Arteixo: presentación de Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho

A sexta-feira 19 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do Candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase o libro Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho, publicado polos Cadernos Q de Vián. No acto, xunto ao autor, participa Paco Gallego.

María Xosé Queizán, Premio Irmandade do Libro pola súa traxectoria literaria

Desde Sermos Galiza:
“Cada ano, a Federación Galega de Libreiros premia unha autora ou autor pola súa traxectoria na convocatoria dos seus premios. Nesta edición, XXII, a escritora María Xosé Queizán foi a escollida polo xurado para recoñecer a súa ampla dedicación ao mundo do libro como narradora mais tamén autora de ensaio, teatro, poesía, artigos xornalísticos, tradución e mesmo partillando noutros ámbitos da edición literaria como a dirección dunha publicación -a Festa da Palabra da que está á frente desde 1983- ou como directora de coleccións como As literatas de narradoras en Xerais. (…)
O fallo do xurado recoñece como motivación para premiar a María Xosé Queizán “a longa e moi definida traxectoria en traballar polo galego dende todos os xéneros, sendo pioneira na narrativa galega despois da guerra. Resultando ademais, que no ano dedicado ao teatro, María Xosé é precisamente unha persoa moi vinculada ao xénero dramático”. (…)”.

Cáceres: conferencia e recital poético de Mario Regueira e Lorena Souto

O xoves 18 de abril, ás 12:00 horas, no Laboratorio 2 da Facultade de Filosofía e Letras de Cáceres, o Centro de Estudos Galegos de Cáceres, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), ofrece unha nova conferencia na Facultade de Filosofía e Letras desta cidade.
Mario Regueira e Lorena Souto presentarán en Cáceres os relatorios Literatura galega, unha literatura política e Resistir hoxe: Novos panoramas na poesía galega actual nos que, ademais de facer un percurso histórico polos diferentes períodos, recitarán versos propios e doutros autores/as da nosa literatura.

A Coruña: Obradoiro intensivo de novela negra, dirixido por Xabier López

“No Obradoiro intensivo de novela negra, dirixido por Xabier López, poderás adquirir as ferramentas básicas para adestrarte nun xénero que non coñece a crise e que funciona coma un perfecto calidoscopio das épocas e sociedades que retrata. Ao remate destas 4 sesións teórico-prácticas (Introdución e primeiras decisións narratolóxicas, Construción de personaxes, Decálogos e mecanismos internos da novela negra e Caso resolto: a resolución da trama) contarás co teu propio proxecto de novela negra e coas claves fundamentais para levala adiante.”

RESUMO
Nivel: Medio e avanzado.
Duración: 8 horas.
Horario: Mércores de 18:00 a 20:00 horas, do 08/05/2013 ao 29/05/2013.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

Santiago: lanzamento de Obra seleta, de Johán Vicente Viqueira

A quinta-feira 18 de abril, ás 20:00 horas, na Ciranda (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, terá lugar o lanzamento da Obra Seleta de Johán Vicente Viqueira, publicada pola Academia Galega da Língua Portuguesa. No acto participan Iolanda Aldrei, César Morán e José António Lozano.