Encontro de Escritoras/es Novas/os do sábado 17 de setembro, na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. Participará na mesa redonda As revistas dixitais en Galiza: pasado, presente e futuro, ás 16:30 horas:
Intervención preliminar de Montserrat Pena Presas no VI Encontro de Escritoras/es Novas/os
Este é o vídeo coa intervención premilinar de Montserrat Pena Presas no Encontro de Escritoras/es Novas/os do sábado 17 de setembro, na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. Participará na mesa redonda As revistas dixitais en Galiza: pasado, presente e futuro, ás 16:30 horas:
Intervención preliminar de Gaspar Domínguez no VI Encontro de Escritoras/es Novas/os
Este é o vídeo coa intervención premilinar de Gaspar Domínguez no Encontro de Escritoras/es Novas/os do sábado 17 de setembro, na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. Participará na mesa redonda As revistas dixitais en Galiza: pasado, presente e futuro, ás 16:30 horas: