Entrevista a Xulio Pardo de Neyra en Faro de Vigo:
“- Faro de Vigo (FdV): É vostede mesmo quen cualifica Intensa e quente é a túa humidade azul como “a primeira novela pornográfica da literatura galega”, pero na editorial onde a publica, Edicións Positivas, existe a colección Narrativas Quentes dedicada a un tipo de literatura que, máis ou menos, vai por eses vieiros. Que diferenza hai entre as novelas que se publicaron nesa colección e a súa novela?
– Xulio Pardo de Neyra (XPdN): Se exceptuamos non poucas cantigas galegas medievais, onde se fala explicitamente de sexo através do trazado dunha imaxinería certamente elocuente, si é esta a única proba literaria con este carácter; desde logo, atendendo ao modo narrativo, Intensa e quente é a túa humidade azul é a primeira novela pornográfica da literatura de Galiza. E no resto de autores engaiolados pola maxia do erotismo (e quero citar agora a Méndez Ferrín ou a Isidro Novo, a quen así mesmo admiro), talvez as imaxes alusivas ao sexo sexan tamén máis suaves, máis mornas e portanto con menor voltaxe en tanto a tender á expresión explícita do sexo. O que diferencia a miña novela das outras que se publicaron na colección Narrativas Quentes acaso sexa que, nas outras, o erotismo é máis suave, máis suxerente e menos bravo, menos explícito que do que acontece na miña obra. (…)
– FdV: Os protagonistas da súa novela son unha muller nova e un home maior. Por que non ao revés ou por que non un home ou unha muller de (máis ou menos) a mesma idade?
– XPdN: Polo mesmo que os protagonistas de Anna Karenina son unha muller madurecida casada e un home máis ou menos da súa idade, ou os de Lolita son unha nena e un home maior. Simplemente escollín esas franxas etarias para situar unha historia de amor e de sexo . Atraeume a historia do cazador cazado e do antiheroe; isto é, un home que non representa a enerxía e a viveza, a cor e o brillo dun home xove, ben formado e cun corpo coidado; un home que se dedica a cazar mulleres e que, finalmente, é cazado polo sentimento amoroso de que tanto refugaba. (…)”
Arquivos mensuais: Xuño 2014
Lóuzara: Roteiro Fiz Vergara Vilariño 2014, o domingo 8 de xuño
Convite recital Adonis 11 de xuño
Cuestionario Proust: Oriana Méndez
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Oriana Méndez:
«1.– Principal trazo do seu carácter? A fame.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas? A solidariedade.
3.– Que agarda das súas amizades? Que me avisen para as festas.
4.– A súa principal eiva? Pode ser a impaciencia.
5.– A súa ocupación favorita? Ler cuestionarios Proust.
6.– O seu ideal de felicidade? Unhas cervexas e boa compaña mirando para as Cíes.
7.– Cal sería a súa maior desgraza? Non o podo saber.
8.– Que lle gustaría ser? Outra persoa, saber como se é outra.
9.– En que país desexaría vivir? En Cuba.
10.– A súa cor favorita? Negro.
11.– A flor que máis lle gusta? Non sei nada de flores, gústanme as mapoulas sobre os campos de Castela.
12.– O paxaro que prefire? Teño problemas coas aves desde pequena.
13.– A súa devoción na prosa? Cid Cabido.
14.– E na poesía? Manuel Antonio.
15.– Un libro? M-Talá.
16.– Un heroe de ficción? Drácula.
17.– Unha heroína? Pepa a Loba.
18.– A súa música favorita? Agora mesmo Das Kapital.
19.– Na pintura? O que fai Baldo Ramos.
20.– Un heroe ou heroína na vida real? Todos aqueles aos que o fascismo está asasinando en Ucraína.
21.– O seu nome favorito? Antonia.
22.– Que hábito alleo non soporta? O de molestar.
23.– O que máis odia? O neoliberalismo.
24.– A figura histórica que máis despreza? Franco.
25.– Un feito militar que admire? A batalla de Stalingrado.
26.– Que don natural lle gustaría ter? Levitar desde logo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer? De ningunha maneira me gustaría morrer.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual? Nin remota idea.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia? Aqueles que derivan da dor.
30.– Un lema na súa vida? Venceremos, claro.”