Convocado o XXIII Certame de narracións breves Manuel Murguía

O Concello de Arteixo, para contribuír ao desenvolvemento da narrativa galega e honrar ao noso Patriarca, convoca con carácter anual o Premio Manuel Murguía coas seguintes

BASES

1. Poderán concorrer tódolos autores que o desexen con unha única obra, de temática libre e escrita en lingua galega.
2. Os relatos deben ser orixinais e inéditos, dunha extensión non inferior aos 15 folios nin superior aos 30, escritos con letra arial, corpo 12 e en tamaño DIN A4.
3. Os traballos presentaranse por cuadriplicado, mecanografados a duplo espazo, por unha soa cara e só co título da obra e un lema. Xuntarase unha copia do texto nun CD en formato PDF. Nun sobre pechado achegaranse o título, o lema, o nome, o enderezo, o teléfono e o currículo do autor.
4. As obras deben enviarse facendo constar no sobre 23º Certame Manuel Murguía de Narracións Breves antes do 1 de marzo de 2014 ao seguinte enderezo.
Concello de Arteixo
Praza Alcalde R Dopico, nº 1
15142 Arteixo
A Coruña

6. O xurado, constituído por membros de recoñecida solvencia, será designado polo Concello de Arteixo e fará pública a súa decisión inapelable no mes de maio de 2014.
7. Os tres finalistas deberán estar presentes o día da entrega para recibir os premios.
8. Os orixinais non premiados poderán ser devoltos, sempre que o soliciten os seus autores por escrito no prazo máximo de un mes a partir do fallo.
9. O/s finalistas e o/s autor/es premiados/s renuncia/n aos seus dereitos no caso que o Concello edite o/s texto/s e se fixer outras edicións fará constar que foi premiado neste certame.
10. A interpretación destas bases corresponde exclusivamente ó xurado. O feito de participar no certame supón a aceptación das presentes bases.

Arteixo, novembro de 2013

Carlos Arias: “Sobol é unha aposta pola liberdade desde a poesía”

Entrevista de Carme Vidal a Carlos Arias en Sermos Galiza (a fotografía é de M. Longueira):
“(…) – Sermos Galiza (SG): Por vez primeira publica un libro na rede [Sobol], que posilidades achega o soporte dixital para a literatura?
– Carlos Arias (CA): Creo que moitas: a accesibilidade ao longo do tempo, a facilidade para a transmisión, o uso de recursos multimedia como complemento, a economía de espazo e de materiais, e supoño que deixo moito aínda por explorar. (…)
– SG: Sobol é o seu novo libro de poesía, cal é o sentido do título?
– CA: Creo que se ve doadamente que se trata de ‘lobos’ escrito do revés. Vexo o lobo como un animal que avanza en calquera circunstancia, en solitario ou na manda, cunha mirada decidida cara ao futuro, e cos pés ben enraizados na terra. A inversión das letras responde a unha idea especular: entendo que estes lobos corresponden a un mundo ideal, coa súa simboloxía, que se desenvolve virtualmente no espello, á espera de que saibamos crear o vencello para que entren en acción consciente sobre a realidade que vivimos. (…)”

Cuestionario Proust: Marina Mayoral

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Marina Mayoral:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A curiosidade intelectual.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A valentía.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que correspondan ao que eu sinto por elas.
4.– A súa principal eiva?
– Sufro por todo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Un mundo sen dor, sen morte e sen inxustizas, ou sexa, algo que non pode existir.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte dun fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Se non fose escritora, gustaríame ser bailarina.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo.
10.– A súa cor favorita?
– O verde auga.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– As garzas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cortázar.
14.– E na poesía?
– Cernuda.
15. Un libro?
Cancionero y Romancero de ausencias de Miguel Hernández.
16.– Un heroe de ficción?
– O Cid do Cantar de Mío Cid.
17.– Unha heroína?
– Antígona.
18.– A súa música favorita?
Bachiana brasileira, nº 5 de Heitor Villalobos.
19.– Na pintura?
– Mark Rothko.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Martin Lutero King.
21.– O seu nome favorito?
– Mamá.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de limpeza.
23.– O que máis odia?
– A crueldade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– O desembarco de Normandía.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A serenidade.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor e perto dos meus seres queridos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A preocupación.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que eu comparto.
30.– Un lema na súa vida?
– Crudelius est quam mori semper mortem timere.”