“Decálogo da novela”, por Xelís de Toro

Desde Euseino? (Foto: Cartel do movemento artístico da Secesión, Berlín, 1912 (pormenor).):
“O novelista Xelís de Toro é un dos escritores que na década de 1990 publicou algúns dos libros máis singulares e anovadores entre os que daquela se comezaron a editar na narrativa galega. Autor de Os saltimbanquis no paraíso, unha das primeiras novelas nas que se falaba da emigración da xente nova, dos espíritos artísticos, á busca doutras portas abertas na cultura. Endebén, este autor aínda conserva ese espírito afouto, atrevido, tanto como para escribir nos tempos que corren unha novela titulada Etceteramente (Xerais, 2022) que, en realidade, é unha antinovela. Ou unha novela sobre a imposibilidade de escribir novelas. (…)

Sección coordinada e editada por Iván García Campos.

Dez chaves para unha porta aberta
1) Un gato. Dise do gato que ten sete vidas mais ninguén o sabe, ninguén o explica, ninguén o entende, con todo, o gato introdúcese na nosa vida como un animal que ten sete vidas, aínda que non as ten. Ese é un pinchacarneiro mental, un chimpo no aire, un equilibrismo racional irracional. Ese alento que nos conecta co misterioso e inexplicable é o que eu pido. Non utilizo a palabra novela por se acaso está morta. Prefiro a palabra libro porque un libro é un obxecto, cóllelo coas as mans, sei da súa existencia; a novela non sei o que é, se foi, se será, só sei que as súas posibles sete mortes deron para escribir moitos libros.
2) Un martelo. Unha das ferramentas humanas primixenias. O martelo utilizábase as máis das veces para crebar as cabezas dos individuos das outras tribos e algo menos para crebar as cascas dos froitos secos. O martelo esnaquiza, inventa anacos do que estaba enteiro, fainos interrogar polo miúdo e polo grande, polo que foi e xa non é, polo que fixemos ou nos fixeron. O martelo, se o colocas coa cachola de ferro arriba, poslle un punto abaixo e lle botas unha miguiña de imaxinación, ata semella un signo de interrogación. Se non fai cachizas das nosas cabezas nin fai preguntas, esa novela non é un martelo. (…)”

Compostela: actividades do 3 de maio na Feira do Libro 2023

Ferrol: actos destacados dos 22 e 23 de abril na Feira do Libro 2023